O mes de maio deixa unha cifra devastadora: 9 mortes por afogamento en espazos acuáticos de Galicia, a cifra máis alta de todas as comunidades autónomas. Supón, de feito, o 27% de todos os falecementos por esta causa que se produciron en España durante o último mes, que rexistra unha cifra total de 33 mortes. Canarias, con cinco decesos, e Cataluña con catro, completan os tres primeiros postos dunha lista que lidera Galicia. No lado oposto están as comunidades de Cantabria, País Vasco, Navarra, La Rioja e Madrid, así como as cidades autónomas de Ceuta e Melilla, que non notificaron ningún falecemento por afogamento en espazos acuáticos durante o mes de maio, tal e como recolle o Informe Nacional de Afogamentos que elabora mensualmente a Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo (RFESS).
As cifras do último mes hai que poñelas no seu contexto: en España producíronse 137 mortes non intencionais en praias e ríos no que levamos de ano. O 21% deses falecementos producíronse en Galicia, que volve ser a comunidade autónoma que máis decesos rexistra por esta causa nos cinco primeiros meses de 2024. Os territorios que a seguen moi de preto son Andalucía, con 22, e Canarias, con 16. No lado contrario está Madrid, a única comunidade que non rexistra ningunha morte en 2024 por afogamento non intencional en espazos acuáticos. A isto hai que sumar as cidades autónomas de Ceuta e Melilla, que tampouco notificaron ningún deceso por esta causa.
Variables de cada caso
Máis alá dos datos desagregados por cada unha das comunidades, as cifras globais deixan un balance preocupante: en comparación co mesmo período de 2023, as mortes por afogamento aumentaron un 21% nos cinco primeiros meses do ano. Das 137 mortes notificadas, a inmensa maioría correspóndense con homes: 115 fronte a 22, que son de mulleres. No que respecta ao espazo no que se produciron os decesos, as praias son os lugares nas que máis mortes non intencionais se producen: 62, seguidas moi de preto polas 38 producidas nos ríos e moi lonxe das 4 en piscinas. Os 33 sucesos restantes están catalogados como “outros”.
Finalmente, o informe da RFESS tamén ofrece información adicional sobre as mortes rexistradas. A franxa na idade na que se produciron máis falecementos foi a de 65 a 74 anos e nas que menos, mas de 4 a 6 e de 7 a 10, onde non se produciu ningunha morte. Segundo a procedencia das persoas afogadas, 119 eran de nacionalidade española, fronte a 12 europeos, 2 americanos, 2 africanos e 2 de orixe descoñecida. En relación á hora, a meirande parte das mortes rexistráronse na franxa do mediodía, producíndose 23 falecmentos entre as 12 e as 13.59 horas. Para rematar, 56 desas mortes déronse en espazos acuáticos onde “non debería existir” servizo de socorrismo no momento do incidente.















