Cal é o país no que o teu apelido é máis frecuente? Unha resposta ben doada de responder a través da aplicación Forebears, que dispón dun sinxelo buscador para obter información rápida sobre o teu nome familiar. Introducimos o apelido en cuestión —neste caso, Souto— e desprégase unha nova páxina con información detallada sobre a súa frecuencia e distribución no mundo. Sabías que está no posto 8.041 dos máis comúns? E que o país no que máis persoas se apelidan así é Brasil? Aínda que a maior densidade se atopa en Portugal. Atréveste a probalo co teu propio nome familiar?
A páxina Forebears é un índice de xenealoxía que se lanzou en 2012 e cuxos datos máis recentes, polo menos no caso do apelido Souto, datan de 2014. A aplicación funciona cun índice xeográfico e un directorio de fontes capaz de xerar un dicionario sobre os nomes familiares arredor de todo o mundo. O obxectivo é que a información sexa pública e accesible para os investigadores, pero tamén para os curiosos que queiran aprender máis sobre o seu apelido, independentemente do lugar do mundo do que proveñan ou no que residan.
Unha vez introducido o nome, a aplicación xera un mapamundi interactivo sobre a incidencia e a frecuencia do apelido. Neste caso, Souto téñeno 1 de cada 4.300 españois; 1 de cada 2.800 portugueses; e 1 de cada 5.100 brasileiros. Pero tamén é moi frecuente en Estados Unidos, Arxentina, Mozambique, Uruguai, Cuba, Venezuela, México, Francia e Inglaterra. Está moi repartido ao longo do mundo, con menor presenza en África e en Asia. En América é probable que sexa máis común polos fluxos migratorios dos séculos XIX e XX.
Buscador de nomes
Con todo, a páxina web ten outras funcionalidades. Non só podes buscar apelidos, tamén nomes. A maior densidade de frecuencia de Antía, por exemplo, está en España, onde 1 de cada 474 persoas o teñen. Amais do Estado, só está presente en Francia, Alemaña, Panamá, Ecuador e Chile, segundo os datos de Forebears. A aplicación tamén permite buscar por comunidades autónomas, onde se ve que Galicia lidera o ránking. E ti? Queres probar co teu nome e apelidos?















Si que é posible ver a incidencia por comunidades autónomas.