Luns 26 Febreiro 2024

Como previr o consumo de drogas na adolescencia

*Un artigo de

A adolescencia é un período clave no desenvolvemento. Entre outras cousas porque é moi probable que, durante esta etapa, a maioría dos adolescentes teñan que tomar decisións sobre o consumo de alcol, tabaco ou cánnabis mentres comparten momentos de lecer coas súas amizades. Se observamos os datos máis recentes da prevalencia de consumo de substancias en España atopamos que o alcol e o cánnabis son, respectivamente, as substancias legal e ilegal máis consumidas polos adolescentes. Nos últimos 30 días, o 53,6% consumiu alcol e o 14,9% consumiu cánnabis. Unha práctica usual é o consumo concomitante de ambas substancias, atopándose prevalencias do 54% no último ano e do 8,75 % no último mes.

A literatura científica mostra que esta práctica relaciónase cunha maior frecuencia e cantidade de consumo de ambas as substancias que cando se consomen soas, así como cunha maior probabilidade de conducir baixo o efecto das drogas, de realizar condutas sexuais de risco ou de presentar problemas de saúde mental a longo prazo.

Con todo, aínda que hai circunstancias que os adultos non podemos controlar, si podemos actuar fronte a estas situacións. Os pais podemos tomar decisións e educar os fillos en certas habilidades que lles axuden a manterse afastados das drogas e aprender condutas saudables. A nosa forma de comunicarnos, as nosas opinións, o agarimo que mostramos, as normas que establecemos e, sobre todo, o noso modelo de comportamento axudaranlles a reducir a probabilidade de que consuman alcol, tabaco ou outras drogas ilegais ou, pola contra, contribuirán a unha maior probabilidade de que as consuman.

O contexto é fundamental: menos conflito, menos consumo

Para entender este fenómeno é necesario considerar o contexto da persoa. A familia é o espazo primixenio no que aprendemos valores e desenvolvemos o sentido de pertenza. Isto fai que os pais poidan exercer unha gran influencia sobre os seus fillos durante as diversas etapas do desenvolvemento. De feito, a asociación entre o consumo de substancias na adolescencia e a relación coa familia está ben establecida pola literatura científica.

Unha maior presenza de conflito na familia predí un consumo máis prolongado e problemático. Polo contrario, o apoio e unha boa comunicación relaciónanse con menor risco de consumo.

Outro factor familiar amplamente estudado son as normas respecto ao propio consumo. Hai consenso en que cando os adolescentes non teñen normas claras ou perciben que os seus pais aproban o consumo, a súa frecuencia de uso de substancias é maior.

Actualmente resulta de interese o consumo conxunto de alcol e cánnabis na adolescencia. Parece que esta práctica é máis frecuente en mozos, pero non existen estudos previos que examinen a súa relación co funcionamento familiar en función do sexo. Esta análise resultaría interesante, pois, en función dos roles de xénero socialmente establecidos, os pais poderían fomentar comportamentos diferentes nos seus fillos que nas súas fillas. E os adolescentes, segundo o seu sexo, poderían interpretar o contexto familiar de maneira diferente.

Recentemente publicouse un artigo que pretende abordar estas cuestións. O obxectivo foi examinar a relación entre a comunicación, o apoio, a presenza de conflito na familia e o establecemento de regras e consecuencias, co consumo de alcol e cánnabis dunha mostra de adolescentes españois. As diferenzas examináronse en función de sexo e no marco temporal do último mes.

Segundo este estudo, o 23,9 % dos mozos e o 29,2 % das mozas consumira alcol nos últimos 30 días, mentres que o 9,9 % dos mozos e o 7,6 % das mozas consumiu alcol e cánnabis de forma conxunta. As mozas indicaron a presenza dunha mellor comunicación e máis apoio social nas súas familias que os mozos.

Consecuencias coherentes por saltarse as normas

Cales foron os resultados atopados sobre a relación das variables familiares co consumo destas dúas substancias? Os adolescentes non consumidores presentaron un mellor funcionamento familiar, unha mellor comunicación e apoio social, menor presenza de conflito e a presenza coherente de consecuencias por saltarse as normas.

Ademais, atopáronse algunhas diferenzas en función do sexo. Os mozos con maior conflito familiar tiveron unha maior probabilidade de ser consumidores tanto de alcol, como de alcol e cánnabis conxuntamente. Respecto ás mozas, unha mellor comunicación familiar e unha aplicación de consecuencias coherentes por saltarse as normas estivo asociada a unha menor probabilidade de consumo.

Á fin e ao cabo, a familia é unha peza clave tamén noutros problemas durante a adolescencia, como a conduta suicida. Por tanto, do mesmo xeito que existe a responsabilidade de atender e coidar o desenvolvemento dos nenos e adolescentes, resulta clave ter en conta á familia na elaboración de estratexias tanto de prevención como de intervención no consumo de substancias e outras iniciativas que aborden o seu benestar.

Nin moi ríxidos nin moi laxos

Pero volvamos á pregunta: que pode facer a familia para previr o consumo de drogas durante a adolescencia? Un ambiente familiar onde se fomente unha comunicación clara e honesta, os pais se mostren dispoñibles como fonte de apoio, existan normas claras e os conflitos se resolvan con agarimo e respecto diminúe a probabilidade de consumo, ensinando así mesmo ao adolescente un repertorio de habilidades que lle acompañará ao longo da súa vida.

É pouco probable que os adultos sexamos un modelo perfecto de conduta. Pero si convén saber que non supervisar que están a facer os nosos fillos, a ausencia de normas claras no funcionamento familiar ou a imposición de disciplina moi ríxida ou moi laxa incrementa a probabilidade de ter problemas de conduta e, polo tanto, de consumo de drogas.

Xa o dixo Benjamin Franklin hai moitos anos: uns gramos de prevención valen máis que un quilo de curación.


*Dalila Eslava, Estudande de Doutado no Departamento de Psicoloxía, Universidade de Oviedo

Carmela Martínez Vispo, profesora do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicolobioloxía, Universidade de Santiago de Compostela

Susana Al-Halabí, profesora do Departamento de Psicoloxía, Universidade de Oviedo

Víctor José Villanueva Blasco, director do Máster Universitario en Prevención en Drogodependencias e outras condutas aditivas, Universidade Internacional de Valencia

Cláusula de divulgación: As persoas asinantes non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes máis aló do cargo académico citado anteriormente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Isto é o que lle ocorre ao teu fígado cando deixa o alcol

Este órgano ten asombrosos poderes autocurativos pero ten límites, así que máis vale non abusar del bebendo en exceso

Primeiro día sen móbiles en escolas e institutos: “É un problema de saúde pública”

Numerosos expertos avalan a restrición dos teléfonos na mocidade, mentres algúns pais consideran que prohibir non é unha solución

A procura para converter o cánnabis nun potente medicamento

A marihuana resulta prometedora para tratar enfermidades como a depresión, a artrite e a epilesia

Un esperanzador fármaco podería reducir as ganas de beber alcol

Achan unha proteína que diminúe a motivación por conseguir esta substancia en contextos asociados ao seu consumo