O consumo de cocaína dispárase en Santiago: medra máis dun 65% no último ano

Un informe europeo sitúa a cidade como a terceira con maior presenza da substancia no Estado, acadando o valor máximo dende 2011

Santiago de Compostela convértese na terceira cidade española con maior consumo de cocaína segundo datos de 2025, cun incremento do 65,28%. Así o recolle o último informe do Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías (EMCDDA). Este ano, a cidade compostelá acada un novo máximo dende 2011, cando comezaron os rexistros: unha media de 1.007,84 miligramos diarios por cada 1.000 habitantes (mg/1000p/día). Trátase dunha suba notable respecto a 2024, cando a cifra se situaba en 609,79. “Dende 2016 hai unha tendencia á alza”, sinala José Benito Quintana, coordinador do estudo dende Galicia e investigador do Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas (IAQBUS) da Universidade de Santiago (USC).

Pero, como se obteñen estas cifras? A clave está na análise das augas residuais. O equipo liderado por Quintana recolle as mostras na EDAR de Silvouta, unha das 115 depuradoras de cidades europeas que participan no estudo e a única galega. Segundo explica o investigador, as mostras obtéñense mediante un sistema automatizado durante 24 horas, recollendo pequenas porcións cada 10-15 minutos, co obxectivo de lograr unha mostra representativa ao longo da semana na que se realiza a recollida. Nelas analízase a presenza de benzoilecgonina, o composto que o corpo produce tras metabolizar a cocaína.

Publicidade

As mostras recóllense entre marzo e maio, procurando evitar períodos festivos que poidan alterar os datos dunha semana habitual. Isto débese a que poden producirse desprazamentos por vacacións ou incrementos puntuais do consumo durante celebracións, como as festas do Apóstolo. “Queremos medir o consumo de fondo sen alteracións”, indica. Un fenómeno que xa se observa nas fins de semana, cando o consumo aumenta debido ao ocio. “Cada socio escolle un período de mostraxe; en Galicia propúxose incorporar máis localidades ao estudo e analizar as augas residuais durante dúas semanas ao ano”, engade José Benito Quintana.

Posto 13 no ránking

Santiago segue a tendencia marcada pola súa localización xeográfica. O informe sinala que o consumo de cocaína é máis elevado nas cidades do oeste e sur de Europa, especialmente en España. A capital galega sitúase no posto 13 do ránking, liderado por Whitehorse (Canadá), Middlesbrough (Reino Unido) e Copiapó (Chile). En España, só a superan Lleida e Granada.

O consumo tamén varía ao longo da semana. De luns a xoves rexístranse 778,51 miligramos diarios por cada 1.000 habitantes, mentres que nas fins de semana a cifra elévase ata os 1.179,84. O sábado é o día de maior consumo, seguido do domingo e o venres, nun contexto no que inflúen factores como a vida universitaria e o turismo. Pola contra, o martes presenta os valores máis baixos, con 652,98 mg/1000p/día.

Para comprender a evolución, cómpre remontarse a 2011, cando o consumo se situaba en 211,22 mg/1000p/día. Tras un leve aumento en 2012, a cifra descendeu ata os 130,21 en 2013. A partir de 2016 iníciase unha tendencia ascendente: en 2017 xa se acadaban os 342,68 miligramos, e entre 2018 e 2019 produciuse un incremento de case 200 unidades. A evolución non foi completamente lineal: en 2023 rexistráronse 627,43 mg/1000p/día e en 2024 unha lixeira baixada ata 609,79, pero en 2025 supérase por primeira vez o limiar dos 1.000 miligramos. “É unha subida lineal cunha tendencia continuada no tempo”, explica Quintana.

Hipóteses sobre o consumo

Este estudo non mide o número de consumidores, senón a cantidade consumida. Segundo o investigador da USC, “as hipóteses do Observatorio Europeo apuntan a un aumento da pureza da cocaína, do número de consumidores e da oferta; todo indica que se trata dun fenómeno combinado”. Neste sentido, sinala que a produción en Sudamérica e Centroamérica puido incrementarse, facilitando unha maior chegada a Europa. Isto tradúcese nunha maior dispoñibilidade, maior pureza e prezos relativamente estables.

A pureza depende da mestura con outras substancias, incluídos determinados fármacos que poden potenciar os seus efectos. De feito, o Informe 2025 de Alcol, tabaco e drogas ilegais en España do Ministerio de Sanidade indica que a pureza media da cocaína mantense en niveis elevados, situándose no 73% durante o segundo semestre de 2024.

Triangulación metodolóxica

A análise de augas residuais é só unha das ferramentas para estudar o consumo de drogas ilegais. “Trátase dun estudo realizado durante unha semana ao ano, polo que a comparación interanual debe interpretarse con coidado”, apunta Quintana. Outra metodoloxía habitual son as enquisas, que achegan información complementaria. “As augas residuais permiten unha análise directa, sen o nesgo das enquisas, especialmente no caso das substancias máis estigmatizadas”, explica. Mentres drogas como a heroína ou as metanfetaminas adoitan estar infradeclaradas, o consumo de cocaína ou alcol recoñécese con maior facilidade. As enquisas permiten segmentar por xénero ou idade, mentres que as análises químicas ofrecen a globalidade. “O obxectivo é triangular os indicadores e obter unha visión conxunta”, resume.

Outras drogas

A ketamina incorporouse ao estudo en 2024, cun consumo de 3,97 mg/1000p/día, tras detectarse unha tendencia á alza nos anos previos. En 2025, a cifra ascende xa a 5,26 miligramos, situando Santiago no quinto posto entre as cidades españolas. No caso do chamado tusi ou cocaína rosa, trátase dunha mestura que adoita incluír ketamina e MDMA. Con todo, segundo o investigador, obsérvase unha transición cara ao consumo directo de ketamina.

Pola súa banda, o MDMA presenta unha tendencia desigual: aínda que en Europa parece descender, en España mantense estable con picos desde 2011 e un repunte a partir de 2019. En 2025 achégase ao seu máximo histórico con 31,68 mg/1000p/día, o que sitúa tamén a Santiago no terceiro posto. “Estase a comezar a substituír o MDMA pola ketamina”, indica Quintana.

Ademais, tamén se detecta un aumento no consumo de cánnabis, mentres que as anfetaminas e metanfetaminas permanecen estables. O investigador advirte tamén da aparición de novas substancias, como as catinonas sintéticas, que imitan os efectos das anfetaminas e da cocaína. “Algúns usuarios prefírenas ao MDMA, pero aínda non existe un método estandarizado para analizalas no estudo europeo”, sinala. O propio sistema de análise evoluciona continuamente: “cando unha substancia se regula, adoita incorporarse outra ao seguimento”.

Como actuar?

A partir destes datos, as administracións poden deseñar estratexias de intervención. Segundo José Benito Quintana, as campañas de prevención e sensibilización seguen a ser a ferramenta máis eficaz. Reducir a oferta tamén sería unha vía, aínda que resulta especialmente complexa nun contexto de economía mergullada. En definitiva, os datos debuxan unha realidade en cambio constante que require respostas coordinadas, sostidas no tempo e baseadas en evidencia científica.


Podes acceder ao último informe da EMCDDA na seguinte ligazón.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De cervos a cabalos: este era o menú dos neandertais que habitaban Cova Eirós

Un novo método baseado en coláxeno aplicado dende a USC identifica restos óseos fragmentados e amplía o coñecemento sobre a súa alimentación

Gumersindo Feijoo, novo director científico do CRETUS

O enxeñeiro químico é catedrático da USC dende o 2008, está entre o 2% de científicos máis citados do mundo e destaca polo seu labor divulgador

A dixitalización das aulas avanza amodo en Galicia: “Hai centros que queren volver ao papel, é preocupante”

Un proxecto estatal con persoal dos campus galegos analiza durante máis dunha década os materiais didácticos da ESO e insta a un cambio de paradigma

Unha nova Unidade Mixta da USC impulsa terapias innovadoras en cancro e enfermidades inflamatorias

A colaboración con SunRock Biopharma integra grupos do CiMUS para validar candidatos terapéuticos en fases temperás