Un equipo de arqueólogos da asociación Sputnik Labrego vén de anunciar o achado dun complexo sistema de canalización de augas atopado no asentamento tardorromano de Valencia do Sil, situado no concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras. “Foi unha das grandes sorprensas da escavación. O sistema estaba vencellado a un forno, que puido ser de forza de ferro e cobre, o que implica unha planificación da xestión dos recursos similar a unha cidade da época romana”, explica o director da intervención, Carlos Tejerizo.
Sputnik Labrego leva tres semanas traballando no xacemento ourensán e os traballos prolongaranse ata o 14 de xullo. Con todo, xa están a comunicar os resultados preliminares desta campaña. Segundo indica Tejerizo, o obxectivo desta nova intervención era consolidar as estuturas escavadas en anteriores traballos para poder garantir a súa conservación no futuro.
O segundo propósito da campaña centrábase en rematar a intervención do que, segundo as hipóteses da asociación arqueolóxica, podería ser unha fragua de época romana. “Trátase dunha estrutura de grandes dimensións que comezamos a escavar en 2019 e que, finalmente, podemos rematar este ano”, indica o director da intervención. De confirmarse a hipótese, podería ser unha das estruturas de produción metalúrxica de época tardorromana máis grandes escavadas no noroeste peninsular.
Presentación de resultados de Sputnik Labrego
Sputnik Labrego presentará os resultados da intervención o vindeiro mércores 10 de xullo. Para iso, organizará unha visita guiada ao xacemento ás 19.30 horas. Tamén se celebrará unha actividade enfocada aos máis pequenos, co obxectivo de que poidan ser arqueólogos por un día. Malia que a campaña remata o día 14, o equipo afirma que o proxecto terá continuidade. “Despois de cinco anos de escavacións, esperamos poder finalizar a consolidación e posta en valor do sitio a curzo prazo”, conclúe Tejerizo. O director tamén pon en valor a participación da comunidade e entidades locais como o concello de Vilamartín de Valdeorras, que financiou as escavacións.














