Venres 26 Abril 2024

A Academia Galega de Ciencias celebra o ingreso de tres novos académicos correspondentes

Francisco Marcellán, Jorge Martínez e Juan Ramón Sanmartín manifestaron o seu compromiso coa evolución da ciencia en Galicia

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou esta tarde o acto de ingreso de tres novos académicos correspondentes: o matemático Francisco Marcellán, que entra na Sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación da institución; o economista Jorge Martínez, na Sección de Ciencias Económicas e Sociais; e o físico Juan Ramón Sanmartín, na Sección de Ciencias Técnicas. O evento tivo lugar no compostelán Pazo de San Roque.

O presidente da RAGC, Juan Lema, abriu o acto, ao que asistiron outros académicos, así como o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago, Gumersindo Feijoo; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Salvador Naya; a vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo, María Isabel Doval; e o comandante director da Escola Naval Militar de Marín, Pedro Cardona; entre outros representantes de entidades políticas, culturais e académicas galegas.

Publicidade

O presidente da Academia manifestou a súa “satisfacción” polo ingreso destes “tres científicos comprometidos coa ciencia e a sociedade e cunha magnífica proxección internacional nos seus correspondentes campos”. De Jorge Martínez-Vázquez puxo de relevo “o seu inxente labor no desenvolvemento de políticas fiscais en máis de 80 países e a súa enorme dedicación á formación, con máis de cen doutorandos”.

No caso de Francisco Marcellán, resaltou “a súa solidez científica no desenvolvemento e implementación do sistema de ciencia e tecnoloxía en España”. E con respecto a Juan Ramón Sanmartín, destacou “a súa gran traxectoria internacional, con descubrimentos transcendentais nun campo que non tiña tradición no noso país como é o aeroespacial”.

O economista Jorge Martínez-Vázquez referiuse ao sistema tributario como o “chanzo más débil” para o desenvolvemento económico e o benestar social dos países

No seu discurso, o economista Jorge Martínez-Vázquez (Vilagarcía de Arousa, 1948) sinalou que “o sistema tributario continúa sendo o chanzo más débil para o desenvolvemento económico e o benestar social dos países”. Nesta liña, indicou que “un bo sistema tributario é clave para ter bos sistemas de educación, saúde e infraestrutura e para o desenvolvemento económico e benestar dos países. En moitos países desenvoltos, como é o caso de España, necesitamos e merecemos mellores servizos pero non queremos pagar os impostos. Así, unha fonte importante de fricción política e civil é o desexo dos cidadáns de ter servizos públicos ao nivel de Dinamarca pero pagar impostos ao nivel de Zimbabue”. En relación á eficacia da administración tributaria, manifestou que cómpre “introducir dous novos paradigmas: a educación do contribuínte e o desenvolvemento da moral do contribuínte para incrementar a eficacia recaudatoria. Os contribuíntes mellor informados e que teñen máis confianza no seu goberno e nas institucións pagan voluntariamente más impostos e non polo medo a ser castigados”.

O físico Juan Ramón Sanmartín estudou mecanismos que no futuro poderían contribuír á eliminación do lixo espacial e á exploración dos grandes planetas do Sistema Solar

O físico Juan Ramón Sanmartín Losada (A Estrada, 1941) amosou a súa “enorme satisfacción” por entrar a formar parte da Real Academia Galega de Ciencias. Na súa intervención fixo un repaso pola súa traxectoria profesional, poñendo o foco no feito de que no ano 1991 introduciu o concepto bare tether -amarra espacial espida- na tecnoloxía emerxente de amarras espaciais, uns mecanismos que poderían contribuír no futuro á eliminación do lixo espacial e á exploración dos grandes planetas do Sistema Solar.

Estes cables quilométricos -condutores e non illantes- pódense despregar no espazo desde satélites artificiais, interacionarían co medio e esa interacción podería ser aproveitada para diversos usos, entre eles a eliminación do lixo espacial e a exploración dos planetas Xúpiter, Saturno, Urano e Neptuno, xa que a interacción dos cables co plasma podería servir para xerar electricidade. A Axencia Espacial Europea aproboulle en 1993 un experimento de demostración con Alcatel Space para os Columbus Precursor Flights; seguíronlle outros proxectos para a NASA e para a propia ESA.

Francisco Marcellán salientou que “as matemáticas contribúen ao desenvolvemento económico dun país”

Pola súa parte, o matemático Francisco Marcellán Español (Zaragoza, 1951) fixo referencia á súa “vinculación coa ciencia galega”. Así, lembrou os anos nos que estivo vencellado como profesor á Universidade de Santiago de Compostela, “onde puiden comprobar o impulso que os matemáticos da USC desenvolvían de cara a internacionalizar a nosa disciplina e consolidar unha comunidade científica tamén no ámbito español”. No seu discurso deixou patente: “Creo e defendo que a comunidade matemática non só vive para si, senón que ten un compromiso coa sociedade”.

Nesta liña, o matemático fixo referencia “á formación no sistema educativo de estudantes novos, que deben percibir a matemática como un instrumento de primeiro orden para conformar a súa personalidade autónoma e crítica”. Así mesmo, salientou como reto a necesidade de “superar a escisión entre a cultura humanística e a científica” e apuntou que “as matemáticas contribúen ao desenvolvemento económico dun país”, polo que reclamou “o apoio das administracións públicas, un punto débil en comparación co que desenvolven outros países do noso entorno”. E concluíu a súa intervención afirmando: “Desexo que a miña experiencia, non só como investigador senón como participante activo no avance da comunidade científica do noso país desde diversas responsabilidades no pasado, contribúa a consolidar as apostas da Real Academia Galega de Ciencias”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Academia de Ciencias premia a investigación de “alto nivel” producida en Galicia

Os galardóns foron para Diego Peña e Marcos Fernández, máis dúas mencións honoríficas a Luis Carral e Sergio Vila

Aberto o prazo de inscrición para os Premios á Transferencia de Tecnoloxía 2023

As candidaturas poderán presentarse ata o 15 de abril de forma telemática

A Academia de Ciencias premia un estudo galego que foi portada da prestixiosa revista ‘Science’

O outro proxecto galardoado, tamén da USC, é un sistema de recuperación de información capaz de proporcionar resultados correctos e cribles

María Loureiro: “O estigma do ‘Prestige’ fixo que ninguén quixera peixe da costa galega”

A economista pontenovesa é unha das investigadoras con máis impacto do mundo e toma posesión este mércores como académica da Real Academia Galega das Ciencias