Á venda unha casa que forma parte do mosteiro cisterciense de Montederramo

É unha situación única en Galicia: a venda dunha vivenda familiar que forma parte do antigo mosteiro cisterciense de Montederramo, na provincia de Ourense. Unha excepcionalidade que pon sobre a mesa o recorrente debate sobre quen debe coidar e quen coida o noso patrimonio. 

Trátase dunha vivenda privada situada nun dos dous claustros de recinto monacal, o da hospedería, con xanelas á praza do mosteiro. Ocupa unha superficie aproximada de 200 metros cadrados e conta cun baixo industrial, no que outrora estivo unha panadería.

Publicidade

Está mellor preservado o patrimonio en mans da Igrexa, da Xunta, de concellos, de empresas ou de particulares? Para o presidente da Asociación para a defensa do patrimonio cultural galego (Apatrigal), Carlos H. Fernández Coto, a resposta non é fácil: “Danse situacións de todo tipo”, sinala.

Por exemplo, apunta, está o caso do rehabilitado mosteiro de Sobrado dos Monxes que tras a desamortización pasou a mans alleas á Igrexa, pero que regresou á Orde do Císter en 1966 e no que, hoxe en día, se conxuga a vida monacal e a actividade turística e mercantil (hospedería, albergue de peregrinos, venda de produtos elaborados polos monxes). Ou temos o exemplo do mosteiro de Monfero, propiedade do Arcebispado de Santiago que o cedeu gratuitamente á Consellería de Cultura en 2003 para a súa restauración e posible explotación turística mais segue en estado semi-ruinoso á espera dun proxecto que non acaba de chegar. 

Publicidade

E tamén, engade Fernández Coto, está o caso do claustro de Toxosoutos mercado por un particular que o trasladou á súa propiedade -o Pazo Pena de Ouro- en Noia, quedando fóra do ámbito público.  Ou a recente venda do convento e horta de Santa Clara por parte da Congregación das Clarisas ao Concello de Pontevedra, previa retirada de valiosos elementos patrimoniais, que foi transferido á Deputación de Pontevedra, e que ten un futuro por escribir.

“O que ten que facer a administración é protexer e conservar o noso patrimonio cultural e velar que calquera intervención, pública ou privada, cumpra coas obrigas marcadas pola Lei de Patrimonio”, subliña .

A desamortización de Mendizábal, no século XIX, puxo á venda numerosas terras e bens da Igrexa como este mosteiro cisterciense de Montederramo, o que posibilitou, desde entón e ao longo do tempo, a compra de espazos por particulares e a habilitación de vivendas familiares como a que agora está en venda, a instalación de negocios como unha panadería ou un restaurante ou mesmo que fose sede da escola pública de Montederramo ata o seu peche.

“A administración ten que protexer e conservar o noso patrimonio cultural e velar por que calquera intervención, pública ou privada, cumpra coas obrigas da Lei de Patrimonio”

Carlos H. Fernández Coto, presidente de Apatrigal

Ben de interese cultural desde 1951

O mosteiro de Santa María de Montederramo, declarado Ben de Interese Cultural en 1951, é un dos monumentos renacentistas máis importantes de Galicia. Os historiadores sitúan o inicio da súa historia no ano 1124, cando Dona Teresa de Portugal entregou ao abade Arnaldo e aos seus monxes beneditinos un terreo en Rivoira Sacrata, un lugar para fundar un convento, preto do actual emprazamento. En 1163 incorpóranse ao Císter e trasládanse a Montederramo, onde levantan un claustro e unha igrexa baixo a advocación de Santa María. 

Nos séculos seguintes chegou a acumular un gran patrimonio territorial, un dos máis grandes de España, froito de doazóns e privilexios reais. Coa desamortización que abriu a porta á venda das súas propiedades pasaron parte das súas dependencias a mans de particulares e a súa igrexa converteuse en parroquial. Unha destas dependencias é a que está á venda.

O presente e futuro de Montederramo, e doutros cenobios do Císter de Galicia, centran a atención de historiadores, estudosos da arte e defensores do patrimonio que traballan pola súa conservación e visibilización. Tamén ocupan o traballo da Asociación de Mosteiros do Císter de Galicia-Acigal, creada en 2015 co fin de vertebrar e coordinar as accións necesarias para promover, difundir, fomentar, protexer e soster o patrimonio cultural cisterciense e a súa contorna, que compón o Itinerario Cultural das Abadías Cistercienses, aprobado oficialmente polo Consello de Europa o 7 de xuño de 2010.

Mosteiro de Santa Maria de Montederramo
  1. Non entendo ben o que conleva a declaración de interese cultural .
    Conleva esa declaración algunha axuda ?
    Conleva por parte da Administración que ?

    Creo que moita declaración e despois nada de nada …
    As ruínas privan e a Administración as uvas ….

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De hórreos a torres medievais: 18 bens patrimoniais galegos entraron na Lista Vermella no último ano

Dez monumentos están en Lugo, catro na Coruña, dous en Ourense e dous en Pontevedra, segundo o catálogo da asociación Hispania Nostra

Novo espolio en Vimianzo: estragada outra histórica alvariza en monte Faro

O patrimonio de Cova do Raposo está preto de onde estaba a pedra furada que desapareceu e outra estrutura danada pola actividade madeireira

Mámoas roubadas e usadas como ramplas para motos: está en risco o patrimonio galego?

Os danos a elementos como petróglifos son relativamente habituais e en parte débese á súa fraxilidade e á dispersión da poboación en Galicia

Un pombal na Coruña e dúas antigas escolas en Cenlle entran na Lista Vermella do Patrimonio

Só no que vai de 2025, 14 novas estruturas foron incorporadas á catalogación realizada por Hispania Nostra, das cales tamén hai Bens de Interese Cultural