A Lanzada volve cubrirse de navallas mortas durante outra subida da temperatura do mar

O anterior episodio ocorreu hai tan só un mes e a Consellería do Mar apunta que as augas cálidas poden ser a causa desta perda de marisco

A temperatura do Atlántico Norte está acadando escenarios inéditos. Nalgunhas zonas, os valores son ata catro puntos máis altos que os normais. Inevitablemente, estas circunstancias impactan nos organismos que habitan nas contornas mariñas. En Galicia están ocorrendo sucesos anómalos que se comezan a relacionar con este evento extremo vencellado ao cambio climático. A praia da Lanzada cubriuse dun manto de cadeluchas e longueiróns mortos coicidindo co aumento, nestes días pasados, da temperatura da auga. É o terceiro episodio destas características que se rexistra este ano en Galicia e a Consellería do Mar lanzou a súa hipótese: as augas están quentes e os organismos non soportan estas condicións.

Dende a Confradía de San Martiño do Grove explican que o marisco que máis morreu desta vez é o longueirón e a cadelucha. Con todo, recoñecen desconcertados que na ría non ven afeccións na ameixa e que a mortandade se está a concentrar na Lanzada. Dende a agrupación achacan esta catástrofe medioambiental -e económica- á temperatura do mar. O Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia rexistrou valores por riba dos 21 graos nalgúns puntos das Rías Baixas, como na illa de Cortegada. Tamén en Rande os termómetros marcaron estas cifras e incluso Cíes chegou aos 19,7 graos.

Publicidade

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) está estudando estes casos. Proximamente, farán públicos os resultados do acontecido o pasado mes de xuño na Lanzada, que levantou rapidamente as alarmas dos traballadores e traballadoras do mar. “Os resultados descartarán se a causa é algunha patoloxía. Tendo en conta que as temperaturas son superiores ás habituais, semella que ven de aí”, apuntan dende a Consellería do Mar.

Marisco morto na Lanzada. Foto: Confraría de Pescadores de San Martiño do Grove

Hai cuestión de días, na praia da Canteira, na illa de Arousa, apareceron grandes cantidades de marisco morto. Dende a Confraría temen que a subida das temperaturas estragase o produto da campaña de Nadal. A produtividade das Rías Baixas atópase en horas baixas e os eventos climáticos son parte do problema. Os resultados das mostras tomadas pola Xunta nestes lugares descartarán se estes episodios veñen derivados dunha patoloxía descoñecida. E, sobre todo, poderán aclarar se hai que estar previdos a futuros acontecementos similares. De todas formas, o quecemento dos océanos xa é algo que ninguén pode obviar polas súas repercusións nas costas galegas.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Glaciares sacros e plantas rituais: o que o cambio climático está levando por diante

O fenómeno ameaza culturas de todo o mundo que teñen moi pouca responsabilidade nas súas causas e que ás veces o ven como un "castigo divino"

Ourense, Lugo e Santiago, as cidades galegas con máis mortes por calor na última década

O informe de 2026 do 'Lancet Countdown' revela que o cambio climático ten consecuencias directas sobre a saúde pública nas urbes europeas

Que pasa despois das chamas: a recuperación do monte tras un incendio forestal

No que levamos de ano e ata o 20 de agosto, arderon en España 262.000 hectáreas, fronte á media de 105.600 hectáreas queimadas de 2015 un 2024

O polbo e dúas especies de lura, entre os cefalópodos máis vulnerables ao quecemento do mar en Galicia

Un estudo internacional no que participa o IEO de Vigo analiza como a temperatura, salinidade e profundidade condicionan a distribución das especies