Galicia rexistra unha tendencia á baixa no consumo de alcohol e drogas no alumnado de secundaria

A última enquisa do Ministerio de Sanidade detecta un descenso no uso de bebidas alcohólicas e enerxéticas, tabaco, cánnabis e hipnosedantes entre a mocidade galega de entre 14 e 18 anos

Galicia amosa unha tendencia sostida á baixa no consumo de alcohol, tabaco, cánnabis, hipnosedantes e bebidas enerxéticas segundo os últimos datos da Enquisa sobre uso de drogas en ensinanzas secundarias en España (Estudes 2025) que elabora cada dous anos o Ministerio de Sanidade. O Consello da Xunta abordou este luns os resultados do estudo epidemiolóxico cuxo obxectivo é coñecer a situación e as tendencias de consumo de drogas e doutras adiccións entre o alumnado de secundaria de entre 14 e 18 anos. Os resultados de 2025, en comparación cos de 2023, amosan unha tendencia descendente en Galicia, que xa se sitúa por debaixo da media estatal.

Segundo explicou este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, os datos galegos baséanse nunha mostra estatal asignada á comunidade que se reforzou coa ampliación doutra específica promovida polo goberno autonómico. Os datos obtidos constitúen unha ferramenta clave para o deseño, seguimento e avaliación das políticas públicas de prevención das adiccións. A publicación dos resultados coincide no tempo coa entrada en vigor a pasada fin de semana da Lei de protección da saúde de persoas menores e prevención de condutas aditivas. Esta norma converte Galicia na primeira comunidade autónoma en prohibir bebidas enerxéticas e vapeadores aos de menos de 18 anos.

Publicidade

Consumos

Un dos principais resultados da enquisa é o descenso do consumo intensivo ocasional de alcohol, que pasou do 12,3% en 2023 ao 5,8% en 2025. Esta segue a ser a substancia máis consumida entre o alumando de 14 a 18 anos, dado que o 72,9% declarou ter consumido alcohol algunha vez na vida. Con todo, esta porcentaxe está 2,5 puntos porcentuais por debaixo da de 2023 (75,4). Ademais, Galicia está por debaixo da media estatal, tanto no consumo algunha vez na vida (72,9% Galicia e 73,9 España) como en uso recente.

O consumo nos últimos 30 días sitúase en Galicia no 51,3 % (51,8 % en España), cunha evolución descendente sostida (58,8 % Estudes 2023), que confirma que cada vez menos adolescentes galegos consomen alcohol de forma habitual. Galicia presenta rexistros inferiores aos estatais, confirmando unha evolución máis positiva e unha menor consolidación do consumo habitual na adolescencia galega. As condutas de maior risco tamén amosan unha evolución favorable. As intoxicacións etílicas nos últimos 30 días descenden e afectan o 17,9 % do alumnado (23,3 % no anterior Estudes).

Publicidade

Pola súa banda, o consumo de tabaco segue a diminuír de forma consistente, con prevalencias por debaixo do 30% algunha vez na vida e cun uso diario xa minoritario, que só chega ao 5,6%.

O cánnabis mantén unha tendencia á baixa, cun consumo algunha vez na vida situado arredor do 20% (20,2%), e cun descenso claro no uso recente (descende do 18,6 % ao 12,2 %), presentando prevalencias similares ou inferiores á media estatal e afastando a Galicia dos escenarios de maior risco observados noutras comunidades.

En canto aos hipnosedantes en 2025, Galicia mantense igualmente en niveis lixeiramente inferiores ao conxunto de España, cun menor peso do consumo sen prescrición médica (3,5% en Galicia nos últimos 30 días fronte ao 3,9% en España).

As bebidas enerxéticas presentan unha prevalencia do 31,3%, especialmente entre os rapaces, valores inferiores á media estatal (38,4 %), cun patrón máis contido nas idades máis temperás.

Comportamentos dixitais

“O 15,5% do alumnado galego de entre 14 e 18 anos presenta un uso problemático da Internet, dous puntos menos que en 2023″, indica. Ademais, esta cifra é inferior á media estatal, que se sitúa en 19,4% (20,5% en 2023). No que respecta á frecuencia problemática no uso de redes sociais nos últimos 30 días sitúase en Galicia no 20% e en España no 21,1%.

No caso dos videoxogos, o 83,7% (84,1% en 2023) do alumnado galego recoñece ter xogado no último ano; unha proporción que está por debaixo da rexistrada en España (84,4).

O xogo problemático con diñeiro entre menores continúa a ser residual en Galicia: 0 4,4% do alumnado do último ano (4,7% en 2023), fronte a porcentaxes máis elevadas no conxunto do Estado (4,9%, 0,9 puntos por enriba que en 2023).

En conxunto, os datos do Estudes 2025 confirman que Galicia presenta un perfil de comportamentos de risco máis contido e mellor evolucionado que a media estatal. O marco utilizado para seleccionar a mostra foi a poboación de estudantes matriculada en centros educativos de 3º e 4º da ESO, de 1º e 2º de Bacharelato, de 1º e 2º de ciclos de formación profesional básica e ciclos formativos de grao medio e formación profesional. O período de recollida de datos foi do 10 de febreiro ao 12 de maio de 2025.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O consumo de cocaína dispárase en Santiago: medra máis dun 65% no último ano

Un informe europeo sitúa a cidade como a terceira con maior presenza da substancia no Estado, acadando o valor máximo dende 2011

Recaer no consumo de cocaína non é falta de vontade: así é como a droga reconfigura o cerebro

Un estudo revela o mecanismo polo que a substancia altera o funcionamento do hipocampo e provoca a compulsión continua por consumila

Bebidas enerxéticas e vapeadores, prohibidos para os menores galegos a partir de marzo

A Xunta publica a nova lei de protección de saúde e convértese na primeira comunidade autónoma en vetar o consumo de novos produtos adictivos

Como a química do noso cerebro fai que as drogas tomen o control

O consumo de alcol e outras substancias intensifican a liberación de dopamina, o que fai que o órgano motive á persoa a volver conseguilas