Un equipo de Santiago descobre como mellorar a eficacia dun fármaco para a esquizofrenia

Investigadores do CHUS revelan que dous encimas hepáticos poden acelerar ou minorar a actividade dun antipsicótico que se emprega para varios trastornos de saúde mental

A ciencia é máis positiva en tanto ten un efecto inmediato no benestar da xente. Este é o caso dunha investigación recentemente publicada que afonda no papel que xogan dous enzimas hepáticos na asimilación do aripiprazol, un medicamento empregado para tratar enfermidades de saúde mental como a esquizofrenia e o trastorno bipolar. O estudo, liderado por persoal do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), analizou como estes encimas poden acelerar ou minorar a actividade do fármaco e a súa interacción con outras medicacións. Isto abre a porta a un axuste personalizado da dose para mellorar a súa efectividade nas persoas que estean empregando aripiprazol.

O traballo é o primeiro que analiza o efecto combinado dos enzimas CYP2D6 e CYP3A4, involucrados no metabolismo dos fármacos, na variabilidade das concentracións de plasma do aripiprazol. Este é un fármaco que se inxecta no glúteo ou no deltoides de forma mensual, de tal modo que libera o seu composto nun período de 28 días. Posto que se emprega no tratamento de diferentes enfermidades, para o estudo escolleuse unha poboación de pacientes con distintas doenzas de saúde mental, con predominio de persoas con esquizofrenia e trastorno bipolar.

Publicidade

Como se metaboliza o aripiprazol

“O que conseguen estes fármacos é aumentar sobre todo a adherencia destes pacientes aos tratamentos, porque o problema é que teñen moi pouca conciencia da enfermidade”, explica Kiko Toja, doutor en Medicina Molecular, facultativo especialista en farmacia hospitalaria e investigador en FarmaCHUSLab, principal autor do estudo. Toja salienta que o aripiprazol vaise liberando desde o músculo nun período aproximado dun mes e vaise metabolizando no organismo. En función da acción dos enzimas analizados e, por tanto, de como metabolizan o fármaco, os pacientes pódense clasificar en catro grupos: metabolizadores pobres, intermedios, normais —a gran maioría da poboación— e ultrarrápidos.

Toja, quen foi recoñecido co XI Premio Julián Francisco Suárez Freire para Investigadores Novos por este artigo, afonda nesta división. “Estes últimos, o que farían é destruír máis rápido o fármaco e xerar este metabolito activo”, indica. Isto é, a substancia resultante da descomposición do medicamento, “que tamén ten efectos farmacolóxicos e terapéuticos a nivel cerebral. E os metabolizadores lentos, o que farían é acumular máis o aripiprazol e eliminalo máis lento”.

Publicidade

Personalizar a dose

Isto abre a porta a un mellor axuste da medicación; por exemplo, a pacientes metabolizadores ultrarrápidos é posible que haxa que administrar a dose cada tres semanas. Deste modo, explica Toja: “Conseguimos que eses niveis no sangue sexan constantes durante máis tempo. Isto leva a unha maior eficacia do tratamento e a unha maior seguridade, porque canto máis nivel plasmático temos, máis efectos adversos van ter os pacientes. E canto menos nivel plasmático do fármaco temos, menos eficaz vai ser”.

“Isto, en concreto, no campo da saúde mental é bastante importante”. Malia que isto resulta relevante en todas as patoloxías, en tanto supoñen unha diminución da calidade de vida das persoas e un incremento de custos para o sistema, neste tipo de enfermidades máis aínda. “Nos tratamentos non hai ningún biomarcador que nos diga que os pacientes van estar mellor ou peor, como o hai noutras patoloxías”, explica Toja, senón que hai que establecelo mediante “ensaio e erro”. Grazas a investigacións deste tipo, trátase de acurtar estes períodos, co que “a calidade de vida dos pacientes vai aumentar considerablemente”.

Predicir o comportamento do aripiprazol

Para isto, dentro da investigación desenvolveuse un modelo de estimacións co que predicir como se van comportar as concentracións plasmáticas do aripiprazol no organismo. “Isto podémolo facer antes de administralo; antes de que o paciente comece a terapia”, expón. Para isto, o modelo ten en conta o xenotipo metabolizador da persoa para os dous enzimas analizados, así como outras variables que podan influír na concentración dos fármacos na sangue. Aquí entrarían tanto factores como o peso e a medicación concomitante, posto que os medicamentos poden interaccionar entre si e afectar o metabolismo hepático. Do resultado desta análise, establécese a frecuencia de administración e a cantidade da dose. “Conséguese cunha simple analítica, na que por un lado extráese o ADN para facer o xenotipado dos enzimas hepáticos e, polo outro, mídese a concentración do fármaco”, sostén.

Incorporación á sanidade pública

O investigar Kiko Toja do CHUS, autor principal do estudo.

Malia que o habitual é que as investigacións en ciencia básica teñan que facer un longo percorrido antes de chegar á práctica, non é o caso desta investigación. Por unha banda, explica Toja, xa está sendo aplicada no Sistema Público de Saúde; en concreto, está integrada na carta de servizos na área sanitaria de Santiago de Compostela mediante a medición de concentracións plasmáticas do aripiprazol e, incluso, doutros antipsicóticos dos que tamén se probou a súa viabilidade a través de estudos. Ademais, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, coa que colaboran na elaboración dos estudos, inclúe tamén o xenotipado destes enzimas hepáticos, xunto con outros xenes. “É dicir, o sistema do Sergas xa está soportando este tipo de probas”, sintetiza.

Non é un logro menor, tendo en conta que a liña de investigación se abriu no 2020 no CHUS. A finais de 2021 e comezos do 2022 xa conseguiran integrar a primeira proba no catálogo do sistema de saúde galego, un proceso que se foi incrementando paulatinamente ata o estado actual. “Foi algo igual máis rápido do que se podía prever, porque a xeración de evidencia era bastante sólida xa cos traballos previamente publicados e nós, coa nosa poboación, puidemos demostralo rapidamente”, explica Toja.

Mellor calidade de vida

Ademais do importante impacto que este tipo de investigacións ten na calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental, o investigador do CHUS destaca as implicacións que ten para a sanidade pública, tanto a nivel de custos directos como indirectos. “Se nós conseguimos que o paciente estea mellor, van abandonar menos os seus tratamentos, van perder menos o seguimento e, polo tanto, van estar mellor a longo prazo”, asegura. Isto implica menos episodios agudos ou recaídas, coa consecuente diminución de ingresos nas unidades de saúde mental, que habitualmente implican períodos prolongados de atención sanitaria; consecuentemente, leva parello un aforro de custos directos ao sistema.

“Pero xa non só isto. Os custos indirectos tamén”, apunta Toja. Con isto refírese a todas as implicacións laborais e de saúde tanto no paciente como nas persoas coidadoras ao seu redor: o custo de pedir, por exemplo, unha baixa laboral. Un impacto que resulta moi difícil de medir, pero que está aí. “Se tivésemos metido os custos indirectos tamén, evidentemente repercutiría positivamente, seguro”, conclúe o investigador do CHUS.


Referencia: Role of CYP2D6 and CYP3A4 polymorphisms on aripiprazole and dehydroaripiprazole concentrations in patients undergoing long-acting treatment (Publicado en Progress in Neuro-Psychopharmacology and Biological Psychiatry)

María Ramos
María Ramos
Xornalista freelance con experiencia en prensa online e radio. Licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela e con grao en Comunicación Audiovisual pola Universidade Carlos III de Madrid.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional

Investigadores galegos identifican unha proteína clave para diagnósticos de saúde mental

Unha tese do IDIS e o IISGS analiza a hormona IGF-2 como posible biomarcador da esquizofrenia, a depresión e o trastorno bipolar

A “síndrome posaborto”, un debate político sen evidencia científica

A proposta de Vox en Madrid pretende introducir un trastorno inexistente, xa que a literatura científica non recoñece ningunha patoloxía psicolóxica vinculada á interrupción do embarazo

Descubertas as neuronas implicadas na ansiedade, na depresión e no illamento social

O estudo da Universidade Miguel Hernández e realizado en ratos abre a porta a novas opcións terapéuticas