O Informe Mundial sobre os Puntos de Inflexión é un estudo no que se presentan 26 elementos negativos do sistema terrestre actual sobre os que se debe poñer o foco para reverter a situación climática. Nel participan máis de 200 investigadores de 26 países. Nas conclusións do traballo deste ano afírmase que “a humanidade se atopa actualmente nunha traxectoria preocupante”. O informe foi elaborado por un equipo internacional coordinado polo profesor Tim Lenton da Universidade de Exeter (Reino Unido) e conta coa participación de Sebastián Villasante, profesor e investigador da área de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Segundo Villasante, “estamos seguindo unha traxectoria que non cumpre a necesidade de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro para alcanzar os obxectivos que se abordan nos cumios climáticos”. De ahí xorde a necesidade de redactar un informe, que determina que “a velocidade dos cambios que están a suceder no planeta é moito maior do que poden asumir as accións gobernamentais actuais”. As conclusións do estudo déronse a coñecer o pasado mércores na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático de 2023 (COP28), que se celebra desde o 30 de novembro ata o 12 de decembro de 2023 en Dubái.
O novedoso deste informe é que identifica por vez primeira vez puntos de inflexión sobre os que se deben enfocar as accións dos gobernos. Un punto de inflexión prodúcese “cando un pequeno cambio desencadea unha transformación dos sistemas (terrestres, mariños, fluviais, etc.) dun xeito rápido e potencialmente irreversible”, explica Villasante. A importancia de coñecer estes elementos reside en que “nos permiten detectar os sistemas máis danados e poder levar a cabo accións que xeren cambios positivos”, afirma.
As seis claves para reverter a situación
No informe os investigadores detectaron 26 puntos de inflexión negativos e, a raíz diso, formularon unhas recomendacións clave para cambiar de rumbo rapidamente, incluída a acción coordinada para desencadear puntos de inflexión positivos en múltiples sectores, como a alimentación, a enerxía e o transporte. Estas claves son: eliminar progresivamente os combustibles fósiles e as emisións derivadas do uso da terra; reforzar a adaptación e a gobernanza de “perdas e danos”, recoñecendo as desigualdades entre nacións e dentro delas; incluír os puntos de inflexión no Global Stocktake, o “inventario” climático mundial; coordinar os esforzos políticos para desencadear puntos de inflexión positivos; e, por último, convocar un cumio mundial urxente sobre os puntos de inflexión e profundizar no seu coñecemento. Villasante explica que este último punto ten especial relevancia xa que “se non coñecemos os puntos de inflexión e non se teñen en conta na toma de decisións, vai ser moi difícil dar resposta efectiva aos cambios que están tendo lugar nos ecosistemas”.
O problema é que se seguimos coa traxectoria actual, “cinco puntos de inflexión detectados no sistema terrestre teñen unha alta posibilidade de colapsar“, alerta o profesor. Cando os sistemas funcionan de forma correcta estes abastecen de beneficios á sociedade e ao planeta, con todo, a situación actual está a facer que determinados sistemas como os casquetes glaciares de Groenlandia e a Ántartida occidental, a circulación do xiro polar do Atlántico Norte, os arrecifes de coral de augas cálidas e outras rexións do permaxeo, teñan previsión de colapsar na década de 2030. Isto provocará unha “perda catastrófica a escala mundial da capacidade de produción de cultivos básicos”, engaden no informe.
Os puntos de inflexión positivos
No informe tamén se trata a relevancia dos puntos de inflexión positivos que xeraron grandes avances. “Temos que dar prioridade e desencadear puntos de inflexión positivos nas nosas sociedades e economías”, destaca o investigador. Pon como exemplo os coches eléctricos ou o plan de transporte público e de peonalización da cidade de Pontevedra. Tamén expón outro que non está citado no informe pero que salienta como “exemplo de boa gobernanza”, como é o caso da xestión da conxestión dos recursos mariños, que desencadeu cambios positivos no marisqueo na reserva de Lira (A Coruña). “Ese tipo de xestións xeraron as condicións propicias para facer as cousas de forma diferente”, afirma.
Villasante confirma que unhas políticas “coordinadas” e dirixidas a estes sistemas que se atopan nunha situación crítica poden desencadear en puntos de inflexión positivos en diferentes sectores, o que “cambiaría o rumbo da situación actual”. Ademais, no informe engádese que centrarse nos puntos de inflexión positivos “evitaría penurias a milleiros de millóns de persoas, reduciría en billóns de euros os danos relacionados co clima e empezaríase a restaurar o mundo natural do que dependemos”.