Cal é a orixe do teu apelido? A matemática que achou a resposta por inspiración dos seus avós

María José Ginzo, investigadora da USC, analizou na súa tese os movementos da poboación a través da onomástica e de técnicas estatísticas

Os avós de María José Ginzo vivían na Pontenova, o concello lucense atravesado polo río Eo. Cando morría un veciño e colocaban a necrolóxica nos postes de cada parroquia co obxectivo de informar sobre o falecemento, os seus avós tiñan unha técnica infalible para saber se debían ir ou non ao enterro: o apelido. Con ese único dato eles sabían se a persoa falecida vivía nunha marxe ou outra do río. “O concello está dividido en dous polo Eo. Polo tanto, os veciños cos que te relacionas, a túa área de influencia, é aquela na que vives”, xustifica Ginzo, matemática e investigadora da Universidade de Santiago (USC). Ese recordo foi para ela un estímulo que se materializou anos despois nunha tese. Nela, Ginzo analiza a distribución dos apelidos para estudar os movementos da poboación.

Co uso de técnicas estatísticas e cartográficas, a investigadora lucense elaborou un exhaustivo traballo no que analizou máis de 160.000 apelidos. Iso permitiu, entre moitas outras conclusións, ver como evolucionou a onomástica co éxodo rural de Galicia dos anos sesenta ou determinar se as mulleres, ao casar, eran as que quedaban preto da casa ou marchaban cara ao lugar de orixe dos seus homes. Tal foi o impacto e a contribución á lingüística e á estatística, que Ginzo foi galardoada co III Premio á Mellor Tese Doutoral en Humanidades Dixitais que outorga a Sociedade Internacional de Humanidades Dixitais Hispánicas e a Fundación BBVA.

Publicidade

Do recordo da infancia á rede de investigación

Talvez agochado no subconsciente, o recordo dos seus avós e o poder dos apelidos foron a semente da que agromou a tese de Ginzo. Pero o detonante para a realización do premiado traballo foi unha rede de investigación, TecAnDaLi, conformada por distintos grupos, entre os cales estaba o seu de estatística e o Instituto da Lingua Galega (ILG). A cantidade de información desbordaba a investigadora, pero púxose a traballar con afán na tese dirixida pola directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), Rosa Crujeiras.

“O obxectivo era conseguir o mapa de rexionalización dos apelidos de Galicia. É dicir, ser capaces de agrupar concellos por apelidos comúns. Coñecer, por tanto, o comportamento espazo-temporal dun apelido concreto para coñecer a súa difusión”, explica a profesora axudante doutora da USC. A través do modelo que ela deseñou e propuxo na súa tese, creou unha biblioteca de software de código aberto para facilitar a reprodución dos seus resultados e a aplicación das técnicas desenvolvidas ao abeiro do seu traballo final de doutoramento. Esta iniciativa é, segundo explica Ginzo, unha maneira de mostrar a veracidade da súa investigación, pero tamén de transferir a súa innovación a outras áreas de coñecemento.

Publicidade

O movemento da poboación a través dos apelidos

O que logra a investigadora da USC, pertencente tamén ao CITMAga, é inferir información dos movementos da poboación ao longo do tempo. Descubriu, por exemplo, que Galicia se pode dividir en cinco grupos segundo a rexionalización dos apelidos. E esas partes nas que se separa o territorio aproxímanse ás divisións eclesiásticas ou dioceses existentes. “Isto serve para relacionar e entender os antigos condicionantes. No pasado, debido á propia orografía, as relacións humanas adoitaban limitarse ás persoas máis próximas. Estas rexións de apelidos que nós construímos son consecuencia das relacións estreitas que hai no tempo entre os poboadores dun determinado territorio”, explica a investigadora.

Outros dos puntos que puido corroborar Ginzo na súa tese foi o éxodo rural. En Galicia, este fenómeno de migración cara ás áreas urbanas tivo un forte pulo nos anos setenta e pódese apreciar a través da distribución dos apelidos. É o caso de Outomuro, un toponímico característico da provincia de Ourense e, máis en concreto, do concello de Cartelle. “A poboación nada a principios do século pasado establecíase e vivía ao longo da súa vida próxima ao concello. Co paso do tempo salta ás cidades e Outomuro, por exemplo, aparece en Ourense e Vigo”, explica, facendo alusión á información que ela plasma nos seus mapas.

