As augas residuais de Santiago revelan menor consumo de cocaína pero un rápido aumento de MDMA

A capital galega tamén está no top 20 de cidades europeas auditadas que máis cannabis consomen

Santiago reduce o consumo de cocaína pero experimenta un rápido crecemento do MDMA. Esa é a conclusión que se extrae do último informe do Observatorio Europeo das Drogas e das Toxicomanías (EMCDDA, polas súas siglas en inglés). O documento, que se deu a coñecer este mércores, recolle a análise diaria de augas residuais de 104 cidades europeas de 21 países. O seu obxectivo é avaliar o consumo de seis substancias: cocaína, MDMA, cannabis, metanfetaminas, anfetaminas e ketamina. Segundo os resultados, as tres primeiras son as que máis se consomen en Santiago.

Máis polo miúdo, a cocaína constata a súa tendencia de descenso na capital galega. Despois de varios anos integrando o top 20 de cidades nas que máis se consumía esta substancia, Santiago consegue saír da lista en 2022. De feito, tamén é a zona urbana de todas as analizadas de España —Tarragona, Lleida, Valencia, Barcelona e Castellón— na que menos cocaína se consome.

Publicidade

De todas formas, a media diaria é de 505,1 miligramos por cada 1.000 habitantes, moi por enriba da cifra que se rexistraba en 2011 (211,22), ano no que se comezou a elaborar o informe. Aínda así, dende 2020 experimentouse un lixeiro descenso. O ano da pandemia notificaba unha media diaria de 610,70 e xa comezaba a baixar en 2021 (546,97). Amais diso, os gráficos mostran un consumo de cocaína claramente asociado coa fin de semana, dado que o sábado, domingo e venres son os días nos que máis se consome.

A substancia que experimenta un aumento do seu consumo en Santiago, en comparación cos anos anteriores, é o MDMA. De feito, a capital galega está no top 20 das cidades europeas que máis consomen esta substancia. Aínda así, Santiago (30,41) está lonxe de Ámsterdam (182,32), que lidera a lista. Os datos elevados constátanse en España, converténdose na segunda cidade na que máis se consome MDMA, só por detrás de Barcelona (45,53).

Publicidade

De feito, estes datos veñen avalados por un rápido crecemento do seu consumo nos últimos anos. Mentres que en 2011 a media diaria era de 5,99, dende 2019 experiméntase un rápido aumento. A repunta constatouse en 2020 (29,64), reduciuse en 2021 (17.78) e volveu subir en 2022. De igual modo que acontece coa cocaína, os domingos, sábados e venres son os días nos que máis se consome, rexistrando un forte descenso o resto da semana.

En relación ao cannabis, Santiago volve estar no top 20 das cidades que máis o consomen, ostentando o posto número 15 cunha media diaria de 92,81. En España tamén está entre as que máis consomen esta substancia, só por detrás de Barcelona (151,1) e Valencia (93,94). Respecto ao 2011, non se rexistran cambios moi significativos. No primeiro ano de elaboración do informe detectárase unha media de 78,79, sendo o seu pico máis baixo en 2013 (56,72). O maior consumo rexistrouse en 2019 (120,06) e foi decaendo ata o 2022, ano en que volve repuntar. Curiosamente, rompe a tendencia das anteriores substancias e o martes é o día da semana no que máis se conmome, seguido do venres e do sábado.

As outras tres drogas analizadas son as metanfetaminas, as anfetaminas e a ketamina. Desta última non se obtiveron datos, sendo este ano o primeiro que se inclúe na nómina de drogas a analizar. Chama a atención a metanfetamina, cunha media de 1,56 que non se detectara ata este ano. As anfetaminas, pola contra, experimentaron un forte descenso dende 2011, cunha media de 33,84, que se ve reducida ata o 8,35 de 2022.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O consumo de cocaína dispárase en Santiago: medra máis dun 65% no último ano

Un informe europeo sitúa a cidade como a terceira con maior presenza da substancia no Estado, acadando o valor máximo dende 2011

Recaer no consumo de cocaína non é falta de vontade: así é como a droga reconfigura o cerebro

Un estudo revela o mecanismo polo que a substancia altera o funcionamento do hipocampo e provoca a compulsión continua por consumila

Un novo método galego para mellorar o tratamento de augas residuais

Un equipo de investigación da Universidade de Santiago propón novas solucións para mellorar os efluentes das estacións depuradoras e recuperar recursos valiosos como nutrientes e enerxía

Un informe europeo rexistra por primeira vez consumo de ketamina en Santiago

A análise das augas residuais da EDAR da Silvouta revela cantidades oscilantes de cocaína, MDMA, cánnabis, metanfetaminas e anfetaminas