As aldeas modelo son unha iniciativa da Xunta de Galicia que parte do abandono do rural. O seu principal obxectivo é producir, de xeito sustentable, as terras abandonadas de alto potencial que rodean os núcleos de poboación, contribuíndo así á creación de actividade agrogandeira e á redución do risco de incendios. Marta Gómez Fandiño, doutora e enxeñeira agrónoma luguesa, presentou como traballo de fin de máster un estudo neste ámbito que vén de ser galardoado na sexta edición dos Premios Rafael Crecente. O seu estudo analiza as aldeas modelo, o cumprimento dos obxectivos marcados pola lei que as ampara e se pode ser repicable noutras áreas.
Nas conclusións do estudo, Gómez afirma que “as aldeas modelo son unha iniciativa no marco da Lei de recuperación da terra agraria que busca afrontar obxectivos interrelacionados, que van desde a ordenación do territorio e a promoción do desenvolvemento rural sostible ata a promoción da igualdade de xénero, a mitigación do cambio climático e a mellora da seguridade alimentaria”. Un dos principais obxectivos do estudo era analizar se as aldeas modelo cumpren os obxectivos recollidos na normativa. Neste caso, os artigos 79 e seguintes da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, e o artigo 47 da Lei 6/2011 de mobilidade de terras. Para verificar isto a metodoloxía de traballo consistiu nunha análise documental da lexislatura que rixe as aldeas modelo, pero tamén doutras normativas transversais que a enxeñeira considerou de interese para este proxecto, como a lexislación relativa a ordenación de territorio, as aldeas verdes, etc.
Co conxunto destes datos, deseñáronse uns descritores que permitiron facer unha análise de todos os territorios. Na actualidade a Xunta de Galicia recoñece 21 aldeas modelo, das cales se seleccionaron tres para levar a cabo o estudo, explica Marta Gómez, “unha representativa de cada tipo de rural galego”. Para o espazo urbanizado escolleu Reboredo, no municipio de Pereiro de Aguiar (Ourense); para o abandonado, Bustelo de Fisteus, no municipio de Quiroga (Lugo); e, por último, para o rural activo, Francos de Proendos, no municipio de Sober (Lugo).

Como funcionan as aldeas modelo?
As aldeas modelo teñen que cumprir unha serie de condicións: as terras perimetrais deben estar na súa maioría nun estado de grave abandono, ao tempo que deben ter unha boa capacidade produtiva. Trátase dun instrumento completamente voluntario, polo que se o propietario das terras non quere participar, estas quedan excluídas. Do contrario, é necesario o acordo dun mínimo do 70 % da superficie. Ademais, as persoas propietarias dos terreos comprométense a incorporalos ao Banco de terras por un período mínimo de dez anos.
O traballo engade que estas iniciativas “adáptanse a contextos únicos, maximizando as fortalezas e oportunidades á vez que abordan debilidades e ameazas específicas para cada aldea. O seu éxito podería servir de modelo inspirador para outras áreas que se enfrontan a retos similares, promovendo un desenvolvemento rural máis sostible en toda a rexión”.
É neste contexto no que Marta Gómez explica que se están empezando a cumprir os obxectivos das aldeas modelo e que teñen “grandes beneficios para Galicia”. Por unha banda, fomentan a recuperación do territorio, poñendo en marcha terras que están paradas pero que foron produtivas; teñen beneficios para as explotacións que estén na zona, xa que poden aumentar a súa superficie agraria útil; e permiten aumentar a actividade agrogandeira no rural. Co cal, non só se pon en marcha a reactivación dos territorios, “senón que outras áreas tamén verán beneficios”, engade Gómez.
VI Premios Rafael Crecente
No contexto dos VI Premios Rafael Crecente, un galardón dotado cunha gratificación económica de 2.000 euros, a candidatura de Marta Gómez responde aos criterios establecidos nas bases do certame que naceu co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente, a mellora da produción agraria en sentido amplo e a contribución á xestión territorial sostible. Nestes premios tamén foron reseñables a proposta de recuperación dunha hectárea de superficie de castañal de Koate, en Lizartza (Guipúzcoa), presentada polo investigador vasco Akaitz Sarasola Mugertza; e o estudo de Vanessa Miramontes Viña, pola proposta “Emprendemento e enerxías renovables: as comunidades de enerxías renovables como base dun desenvolvemento rural sustentable”.
