Que pasaría se un asteroide impactara no teu concello? Compróbao nesta aplicación

A aplicación 'Asteroid launch' simula o choque entre un corpo celeste e un punto calquera do mapa e analiza as consecuencias da colisión

Un asteroide de 500 metros de diámetro impacta na catedral de Santiago a 17 quilómetros por segundo. Froito do choque, falecerían 22.431 persoas e formaríase un cráter de 583 metros de profundidade e 9,7 quilómetros de ancho. A enerxía liberada polo impacto sería maior que a que solta un furacán nun só día. De todos modos, un impacto destas características non volvería producirse ata dentro de 166.000 anos. Pero tranquilidade… isto non é un prognóstico real, senón unha simulación que ofrece a aplicación Asteroid launch. Esta ferramenta permite coñecer o impacto que tería un asteroide nun determinado punto do mapa, e deixa modificar o diámetro, a velocidade, o ángulo de impacto e o material do que estaría formado o corpo celeste.

Segundo a páxina creada polo desenvolvedor web Neal Agarwal, o asteroide que impactaría sobre a catedral sería de tales dimensións que provocaría unha bóla de lume de 15 quilómetros de ancho. Este sería o fenómeno, de todos os que se derivarían o impacto, que provocaría o maior número de mortes: 582.904. Pero non só iso, senón que unha boa parte da poboación galega e incluso do norte de Portugal sufriría queimaduras de terceiro (414.393) e segundo grao (537.148). Como consecuencia da bóla de lume, a roupa das persoas que estiveran nun radio de 62 quilómetros queimaríase ao instante. E non só iso: as árbores que estivesen a 127 quilómetros do impacto incendiaríanse.

Publicidade

Refachos de vento máis rápidos que en Xúpiter

Ademais das consecuencias derivadas do cráter e da bóla de lume, a onda expansiva provocaría consecuencias devastadoras. Falecerían 111.708 persoas e calquera que se atopase a 44 quilómetros de distancia do punto cero sufriría, moi probablemente, dano pulmonar. Se se amplía o radio de acción, as persoas situadas a 57 quilómetros terían os tímpanos rotos. No que respecta aos danos materiais, tamén serían múltiples: todas as casas situadas a 133 quilómetros do lugar do impacto derrubaríanse.

O simulador tamén prognostica os danos que ocasionaría o vento derivado do choque do asteroide de 500 metros de diámetro contra a catedral. No caso do primeiro, o vento sopraría a unha velocidade de catro quilómetros por segundo, polo que os fortes refachos segarían a vida de 519.754 persoas. Como comparación, nun radio de 30 quilómetros, o vento sería máis rápido que as tormentas de Xúpiter. As casas situadas a 48 quilómetros á redonda tamén quedarían arrasadas e todas as árbores a 142 quilómetros acabarían derrubadas. Realmente, a sensación de calquera que se atopase a 86 quilómetros do impacto sería a de estar dentro dun tornado F5, é dicir, os máis potentes que se poden rexistrar.

Publicidade

Finalmente, o impacto do asteroide tamén provocaría un terremoto de magnitude 7,2. Aínda que moi lonxe das mortes ocasionadas polos fenómenos anteriores, 1.912 persoas falecerían a causa do tremor da terra. E non só iso: o terremoto sentiríase a 242 quilómetros de distancia. Por tanto, as consecuencias do choque serían tremendamente devastadoras non só para Santiago, senón para toda Galicia. Con todo, pódese modificar o diámetro do asteroide e a súa velocidade. Anímaste a probalo no teu concello?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un asteroide recibe o nome do astrofísico galego Manuel Carreira

Na súa etapa nos Estados Unidos, Manuel Carreira traballou co descubridor dos neutrinos, Clyde Cowan: a súa pegada vese agora no ceo

Cinco asteroides pasarán preto da Terra en apenas 24 horas

A NASA confirma que ningún deles é potencialmente perigoso, pese a que pasarán a menos de 7,5 millóns de quilómetros do planeta

As primeiras 48 horas tralo impacto do asteroide que acabou coa vida dos dinosauros

A colisión provocou un megatsunami cunha enerxía 30.000 veces maior ao do Índico en decembro de 2004, no que morreron máis de 230.000 personas

Un asteroide voa a só 3.600 quilómetros da Terra

Sen risco de impacto, foi un dos obxectos celestes que máis se achegou ao noso planeta