A experiencia inmersiva Alerta Verde: como pode o alumnado salvar o seu instituto dende a sostibilidade

O proxecto do CINTECX propón un videoxogo en formato 'escape room' para fomentar vocacións científicas e compromiso ambiental

Converter o alumnado dos institutos en inspectores enerxéticos para que sexan elas e eles mesmos os que resolvan os problemas ambientais dos seus propios centros educativos. Este é o espírito do proxecto Alerta Verde: Salva o teu Centro coa Misión Cintecx, unha iniciativa impulsada polo Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais e financiada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) dende a Universidade de Vigo.

Esta experiencia educativa inmersiva, que se lanzará oficialmente este mércores 25 de marzo, busca capacitar o alumnado a través da experimentación e o xogo, mergullándoo nunha misión para resolver problemas enerxéticos e estruturais dos seus institutos. Así, convértense nos heroes e heroínas da súa comunidade educativa. Os principais obxectivos son aumentar o coñecemento en enerxías renovables, sostibilidade e economía circular; fomentar as vocacións STEM; e promover a conciencia social e ambiental con solucións tecnolóxicas sostibles.

Publicidade

O proxecto está deseñado para achegar a ciencia e a tecnoloxía, especialmente ao alumnado, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Ademais, tamén se dirixe a colectivos cun menor acceso a actividades de divulgación científica, como persoas hospitalizadas, grupos sociais con menor participación e persoas adultas interesadas en continuar a súa formación.

Como salvar o instituto?

Os centros poderán escoller a modalidade en liña, que inclúe un videoxogo escape room —o eixo central do programa— e actividades gamificadas, ou a modalidade híbrida, que tamén lles permitirá realizar unha visita guiada aos laboratorios e actividades científicas reais.

Publicidade

Este videoxogo permite ao alumnado resolver os fallos que afectan á estrutura, tratamento de augas, calefacción e enerxía dun centro ficticio. Para iso, empregan ferramentas tecnolóxicas reais e sostibles como drons, xeorradares, kits de purificación, tecnoloxías baseadas en hidróxeno e convertedores electrónicos. Esta actividade combínase coa presencialidade: o alumnado poderá adentrarse nos laboratorios do Cintecx, con equipos reais e infratrestruturas científicas relacionadas coas tecnoloxías do xogo.

Pero a iniciativa non remata cando se resolve o escape room. Esténdese con accións secundarias como exposicións itinerantes con pósteres científicos creados polo alumnado ou coa participación en feiras. Ademais, tamén existe unha Toolbox, un repositorio educativo dixital aberto que reúne todos os materiais xerados durante o proxecto, dende recursos para o profesorado e contido de apoio ata materiais divulgativos sobre as tecnoloxías utilizadas.

Percorrido por Galicia

A inauguración do proxecto Alerta Verde no auditorio do Cintecx incluirá unha mesa redonda con profesionais da divulgación, investigación e docencia, así como testemuños en primeira persoa do alumnado do IES O Castro de Vigo, que participará no proxecto ese mesmo día nas instalacións do centro. O acto completarase cunha presentación detallada da iniciativa. Ademais, contarase coa colaboración de asociacións e entidades como Down Galicia e Vigo, a Asociación Secretariado Xitano e a Asociación Galega de Divulgación Cientifica Divulgacción, entre outras.

A partir dese momento, iniciará un tour entre o 27 de marzo e o 14 de abril por centros educativos e outros espazos e Galicia. As experiencias presencias no Cintecx desenvolveranse os días 15 e 16 de abril e 8 de maio. Así mesmo, prevese a participación en seis feiras a nivel local, nacional e internacional, cun alcance potencial superior ás 3.000 persoas.

Ata o de agora, na primeira fase dirixida a centros educativos, xa confirmaron a súa participación 12 centros das catro provincias, que suman un total de 390 participantes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro

Científicos galegos e arxentinos desvelan o potencial do cacho de gambón para protexer a retina

Un estudo desenvolve nanopartículas antioxidantes derivadas de residuos pesqueiros con resultados prometedores en probas in vitro