Un equipo da UDC patenta un sistema pioneiro que mide a postura vertebral en tempo real

Investigadores do CITENI crean unha tecnoloxía non invasiva e de baixo custo para mellorar o diagnóstico e tratamento das doenzas da columna

Nun mundo onde as doenzas da columna vertebral son unha preocupación de saúde cada vez máis común, xorde unha tecnoloxía prometedora que podería revolucionar o diagnóstico e tratamento destes trastornos, así como o seguimento da evolución das persoas doentes. O recente desenvolvemento dun sistema non invasivo e de baixo custo para a estimación postural da columna vertebral, patentado por investigadores do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do Centro de Investigación e Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC), representa un “avance significativo” no campo da biomecánica e a saúde músculoesquelética. Urbano Lugrís, Florian Michaud e Javier Cuadrado son os cerebros detrás desta nova tecnoloxía.

Máis polo miúdo, o sistema estima as orientacións vertebrais utilizando un modelo multicorpo da columna vertebral e un número reducido de sensores de orientación 3D: ao colocar cinco sensores en cinco vértebras identificadas, estímase a postura da columna ao completo e en tempo real. Isto resulta posible grazas á medición da orientación que ofrecen os sensores e ao algoritmo de estimación desenvolvido polo equipo de biomecánica da UDC.

Publicidade

Ata o de agora, obter información detallada sobre a postura da columna está a resultar custoso, complexo e, en moitos casos, esixe a exposición do paciente a radiacións nocivas. Este novo sistema ofrece unha solución que proporciona información precisa e segura da postura da columna vertebral en tempo real.

O potencial desta tecnoloxía é amplo, xa que permite o diagnóstico clínico de certas patoloxías como alternativa aos raios X, indican dende a UDC. O obxectivo é fomentar o seu uso en hospitais e centros de saúde, pero tamén en clínicas de fisioterapia e centros de ergonomía, onde a necesidade de dispoñer dunha solución de baixo custo e non invasiva se volve indispensable.

Publicidade

Recoñecemento local e internacional

O Servizo de Traumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) mostrou o seu interese por esta tecnoloxía, especialmente para nenos con escoliose. Entre outras vantaxes, reduciríase a cantidade de radiografías necesarias para realizar o seguimento da súa enfermidade e, en consecuencia, a exposición a radiación X en idades temperás. Nos próximos meses, e grazas á colaboración co Nodo de Innovación da Área Sanitaria de Ferrol, dirixido por Javier Quiles, preveuse a realización dun estudo clínico para confirmar a eficacia do sistema mediante imaxes médicas.

A publicación científica de Urbano Lugrís, Florian Michaud e Javier Cuadrado sobre este innovador sistema de estimación postural tamén espertou o interese dun empresario estadounidense. Desde San Diego, recibiron unha chamada para probar o sistema nun hospital californiano, co propósito de lles proporcionar aos técnicos ortopédicos datos obxectivos que permitisen axustar eficazmente os xustillos de pacientes con escoliose. As probas realizáronse en 2023 e os resultados obtidos resultaron prometedores.

Recentemente, os investigadores do CITENI, en colaboración co enxeñeiro e emprendedor Alejandro Vázquez, crearon a empresa derivada (spin-off) Motion and Force Engineering Solutions (MFES). Esta compañía nace co obxectivo de difundir os avances do LIM e promover a actividade de I+D+i na comarca de Ferrolterra, poñendo un enfoque particular na biomecánica do movemento humano e outras áreas relacionadas das Ciencias da Saúde. Tras patentar este sistema de medición postural, aspiran a lanzalo ao mercado a través da spin-off. Co compromiso de impulsar a innovación local e contribuír ao avance científico na rexión, MFES prepárase para pór esta tecnoloxía avanzada ao alcance de quen máis o necesite.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto da UDC propón un kit impreso en 3D para previr lesións asociadas ao uso do teclado e do rato

Doralys Torriente Aguilar deseñou unha solución ergonómica para exercitar e fortalecer as mans, os pulsos e os antebrazos mediante seis exercicios

O avance do piñeiro ameaza a caramiña, unha das xoias naturais das dunas galegas

Unha investigación constata que os piñeirais reduciron un 61,5% o ecosistema da Praia de Trece dende 1956 e dificultan a supervivencia da especie

A propulsión nuclear, a exame como alternativa para descarbonizar o transporte marítimo

Unha investigación do CITENI analiza os riscos dos reactores de sales fundidas para a súa posible aplicación nos buques do futuro

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos