O músico galego Berto facía a través da súa rede social de Instagram un anuncio na tarde do martes. Unha das principais razóns para despedirse do seu proxecto en solitario e como productor de grupos como Fillas de Cassandra é que leva meses de baixa por un trastorno bipolar, “e a vida estase a facer bastante máis complexa ca nunca”. Aínda así, o artista subliña que xa pode poñerlle nome ao que lle leva pasando durante anos. En novembro de 2021 publicou o seu disco Viaxe ao espazo interior, no cal xa tratara dun xeito profundo a depresión severa que padecía naquel momento.
O elefante na habitación
Na actualidade fálase da saúde mental dun xeito moito máis aberto e natural. Porén, non todos os trastornos mentais acadan o mesmo interese na sociedade, xa que outros seguen a estar moi estigmatizados. Mentras que a depresión e a ansiedade son amplamente recoñecibles, outros cadros de patoloxía mental grave permanecen silenciados. Isto converte a diagnose nun reto, e máis a partir de certa idade.
Alberto Mira –o seu nome non artístico– chegou á súa diagnose tras un período moi longo de trastornos no estado de ánimo ou ciclotimias. A ciclotimia caracterízase por episodios de euforia, optimismo e moita actividade física e mental, todos eles síntomas vencellados á denominada hipomanía. Doutra banda, a fase depresiva da ciclotimia inclúe os sentimentos de soidade, culpa e inutilidade, fatiga e problemas de concentración. Nalgúns casos graves pódese chegar ás ideas suicidas. O exmembro de Verto, autor de temas como Oie gayego, atópase dentro do espectro bipolar, explica, aínda que os seus episodios de hipomanía non chegan á manía, exclusiva dos trastornos de bipolaridade de tipo I e máis grave. “A miña vida estaba moi desordenada e inestable. Tiña picos moi altos de actividade, de crear moitísima música. De repente pasaba a ser incapaz de facer absolutamente nada”, lembra.
Tiven a sorte de poderme custear un psiquiatra privado, naquel momento precisaba a axuda
A súa primeira opción foi a sanidade pública. Porén, os procesos asociados á saúde mental adoitan ter listas de espera moi dilatadas no tempo. Isto dificulta tanto a diagnose como o tratamento e seguimento do paciente. “Tiven a sorte de poderme custear un psiquiatra privado, o cal está un pouco en contra da miña ideoloxía, pero naquel momento precisaba a axuda”, comenta.
Na actualidade compaxina a psicoterapia coa medicación, o cal explica que “axudou moitísimo” a mellorar a súa calidade de vida. Tamén axuda, di, o feito de ter unha diagnose, xa que poder entender dun xeito máis sa a súa forma de comportarse sen culpabilidade. Decidiu aparcar o seu proxecto artístico en solitario: “Tiña moi claro que se me quería adicar á música tiña que ser dende a paixón, e ultimamente non me saía”. E retomou a súa formación na medicina. Nestes intres atópase preparando o MIR, e di que agora lembra o que lle enamorou ao estudar a carreira. Ten claro que lle gustaría continuar os seus estudos enfocándose na psiquiatría. “Interésame moitísimo todo aquilo vencellado á neuropsicoloxía e ás relacións entre cerebro e conduta”, explica.
Dende hai uns meses forma parte do colectivo artístico RSK Emocional. Alí comparte a súa paixón con artistas visuais, músicos e outros talentos de distintas disciplinas. “Gústanos ter este lugar no cal dialogar e medrar dun xeito colectivo, xa que a industria musical estase a converter nun traballo moi individualizado”.
O armario da saúde mental
Berto destaca como moi positiva a sensibilización da sociedade de cara aos distintos trastornos mentais e que se fale deles dun xeito directo. Porén, explica: “Moitas veces banalizamos a saúde mental. Úsanse termos como bipolar ou TOC (Trastorno Obsesivo Compulsivo) moi á lixeira. Penso que queda moitísimo traballo a nivel social. Temos que entender estas enfermidades dende a empatía e non como unha etiqueta, xa que non teñen por que ser o que che defina”. O feito de falar dunha conduta como estraña, di, é o verdadeiramente estraño.
Ao proceso de aceptación de ter unha enfermidade ou trastorno crónico, cunha medicación que o acompañará durante toda a súa vida, súmase o feito de ter que “saír do armario da saúde mental”, tal e como o explica o propio Mira. “Tiven que falar co meu círculo máis próximo, obviamente, pero tamén coas artistas e outras compañeiras coas que estabamos a traballar nalgún proxecto conxunto. Chegou un punto no cal precisaba parar, e houbo quen o entendeu perfectamente e quen non”. Decidiu dar un paso máis e facelo público nas súas redes sociais. Trátase dun posicionamento fronte ao estigma dos trastornos mentais dos cales aínda non se fala.
A herdanza xenética, clave nos trastornos de bipolaridade
Estímase que ao redor dun 2% e un 4% da poboación mundial atópase dentro do espectro bipolar. No caso de Galicia, este conxunto de trastornos poderían afectar a unhas 72.000 persoas. Aínda se descoñece a súa causa. Porén, a maioría dos estudos científicos amosan que unha gran parte (80%-90%) das persoas teñen antecedentes familiares. No ámbito galego, a Asociación Bipolar de Galicia (ASBIGA) leva traballando dende o ano 2003 para ofrecer axuda a pacientes, familiares e profesionais da saúde mental de cara a unha normalización deste tipo de trastornos.














