Operada unha nena de 13 anos con escoliose severa cunha técnica pioneira en Galicia

A paciente de orixe venezolana chegou a Vigo a través dunha ONG e de Cruz Vermella para realizar a intervención

Un equipo médico do Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatolóxica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) operou o pasado 21 de xuño no Hospital Álvaro Cunqueiro a unha nena de 13 anos dunha deformidade severa na columna, debido a unha escoliose ideopática tipo I de Lenke, cunha curva dorsal de máis de 60 graos de desviación.

Con este diagnóstico, decidiuse realizar unha intervención mediante o emprego de guías personalizadas con parafusos pediculares que permitiran instrumentalizar a curva, pero a tódolos niveis vertebrais; sendo esta a primeira vez que se realiza unha operación semellante en Galicia no que se actúa sobre o conxunto da columna vertebral.

Publicidade

A intervención estivo realizada pola doutora María Isabel Cortegoso Tubío e o doutor Carlos Pernal Durán, do Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatolóxica do CHUVI, e na que tamén participou o doutor Ángel Piñera, médico especialista en Traumatoloxía da Clínica Molinón (Asturias) e médico adxunto do Servicio de Patoloxía da Columna da Fundación Jiménez Díaz (Madrid), ademais de ter unha ampla experiencia en intervencións con guías múltiples. O equipo cirúrxico completouse con facultativos do Servizo de Anestesia, do de Neurofisioloxía e persoal de Enfermería.

A nena evoluciona favorablemente desta intervención ingresada no Hospital Álvaro Cunqueiro, prevéndose a súa alta este mércores.

Publicidade

Primeira vez en Galicia

As guías cirúrxicas (GuideFix) son uns dispositivos que se realizan mediante impresión 3D acorde coa anatomía específica de cada paciente obtida a través dun TAC previo. Colócanse sobre a anatomía da ou do paciente, adaptándose especificamente, e marcando a traxectoria óptima de inserción dos parafusos pediculares, evitando así riscos neurolóxicos ou de localización errónea. Esta indicación da traxectoria é a principal diferenza fronte ao emprego tradicional de parafusos pediculares e o que máis se aproxima a unha cirurxía robótica.

Esta intervención é a primeira vez que se realiza en Galicia, onde xa se teñen realizado operacións con guías personalizadas, pero nunca en tódolos niveis da columna vertebral, como nesta ocasión.

A través dunha ONG

A paciente trátase dunha nena de 13 anos de idade de orixe venezolana con escasos recursos económicos. Foi a través dunha ONG e da Cruz Vermella como se organizou o seu traslado a Galicia e a realización desta operación aquí, inviable economicamente no seu país de orixe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas