Un asteroide recibe o nome do astrofísico galego Manuel Carreira

Na súa etapa nos Estados Unidos, Manuel Carreira traballou co descubridor dos neutrinos, Clyde Cowan: a súa pegada vese agora no ceo grazas á iniciativa da Sociedade Española de Astronomía

Nicolás Copérnico. Giordano Bruno. Galileo Galilei. Isaac Newton. Georges Lemaître. O ser humano leva miles de anos mirando os ceos, desconcertado, na procura de respostas. Ao principio os fenómenos naturais asociábanse á mitoloxía: a ira dos deuses, ou a súa recompensa, explicaban a meirande parte do que ocorría na Terra. A ciencia chegou como un facho, enchendo de luz unha habitación ata o momento escura. Porén, a espiritualidade xamais abandonou ao home, e boa proba diso é a cantidade de científicos e astrónomos que adicaron a súa vida ao estudo dos ceos e tiveron que enfrontarse aos dilemas internos, e externos, froito da balanza entre a crenza relixiosa e o coñecemento empírico que outorga a ciencia.

De seguro que o crego Manuel Carreira, nado en Valdoviño no ano 1931, tamén tivo algún que outro debate consigo mesmo. Porque ademais de crer no deus cristián, Carreira foi astrofísico e inventor. Agora, a Sociedade Española de Astronomía (SEA) honra a súa imaxe poñendo o seu nome ao Asteroide 658642. Está é a historia do físico coruñés que chegou ao Vaticano.

Publicidade

O comezo dunha viaxe

Carreira naceu na Coruña, pero sendo aínda un neno mudouse a Vilalba, en Lugo, onde ingresou na Compañía de Jesús. Estudou Linguas Clásicas en Salamanca e Filosofía na Universidade de Comillas, Cantabria. Con 26 anos, marchou aos Estados Unidos, onde se licenciou en Teoloxía. Xa sendo sacerdote, Carreira continuou estudando, mais nesta ocasión, cambiaría un pouco a temática: especializouse no ámbito da astrofísica, en concreto, nos raios cósmicos. O crego fixo a súa tese doutoral baixo a tutela de Clyde Cowan, nada menos que o físico que descubriría a estraña natureza dos neutrinos, as partículas pantasma. O crego, agora astrofísico, non abandonaría nunca a súa fe: na súa estancia en América do Norte, tamén exercería como sacerdote.

Como científico, Carreira fixo importantes contribucións na invención de instrumentación astronómica, chegando incluso a colaborar coa NASA. Ademais diso, o astrofísico traballou como docente, sempre a cabalo entre os Estados Unidos e España. Así, chegou a formar parte da xunta directiva do Observatorio Astronómico do Vaticano, da cal formou parte durante 15 anos.

Publicidade

A pegada galega no asteroide 658642

Dende agora, un novo corpo celeste homenaxea a pegada dos galegos no ceo. A órbita do Asteroide (658642) Carreira = 2017 SK134, descuberto o 29 de setembro de 2017 no Observatorio Astrofísico de Baldone (Letonia) polos astrónomos Kazimieras Černis e Ilgmars Eglitis, ten unha excentricidade de 0.0859, un semieixe maior de 3.0395 au, e unha inclinación de 8.27 graos.

Černis, é un astrónomo e astrofísico lituano moi prolífico na descuberta de asteroides, planetas menores e cometas, sendo un membro activo da Unión Astronómica Internacional. Graduado pola Universidade de Vilnius, Černis traballa como científico principal no Instituto de Física Teórica e Astronomía da mesma universidade. Entre os seus intereses de investigación destacan a fotometría das estrelas, a estrutura da Vía Láctea e os obxectos do Sistema Solar.

Carreira non é o primeiro galego que ten un oco no ceo nocturno: Rosalía de Castro pon nome á estrela HD 149143, a 240 anos luz da Terra. Ademais, a autora tamén goza dun espazo privilexiado no noso sistema solar: dende o ano 1994 ten un cráter no planeta Venus. Doutra banda atópase outro crego e astrónomo, o cal fixo importantes contribucións á observación dos tránsitos de planetas como Mercurio e ao descubrimento das estrelas dobres: amais do artífice do primeiro observatorio astronómico de Galicia, Ramón María Aller Ulloa foi o descubridor de catro estrelas e titor de Antonia Ferrín, primeira astrónoma de Galicia. Ao igual que Carreira, Ulloa viviu sempre na fronteira entre a ciencia e a fe.

Ciencia e fe, incompatibles?

En vida, o crego sempre defendeu que a crenza relixiosa era complementaria ao coñecemento xerado pola ciencia. Segundo Carreira, ciencia e fe son “dúas maneiras de coñecer parcialmente a realidade. A ciencia non dá respostas a aquilo que non se pode medir, nin a fe a cuestións como de que está feita a materia”. Baixo esta premisa, adicou a súa vida a cultivar ambas, deixando unha pegada inconfundible, tanto na NASA como no Vaticano, aquí na Terra como no ceo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia