Venres 19 Abril 2024

As pinturas prehistóricas de Pala de Cabras, un enigma por resolver

O equipo de Sputnik Labrego enfronta o reto de documentar e explicar o maior conxunto de arte esquemática do país

Documentar de xeito exhaustivo as pinturas prehistóricas atopadas na Pala de Cabras (Carballeda de Valdeorras) —sen descartar a localización doutras agochadas no recinto— e profundar no coñecemento da propia pala co fin de acreditar o seu estado de conservación, precisar a cronoloxía e definir o seu contexto histórico. É o obxectivo que guía ao equipo de investigadores da Asociación Científica O Sputnik Labrego que enfronta a segunda fase do proxecto de documentación e valorización deste conxunto de pintura esquemática prehistórica, único en Galicia. 

As pinturas foron descubertas no ano 2019 cando investigadores do Sputnik Labrego e a empresa Estela Arqueoloxia traballaban nos montes Casaio, a cabalo das provincias de Ourense e León, para documentar os restos dunha mina de volframio e dos chozos da guerrilla antifranquista. 

Publicidade

A segunda fase dos traballos contará con ferramentas de apoio tecnolóxicas que contribuirán a profundar, dun xeito significativo, no coñecemento das pinturas, do recinto e na estrutura social que os acubillou. Como explica Carlos Tejerizo García, director do proxecto e investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, “faremos fotografías infravermellas que nos axudarán a estudar mellor as pinturas, ao obter máis definición, e tamén a localizar, fotografando as paredes, máis pinturas”.  

“Faremos fotografías infravermellas que nos axudarán a estudar mellor as pinturas e a localizar máis”

Carlos Tejerizo, director de Sputnik Labrego e investigador do CSIC

Ata agora son 30 as imaxes localizadas, entre elas un ídolo oculado, un esquema común na arte mediterránea, que é o primeiro documentado en Galicia. Os motivos soliformes e arboriformes son os máis repetidos, aínda que, apunta Carlos Tejerizo, “tamén hai un debuxo dunha liña horizontal e tres verticais que podería interpretarse como un motivo animal”. 

Por outra banda, e para documentar a propia pala, farase unha planimetría tridimensional para reconstruír a cova e deste modo “comprender o sitio e máis o seu contido”. Este modelo 3D permitirá, a medio prazo, achegar o conxunto de arte prehistórica de Pala de Cabras ao público xeral, a través dunha páxina web”, indica o investigador.

No pasado mes de novembro realizaron unha intervención arqueolóxica que sacou á luz algúns vestixios de material prehistórico como restos de cerámica, que están en fase de datación por termoluminescencia, que axudarán a coñecer o contexto dunhas pinturas que se fixeron hai uns 5.000 anos e a entender por que seguen o chamado modelo mediterráneo (pinturas esquemáticas) e non o atlántico (arte ligada á pedra como os petróglifos), propio da nosa terra.

Rituais e agrupamentos

Os investigadores atribúen esta rareza ao carácter de fronteira da zona e lígana á mobilidade de  sociedades gandeiras da época. O que semella claro, sinala Carlos Tejerizo, é que o conxunto de Pala de Cabras “é un punto de contacto, de agrupamento, de rituais, pero non funerarios”. 

Os traballos de documentación e contextualización agora en marcha, que contan co apoio da Comunidade de Montes de Casaio e Landeira, darán os seus froitos nun prazo aproximado dun mes. Os resultados será presentados publicamente nunha palestra a realizar no Barco de Valdeorras

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha semente de uva demostra a presenza de vides en Valencia do Sil no século IV

Os resultados da investigación serán expostos nun seminario organizado en Santiago de Compostela o próximo 24 de novembro

Os montes comunais de Galicia comezaron a xestionarse na Idade Media

Unha investigación de Sputnik Labrego afonda na historia dos Montes Veciñais en Man Común das aldeas de Casaio e Lardeira, en Ourense

Mtoto: o neno enterrado en Kenya hai 78.000 anos

A paleoantropóloga galega María Martinón Torres asina o artigo que leva na portada a revista "Nature", que describe o achado nun xacemento de Kenia

O Cabrón de Arbo, un xacemento “fundamental” para coñecer o Plistoceno medio

Un libro recolle as investigacións neste enclave, que achega maior coñecemento sobre unha etapa aínda descoñecida na prehistoria de Galicia