Cal é a orixe do teu apelido? Descúbreo nesta aplicación

O portal Geneanet, con datos de 8.000 millóns de persoas, permite coñecer a distribución xeográfica dos patronímicos ao longo dos últimos cinco séculos

Quen son os teus devanceiros? De onde proviñan os teus tataravós? Ata que rama da túa árbore xenealóxica es capaz de chegar? Preguntas, pode que sen resposta, que son máis doadas de resolver grazas á páxina web Geneanet, un portal no que podes buscar a orixe do teu apelido e descubrir onde apareceu por primeira vez e como se foi estendendo dende o século XVI ata a actualidade. Esta aplicación de acceso aberto foi creada en 1996 por un grupo de persoas aficionadas á xenealoxía. Actualmente, conta con información de máis de 8.000 millóns de persoas, documentos dixitalizados e fotos de familia. Quen che di que non podes atopar o teu antepasado entre esta inxente cantidade de material?

Se, por exemplo, buscamos o apelido Souto, a páxina redixiranos a un mapamundi interactivo. Alí veranse machas de cor verde e azul que indicarán as localizacións onde hai máis concentración de persoas que se apelidan Souto. Unha ollada rápida demostra que a maior distribución está en Galicia, e que se atopa moi repartido ao longo de todo o territorio. Tamén se atopa no norte e centro de Portugal e, máis para abaixo, só aparece en Lisboa. No país luso, hai que desprazar ás illas Azores para atopar unha gran concentración do apelido Souto. No que respecta a España, tamén se atopa repartido por unha boa parte de Castela e León, Málaga, Santander e Girona. A nivel internacional, tamén está presente no Brasil.

Publicidade

Distribución histórica

O mapa de distribución do apelido Souto baséase na información recollida por 6.173 persoas que levan o patronímico e que viviron entre o século XVI e o 2024. Na liña do tempo que ofrece a aplicación pódese comprobar que ata o século XVII, este apelido só estaba presente nos Azores, en Madeira e no centro de Castela e León, o que xa ofrece unha idea da súa orixe. No século XVIII xa comeza a estenderse a Galicia, especialmente na provincia de Lugo e norte de Ourense, e ao norte e centro de Portugal. Ao longo do XIX a distribución do apelido Souto xa comeza a ser ben semellante á actual, con aparicións en boa parte do territorio galego.

Ademais da distribución xeográfica do patronímico, Geneanet ofrece datos sobre a orixe do mesmo. No caso de Souto, di o seguinte: “Apelido portugués. É un topónimo derivado do latín saltus que podería ter dous significados: un terreo quebrado ou unha zona boscosa. En xeral, esta última acepción é a que debería conservarse”. Tamén indica que hai formas compostas, como o apelido galego Soutomaior, que fai refererencia a un municipio pontevedrés. A maiores, ofrécese o significado doutras variantes de Souto, pero en español: Soto e Sotelo, cuxa forma galeguizada é Soutelo, considerado diminutivo de Souto.

Publicidade

Outra información

Finalmente, a aplicación ofrece unha listaxe dos lugares nos que está máis presente o patronímico. No caso de Souto, e tendo en conta todo o período temporal que se ofrece, a maior concentración está na cidade de Lugo, dado que se ten información de 310 individuos procedentes de capital lucense con ese apelido. Geneanet tamén permite consultar as variantes do patronímico que, en relación a Souto, son cinco: Soto, Sotto, Suto, Sutto, Sutu.


Podes acceder ao portal Geneanet a través desta ligazón.

3 COMENTÁRIOS

  1. Tendo en conta que non se obrigou a adoptar apelido ás persoas ata a imposición do servizo militar obrigatorio no século XVIII e que Souto é un topónimo ben común na galiza, non daría eu unha erbilla porque esas hipóteses teñan a mais mínima relación ca realidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cal é o apelido máis común no teu concello? Consúltao neste mapa

Os sobrenomes patronímicos son os máis frecuentes en Galicia: Rodríguez, Fernández e González son os que contan con máis persoas, aínda que non predominan nas catro provincias

Como se distribúe o teu apelido no mundo? Compróbao neste mapa interactivo

A aplicación 'Forebears' permite saber en que países é máis frecuente e onde hai maior densidade do teu nome familiar

‘Outeiro’, non ‘Otero’: esta é a guía definitiva dos apelidos en galego

A Real Academia Galega presenta un buscador en liña para incentivar a recuperación das formas propias nos nomes de familia

Cal é a orixe do teu apelido? A matemática que achou a resposta por inspiración dos seus avós

María José Ginzo, investigadora da USC, analizou na súa tese os movementos da poboación a través da onomástica e de técnicas estatísticas