A Academia de Ciencias premia a investigación de “alto nivel” producida en Galicia

Os galardóns foron para Diego Peña e Marcos Fernández, máis dúas mencións honoríficas a Luis Carral e Sergio Vila

A institución celebrou no Pazo de San Roque o acto de entrega da 32ª edición dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2022, que xa fallara o mes pasado. O equipo de investigadores liderado por Diego Peña, portada de Science por ser responsable de ver e manipular as cargas eléctricas dunha molécula por primeira vez recibiu un dos premios da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) esta tarde. Unha investigación sobre a detección de desinformación relacionada coa saúde nos medios online realizada polo grupo de Marcos Fernández tamén levou un galardón e outorgáronse dúas mencións honoríficas a Luis Carral e Sergio Vila.

Os galardóns están destinados a promover e recoñecer a investigación no eido das matemáticas, física e ciencias da computación, química e xeoloxía, bioloxía e ciencias da saúde, ciencias técnicas e ciencias económicas e sociais. Presentáronse un total de 66 traballos nas dúas modalidades establecidas: traballo de investigación realizado por investigadores sénior e traballo de investigación para incentivar a promoción de mozos investigadores menores de 30 anos.

Publicidade

“Os catro traballos premiados representan un grande exemplo da investigación de alto nivel que se está a producir en Galicia”

Juan Lema, presidente da RAGC

O presidente da RAGC, Juan Lema, amosou “satisfacción polo elevado nivel das candidaturas presentadas, nas cinco áreas da Academia, que fixo moi difícil o labor do xurado. Traballos que contemplan tanto investigación básica como orientada na procura de solucións reais a problemas que se presentan na nosa sociedade”. Segundo palabras do presidente, “os catro traballos premiados representan un grande exemplo da investigación de alto nivel que se está a producir en Galicia”.

Asistiron ademais outros académicos da institución como o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago, Gumersindo Feijoo; a vicerreitora de Estudantes, Participación e Emprego da Universidade da Coruña, M.ª José Lombardía; o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa; e o comandante director da Escola Naval Militar de Marín, Pedro Cardona, entre outros representantes de entidades políticas, culturais e académicas galegas.

Publicidade

Estudo pioneiro sobre moléculas individuais

O proxecto premiado na modalidade de investigadores sénior foi para o equipo liderado por Diego Peña, do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, xunto a investigadores da compañía IBM en Zúric e das Universidades de Oxford, King Abdullah de Arabia Saudita e Regensburg (Alemaña). Lograron por primeira vez modificar moléculas individuais de forma selectiva, rompendo ou formando ligazóns entre os seus átomos a vontade. O avance, que foi portada da prestixiosa revista Science, supón un control sen precedentes a escala molecular. Permitirá crear máquinas moleculares artificiais inimaxinables até agora, capaces de realizar tarefas como a distribución intelixente de fármacos e con múltiples aplicacións na medicina e na industria.

Contra as fake news sanitarias

O proxecto premiado na categoría de investigadores mozos foi para un traballo destinado á detección de desinformación relacionada coa saúde nos medios online, liderado por Marcos Fernández, do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago. O equipo desenvolveu un sistema de recuperación de información capaz de proporcionar resultados correctos e cribles, mediante a aplicación de técnicas de Intelixencia Artificial (IA) e de procesamento da linguaxe natural. O traballo foi publicado en 2022 na revista Engineering Applications of Artificial Intelligence.

Dúas mencións honoríficas

A Academia concedeu unha mención honorífica na modalidade de traballo de investigación a un proxecto centrado na aplicación dos residuos da depuración de bivalvos en Galicia para a recuperación dos ecosistemas mariños mediante a creación de arrecifes artificiais. É un proxecto multidisciplinar coordinado por Luis Carral, da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (Universidade da Coruña). Estes arrecifes verdes terán como obxectivo mitigar a degradación dos ecosistemas costeiros, co fin de incrementar a súa produción de xeito sustentable, adaptándose ademais o seu deseño á realidade e ás características particulares de cada ría.

A RAGC concede tamén unha mención honorífica na modalidade de promoción de mozos investigadores a un traballo que analiza por que a cidadanía se amosa reticente ao uso de auga reciclada (auga residual tratada) como solución á escaseza deste recurso, a pesar de que se trata dunha tecnoloxía sostible. Os seus autores, dirixidos por Sergio Vila,  desenvolven o seu labor no Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Podcast | A prometedora tecnoloxía galega de entrega de fármacos (nas células)

O investigador do CiQUS Alberto Fuertes explica cales son as aplicacións e os obxectivos do proxecto TraffikGene

Todo caduca: o investigador que recrea obras de arte para estudar como envellecen

Un experto en ciencia de materiais colabora co CGAC para avaliar a calidade e durabilidade dos materiais que se empregan no patrimonio artístico do centro galego

Podcast | As claves do éxito do CiQUS, un centro de excelencia científica

O director científico, José Luis Mascareñas, e a directora adxunta, Dolores Pérez, analizan os trece anos de percorrido da institución

Un vehículo molecular de boro para levar fármacos ás células? Así o estudan na USC

Un equipo do CiQUS, en colaboración con químicos alemáns, aplica unha nova estratexia para superar a muralla de lípidos e liberar as moléculas bioactivas