Domingo 28 Abril 2024

A imaxe desoladora do marisco morto en Noia e Rianxo: a borrasca Domingos arrasa toneladas de bivalvo

As praias de Testal e A Torre protagonizan outro episodio de mortandade nun contexto de caída en picado da produción

O sector do marisqueo en Galicia está nas súas horas máis baixas e a voz de alarma soou hai anos. En 2021 evidenciáronse as perdas millonarias do sector. As licencias caen cada ano pola falta de marisco que recoller e vender nas lonxas. Os traballadores do mar atesouran o pouco marisco que dá a talla para comercializar e poñen as esperanzas nas crías. Con todo, non contaban con que Galicia ía sumar unha vintena de días de chuvia e temporais consecutivos. Esta fin de semana, as praias de Testal en Noia e A Torre en Rianxo, cuxas confrarías sofren a caída da produción, amenceron cun manto de marisco morto. Xa non contaban coa campaña de Nadal e, agora, está en xogo que poidan mariscar o ano que vén.

Francisco Pérez, presidente da Confraría de Noia, explica que morreron berberechos, ameixas e navallas. Por unha banda, apunta que as intensas precipitacións que acumula Galicia dende hai semanas estragaron o marisco, e por outra, a presa do Tambre xestionada por Naturgy foi aberta por exceso de caudal e terminou por afogar o marisco. Isto provocou un aumento de auga doce na ría, o que debilitou o marisco e propiciou que os mariscadores de Noia non puidesen mariscar nin dúas semanas seguidas. “Nós xa non temos campaña de Nadal e ata o ano que vén non volvemos ao mar. Se se repiden estes episodios, a campaña de Nadal non vai ser nada especial. Hai moita cría e ten que morrer e non competir con outra”, explica Pérez.

Publicidade

Non é a primeira vez que o temporal devasta os bivalvos en Noia ou Rianxo. De feito, hai anos, lembra Pérez, tiveron que cesar a actividade pola mortandade que ocasionaron as riadas. “Cada vez hai menos marisco”, sostén. Explica que o existente non medra e que non consiguen as medidas comerciais. As expectativas estaban postas na cría que estaría lista para recoller o ano que vén. Contaban con que 2024 fose un bo ano e puidesen recuperar as perdas dos anteriores pero, agora, isto non está asegurado. “Os ánimos están polo chan. A noticia mala é que non hai marisco. Ao haber moita cría poderiamos recuperarnos”, apunta.

“Os ánimos están polo chan. A noticia mala é que non hai marisco. Ao haber moita cría poderiamos recuperarnos”

FRANCISCO PÉREZ, presidente da Confraría de Noia

De feito, non van mariscar para que a cría “se levante” e repousar así as zonas de extracción. Pero, de súpeto, a borrasca Domingos, Ciarán e as anteriores afogaron os bivalvos. Dende a confraría rezan para que o vindeiro verán veña un nordés intenso con afloramentos na ría. Na beira das praias de Noia e Rianxo hai toneladas de bivalvos mortos pero Pérez apunta que “o que queda no canal ou vai ao mar é moito máis” que o que se observa nas imaxes que se difundiron sobre o episodio. Na crise do marisco entran en xogo varios factores Como sinala José Pelayo, decano do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, o primeiro problema radica na falta de carbonato cálcico, o que provoca que o marisco non poida vivir nin medrar. O cambio climático e a subida da temperatura do mar están alterando os ecosistemas onde nacen e se reproducen estes organismos. Evidenciouse este ano con varios episodios de mortandade masiva de marisco.

A beira da praia cubriuse dun manto de marisco morto. Vídeo: Confraría de Noia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo método da USC axudará a combater o furtivismo marisqueiro en Galicia

Tres investigadores estiman que entre 2012 e 2020 máis de 1.700 persoas extraeron de forma ilegal 660 toneladas de marisco

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia
00:00:22

Ibai, Luceira e Lula: as tres tartarugas que vararan en Galicia volven ao mar

Despois de pasar por un centro de recuperación e expulsar todos os plásticos do tracto dixestivo poden regresar ao océano
00:03:22

"As bólas de plástico supoñen un problema para centos de anos"

Un equipo de Gciencia desprázase coa confraría de pescadores ata a praia de Boa, onde realizan unha visita de verificación