O traballo silencioso da muller galega no mar: “Non facían dobre, senón tripla xornada”

A investigadora da USC Luisa Muñoz Abeledo publica un libro para honrar os labores femininos, que supoñían o 30% dos ingresos familiares

O mar galego ten rostro feminino. Aínda que os homes saían máis comunmente a pescar, elas, as mulleres, dedicáronse a moitos outros labores fundamentais para os traballos do mar. Isto é o que amosa As mulleres e o mar: o traballo feminino nas industrias marítimas de Galicia no séculos XIX e XX de Luisa Muñoz Abeledo, doutora en Historia Económica pola Universidade Autónoma de Barcelona e profesora titular no Departamento de Historia da Universidade de Santiago (USC). Unha exposición, publicada agora como catálogo, que recompila imaxes e testemuñas e que busca honrar o labor de moitas destas mulleres que traballaron sen descanso, moitas veces pola metade do salario dos seus maridos, e sen o recoñecemento que merecían.

“A filosofía da exposición é ver o papel que as mulleres desenvolveron en comunidades marítimas de Galicia, sendo Galicia a rexión líder do estado español en pesca. Como contribuíron á súa transformación e á súa industrialización”, explica Luisa Muñoz. “Queriamos coñecer o papel das mulleres en todas as actividades que tiveran que ver co sector pesqueiro e co aproveitamento dos recursos”, engade.

Publicidade

Por esta razón, o catálogo —e a exposición— está dividido en cinco seccións, un por cada subsector ao que se dedicaron as mulleres nas comunidades marítimas: a carga e descarga de peixe e o regateo nos portos; a elaboración e reparación de redes, o marisqueo, a salga e o traballo nas conserveiras. E, todo isto, relacionado coa importancia que tivo o traballo feminino na modernización das localidades nas que se realizaban estas actividades e o papel das mulleres nas economías familiares do litoral de Galicia.

“Algo moi importante do que non se adoita falar moito é que, grazas aos ingresos das mulleres, as familias podían diversificar a súa economía”, defende Muñoz. “Xuntando os ingresos dos homes, mulleres e mesmo adolescentes que traballaban nestas actividades, moitas familias conseguiron ter un nivel de vida decente. E mesmo, o que é máis curioso, nas vilas nas que acontecía isto había un saldo migratorio positivo”, expón.

Publicidade

É dicir, mentres provincias do interior, Ourense sobre todo, perdían poboación no primeiro terzo do século XX; nas localidades onde había esta industria, entraban máis persoas das que saían. Muñoz atribúe isto, en parte, ao que achegaban as mulleres á economía familiar no litoral galego, en zonas como Muros, Ribeira, Bueu ou Cangas. Incluso aínda que o seu soldo fose a metade do dos homes e os seus contratos foran informais ata a metade do S.XX.

“Sen dúbida, as mulleres desenvolveron un papel importante para as economías familiares porque, aínda que o seu salario fora baixo, era un diñeiro que entraba por temporada —o que chamaban as traballadoras diarias—, cun contrato verbal e informal”, conta Muñoz. “Tamén había traballadoras eventuais, que só traballaban cando había moito peixe. E ested contratos non se regularon ata 1940 cando se converteron en contrato fixo, fixo discontinuo e eventual, como seguen a ser a día de hoxe”, continúa.

Aínda que o salario da muller entrase na casa tan só seis meses ao ano, podía axudar a compensar unha mala costeira dun mariñeiro. Muñoz explica que, por exemplo, eran moi comúns os matrimonios entre mariñeiros e conserveiras, e que estas últimas podían compensar co seu salario da fábrica un mala temporada de pesca. O salario das mulleres podía ser o 30% do ingreso familiar, algo que permitía contribuír ao 50% do gasto alimentario dunha familia de cinco membros.

“Despois, a partir dos anos 90, as mulleres do sector do marisqueo, por exemplo, conseguiron ser autónomas, ter seguridade social como os seus maridos e facer un mellor aproveitamento dos recursos, como ó caso das mariscadoras. Estas ata empezaron a ver a súa profesión como algo que podían ensinarlle ás súas fillas”, reflexiona Muñoz. “Ou está tamén o caso das poxadoras de peixe, unha ocupación que se herdaba dentro dunha mesma familia e que implicaba traballar nun mundo tradicionalmente masculino. Isto penso que obrigou as mulleres de costa a ter moito carácter e disposición. Porque, por exemplo, as tratantes de polbo ou de peixe en xeral tiñan que negociar as mercadorías no mundo de homes no que estaban insertas”, apunta.

Un labor de síntese para crear o catálogo

O catálogo, impreso a toda cor, é a edición en libro da exposición do mesmo nome que xa estivo no Pazo de Fonseca de Compostela, na cidade de Vigo e que, proximamente, pasará o verán nunha vila costeira aínda por especificar. Tamén, esperan que chegue a cidades fóra de Galicia, como Barcelona. Muñoz recoñece o complicado de sintetizar toda a información que ela recompilou despois de moita investigación en tan pouco texto.

“A verdade é que é a primeira vez que fago isto, aínda que si teño contribuído a textos noutras exposicións, pero sempre coa dirección doutras persoas. Con todo, isto é algo que tiña moitas ganas de facer aínda que non tivese moita experiencia previa”, recoñece Muñoz.

A investigadora comenta que, en primeiro lugar, buscou cales eran os subsectores máis importantes nos que traballara a muller na costa —escollendo os cinco que formaron parte do traballo final— e despois investigou e buscou a documentación que podía servir para elaborar os textos.

“Quería sintetizalo todo de xeito que, en poucas palabras, quedara claro cales eran as claves do papel da muller na economía do litoral e na economía familiar, que eran tanto o obxectivo como o fío condutor de toda a exposición. A miña intención é que chegara mellor ao público. E tamén, por suposto, recoller fotos de todas as actividades que elas fixeron en distintos momentos do tempo”, indica.

Para Muñoz, a exposición queda algo curta porque quería que aínda se recollesen máis fotos e texto, algo que non puido ser por falta de tempo. Para ela, faltarían máis imaxes da costa norte ou máis información relacionada coa transformación da industria pesqueira. Aínda así, o traballo foi satisfactorio e fía as fotos con entrevistas realizadas a mulleres que traballaban en cada un dos subsectores, o que converte a exposición e o catálogo nun elemento transmedia.

 “O importante era unilo todo, por iso decidín asociar á exposición a uns códigos QR que levan a pequenas entrevistas de dous ou tres minutos. Eran entrevistas máis longas, pero decidimos coller só un anaco para que as persoas teñan un achegamento ás voces das mulleres que traballaron aquí”, explica Muñoz. “Son entrevistas feitas entre os anos 90 e o 2023 (porque algunhas das entrevistas fixémolas nós). E o mellor é iso, que hai unha entrevista por cada sector do que se fala na exposición e no catálogo”, engade.

Muñoz remata enfatizando que a exposición celebra a forza da muller galega e seu traballo silencioso, pero continuo e incansable. “Porque estas mulleres non só traballaban fóra, senón que chegaban das fábricas e traballaban na terra e, despois, facían os labores na casa. É dicir, non facían dobre, senón triple xornada”, lembra.

Esta exposición é polo tanto un tributo a estas mulleres, narrando a súa historia de vida por varias xeracións desde a praia ata a fábrica de conservas. Unha exposición que permite ver o labor diario e a forza da muller do noso litoral.

Elena Martín
Elena Martín
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora. Licenciada en comunicación audiovisual por la USC, máster en documental creativo pola UAB e máster en tradución audiovisual pola UOC. Forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O alzhéimer canino existe: a galega que analiza cerebros de cans para anticipar o diagnóstico

A investigadora Belén Larrán estuda unha doenza que causa desorientación e ansiedade, e afecta máis da metade dos individuos maiores de 15 anos

Así é o rato colilongo, o pequeno roedor clave na transmisión do hantavirus dos Andes

Estudos revelan taxas de infección entre o 5% e o 10%, con maior incidencia nos machos adultos pola súa conduta territorial durante a reprodución

O CiQUS obtén o selo de Unidade de Excelencia María de Maeztu

O centro da USC recibirá arredor de tres millóns de euros para os próximos catro anos a través do recoñecemento do Ministerio de Ciencia

Que nos di a escuma do mar da saúde das praias?

O fenómeno xérase pola axitación producida pola forza das ondas e dos ventos que, ao combinarse coa materia orgánica disolta, forma unha dispersión de auga e burbullas de aire. Por Gumersindo Feijoo Costa