Ramón María Aller, o pai de catro estrelas galegas

Ramón María Aller Ulloa ten unha pegada na Lúa. E non é un galego calquera: foi un lalinense que quería tanto ás estrelas que se converteu nunha delas. A súa luz aínda chega ao día de hoxe. Que supuxo a súa figura para a nosa terra? Moito. Ramón María, xa dende cativo, quixo achegarse ao ceo. Fíxoo coa alma e coa razón. Estudou Teoloxía e Astronomía. Empregou a fe e máis os números para nos dar a coñecer o firmamento. Utilizou a ciencia para desenmascarar unha manchea de misterios, as estrelas dobres son algúns deles. Amais de pai de catro estrelas foi sacerdote, astrónomo e profesor. Actualmente ten estatuas, museos e centros educativos na súa honra. Esta é a interesante historia dun científico de relevo mundial: o pontevedrés que deu en cruzar lindeiros ata chegar á Lúa.

Ramón María Aller Ulloa naceu no 1878. E con estrela, nun dos pazos máis fermosos de Lalín: o de Filgueiroa. El sempre estivo á altura, pero a súa ambición animouno a chegar moito máis alto: quixo saber máis arredor do ceo. Por iso foise achegando a el no colexio dos Xesuítas da Guarda, no bacharelato, onde foi o seu mestre o xesuíta Baltasar Merino, un gran botánico e meteorólogo. Continuou con esta andaina espiritual nos Seminarios de Lugo e de Santiago.  Así, con tan só vinte anos, obtivo a licenciatura e o doutorado en Sagrada Teoloxía.

Publicidade

“Mentres estudaba Teoloxía, observaba os astros cun telescopio que lle regalou a súa avoa”

Porén, as ansias de coñecemento de Ramón Maria non cesaban. De feito, namentres lidaba coa Teoloxía, observaba os astros cun telescopio que lle regalou a súa avoa Camila Ulloa. É por iso que un ano após se graduar, cursou Ciencias Exactas na Universidade de Oviedo e de Madrid. Esta nova etapa encabezouna cunha promesa: a de non acceder a ningún cargo relixioso. E unha vez licenciado por segunda volta en 1904, Ramón xa perfeccionara a súa técnica. Non sería posible sen o obsequio da presidenta da Subcomisión Lalín, María Lajosa: o Throughton&Simms. Era un teodolito londiniense que lle permitiu utilizar o seu telescopio con maior precisión.  Como resultado, rexistrou o tránsito de Mercurio perante ao sol. Ademais, elaborou o artigo Observaciones del cometa de Johannesburgo 1910a, publicado no Anuario do Observatorio de Madrid de 1912. Este último traballo estenderá a súa persoa alén dos nosos confíns e outorgaralle maior sona.

O primeiro observatorio astronómico

Pero entre os soños do científico atopábase o de posuír un Observatorio Astronómico propio. Un grande colega seu, o escritor Luis de Ocharan, xa tiña un en Castro Urdiales, Cantabria.

Publicidade

O Observatorio inicial de Ramón María Aller Ulloa, hoxe convertido en museo
O Observatorio inicial de Ramón María Aller Ulloa, hoxe convertido en museo

Ramón María influenciouse desta idea para dar forma ao seu desexo. Froito desta ilusión xurdiu unha realidade en 1917, o que algúns catalogaron como primeiro observatorio astronómico de Galicia. Dúas casetas de madeira levantadas sobre o seu xardín protexían o teodolito da presidenta e a lente da súa avoa. Botando man dalgúns instrumentos, como un cronómetro de mariña, o astrónomo xa tiña todo o necesario para a súa investigación estelar.

“Introduciu un concepto pouco coñecido: as estrelas dobres”

Ao ano seguinte, no 1918, escribe o seu primeiro libro: Algoritmia, principios fundamentales de la ciencia de los números. Fixo esta obra na honra do seu tío Saturnino Aller antes de morrer. Pero ao que finou, Ramón María quixo destinar a herdanza á obtención dun novo telescopio alemán de maior precisión. Deste xeito, pasaría de ter unha lente de 67 mm. de abertura a unha de 120 mm. Mais para poder empregalo, tivo que remodelar o seu observatorio e construír unha cúpula que fixo efectiva pouco despois. Unha vez instalado o novo refractor, o científico avanzou nas súas pescudas vencelladas ás estrelas.

Ademais, introduciu en Galicia e en España o concepto de estrelas dobres, dous astros que se observan próximos entre si dende a Terra. Con elas, creou escola en todo o país. Os seus progresos viron luz na principal revista astronómica más antiga do mundo: a cabeceira alemá Astronomische NachrichtenA estes adiantos sucedéronlles numerosas publicacións de ámbito estatal e internacional. Aquel discreto observatorio de Lalín gozaba xa dun maior recoñecemento no resto do mundo.

“Persoeiros como Vicente Risco ou Otero Pedrayo visitaban a Aller en Lalín”

Xa no 1928, Ramón María entrou a formar parte do Seminario de Estudos Galegos. A partir desta data, o científico recibía no seu observatorio as visitas de grandes persoeiros da nosa terra. Vicente Risco ou Ramón Otero Pedrayo foran algúns deles. Paralelamente á defensa férrea desta institución, Ramón María non se detivo. Tanto é así que puido dar parte dunha tormenta de estrelas fugaces e dunha aurora boreal. A súa extensa produción científica parecía froito da investigación de varios astrónomos, ou iso dicían as linguas foráneas. Pero o certo é que unha vez rematada a Guerra Civil, por obra e graza do reitor Carlos Ruiz del Castillo, comezou a colaborar cunha morea de entendedores ao incorporarse á Universidade de Santiago de Compostela. O observatorio de Lalín, con tanta evolución e prestixio, tamén se trasladaría.

En 1940, debuta como profesor universitario de Xeometría Analítica e Análise Matemática. Logo, inaugúrase o Observatorio en Santiago de Compostela. O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), marabillado ante o magnífico investigador,  patrocinou este acto, amais de publicar o seu tratado Introdución a la Astronomía, un traballo de grande referencia na propia universidade.

Antonia Ferrín Moreiras xunto a Ramón María Aller.
Antonia Ferrín Moreiras xunto a Ramón María Aller.

Alí, no seu labor docente, dirixe varias teses, entre elas, a de Enrique Vidal Abascal, un personaxe crucial na súa vida. Este creou no Observatorio a sección de Astronomía Teórica e Matemática Durán Loriga, que hoxe vén sendo a Facultade de Matemáticas da USC. Tempo despois, Ramón elaborou outro libro dedicado ao seu prezado discípulo, Astronomía a simple vista. Tamén compartiu sabedoría coa súa discípula Antonia Ferrín, a primeira astrónoma de Galicia. Asemade,  o xa persoeiro non tardaría demasiado en se converter en membro da Comisión de Estrelas Dobres da Unión Astronómica Internacional.

Ramón María Aller: “Cada paso que dá o home amósalle novos horizontes”

Ramón María Aller Ulloa observando nun telescopio
Ramón María Aller Ulloa observando nun telescopio

Aller decidiu volver a Lalín, preto da súa familia, para ficar en calma. Alí pasou os seus últimos días, e un 28 de marzo de 1966 morreu, pero non do todo. Arestora aínda lle debemos moito a ese astrónomo galego que nos achegou as estrelas dobres. Témolo presente. Ramón está en moitas partes: está en Lalín, co seu observatorio inicial convertido en Museo; está na Universidade de Santiago de Compostela; está en Alemaña, Francia, Inglaterra, Estados Unidos… Pero, sobre todo, está no ceo. A figura de Ramón María permanecerá sempre nas catro estrelas que descubriu: as Aller 1,2,3 e 4. Só temos que contemplar o firmamento tal e como el o facía, con mente e  corazón. E quizabes así verémolo na lúa, no cráter co seu nome, acuñado polo científico Hugh Percy Wilkins. E é a bandeira de Ramón María xa estaba no noso satélite antes de que Neil Armstrong chegase. “Un pequeno paso para o home, pero un salto moi grande para a humanidade”. Iso dicía Neil, pero para Ramón o progreso non se concibía en pequenas pegadas. “Cada paso que dá o home amósalle novos horizontes”, sostiña.

As estrelas dobres son dous astros que, dende a Terra, obsérvanse próximos entre si
As estrelas dobres son dous astros que, dende a Terra, obsérvanse próximos entre si

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O pico de actividade das Oriónidas coincidirá cunha Lúa case chea

O paso da Terra pola órbita do cometa Halley traerá unha chuvia de estrelas, cuxo pico de actividade terá lugar o 21 de outubro

Galicia vive unha semana de récord con mareas vivas históricas

Este xoves, as mareas vivas sacudirán as augas galegas a causa da aliñación de Terra, Lúa e Sol nun mesmo plano, con efectos maiores sobre a ría de Foz

Como ver dende Galicia a eclipse parcial de lúa desta madrugada?

O fenómeno coincide co satélite na súa fase chea e moi próximo ao perixeo, o cal deixará unha influencia moi notable nas mareas

Chega a conta atrás para ver o cometa do século

Para poder gozar deste espectáculo a simple vista, os afeccionados deberán localizar primeiro a constelación de Leo