Con todo, isto non é unha distribución propia nin única do apelido Outomuro. Acontece con moitos outros, incluído Ginzo, o da propia investigadora. É orixinario da Pontenova, onde vivían os seus avós, e o seu mapa de distribución concéntrase na Mariña lucense. Co tempo aparece na cidade de Lugo. “O meu apelido provén do topónimo Xinzo que hai na Pontenova pero o fenómeno de castelanización converteuno en Ginzo”, explica.

Traballo de campo

O estudo dos apelidos non se limita á realización da súa tese. A investigadora da USC ten previsto continuar con esta liña de investigación e facer un estudo aínda máis exhaustivo sobre a onomástica galega. O xermolo desta inquedanza tamén está nunha historia persoal, de novo vinculada co seu concello de orixe. Durante un Nadal, e coa axuda dos seus pais, percorreu os cemiterios da Pontenova e foi fotografando as lápidas. Iso permitiulle traballar non só cos apelidos das persoas falecidas, senón tamén coas datas de nacemento e morte. É dicir, isto permitiulle analizar unha gran cantidade de datos aos que lle aplicou as súas técnicas estatísticas. Así, logrou obter o apelido máis característico de cada unha das once parroquias da Pontenova.

“A unidade mínima coa que traballei na miña tese foron os concellos. Visto os achados que conseguín con ese traballo de campo, a idea sería ir a un nivel de parroquia; un nivel micro”, apunta Ginzo. Con todo, é consciente das dificultades que entraña este proxecto. Se nunha aldea hai menos de cinco persoas cun apelido, é moi fácil identificalas, e iso está no límite do secreto estatístico. Por tanto, aínda está a estudar a viabilidade desta liña de investigación.

Do estudo contemporáneo ao histórico dos apelidos

Os datos, sobre os que se sustenta a tese de Ginzo, son precisamente a gran limitación do seu estudo. Traballou con información extraída do censo de Galicia que cedeu o Instituto Galego de Estatística (IGE), con datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) e co achegado pola Sociedade Asturiana de Estudos Económicos e Industriais (SADEI), dado que na súa tese tamén se analiza a distribución dos apelidos en Asturias. “Traballei con datos do padrón de 2011; da xente que estaba viva nese momento. Por exemplo, os meus avós xa faleceran. Sénteste limitada porque se tivera padróns ou censos moi antigos, como o de 1900, podería achar información cultural e histórica moi relevante”, sostén.

A tese de Ginzo non é, por tanto, un colofón, senón un punto de partida. Combinando as lembranzas da infancia, a colaboración familiar, o traballo de campo e a investigación máis estatística e cartográfica, a matemática lucense conseguiu revelar a través dos apelidos como se move a xente; como se distribúe no tempo. O seu premiado traballo é dalgunha maneira unha homenaxe científica aos seus avós. Aqueles que, sen estatística nin cartografía, eran capaces de recoñecer cun só apelido a distribución xeográfica do seu concello. O mesmo que logrou Ginzo con mestría e co aval indiscutible da ciencia.


Referencia: Statistical Techniques in Geolinguistics. Onomastic Modeling (Publicado en Minerva, o repositorio institucional da USC)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. O apelido da investigadora “Ginzo” não está espanholizado ou castelhanizado, está escrito na forma etimológica,
    A ortografia histórica que o gaelgo tem, Ginzo, Janeiro,jeito,jornal geografia …pola submissão ortografica ao castelhano é quando vai virar no antietimológico -x- para tdo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A USC deseña un sistema pioneiro de monitorización da humidade en cultivos de mosca soldado negra

O proxecto desenvolve un modelo que permita aumentar a produción de proteínas, graxas e fertilizante de forma máis eficiente e sostible

O CiQUS, na elite da ciencia co selo María de Maeztu: “É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos”

O investimento previsto para o centro da USC impulsará a captación de talento, a creación de novas infraestruturas e liñas de investigación

Un estudo galego explora o uso de virus para combater as infeccións de ouriña resistentes aos antibióticos

Un estudo liderado dende Galicia analiza un dos patóxenos que máis preocupa nos hospitais e reforza o potencial dos bacteriófagos

O xenoma do anisakis permite desenvolver unha nova ferramenta para o control do parasito

Un estudo con participación galega senta as bases para mellorar os programas de vixilancia e contribuír a un consumo de peixe máis seguro