Precipitacións elevadas e temperaturas baixas, pero pradarías húmidas e bosques que favoreceron a supervivencia dos últimos neandertais de Galicia. Esa é a principal conclusión dun estudo publicado por investigadores das universidades de Santiago e de Vigo e polo Centro Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC). Unha descrición que nos permite coñecer o clima en que viviron aqueles neandertais que habitaron as Serras Orientais da Galicia de hai máis de 40.000 anos.
O que logra Hugo Bal García, primeiro autor do estudo, é viaxar ao pasado. Coa súa investigación, realizada grazas aos restos faunísticos atopados en Cova Eirós, logra reconstruír as condicións climáticas da época. Unha información clave para extraer toda a información posible sobre os derradeiros neandertais do noso territorio. A connotación negativa que ten o nome da especie está moi lonxe do que reflicten os estudos científicos, di Bal García, apelando ao uso de neandertal como insulto. Nesta entrevista, o investigador da USC e do CISPAC debulla as reviravoltas dunha investigación clave para Galicia.
—Por que é tan importante reconstruír o clima en que viviron os derradeiros neandertais de Galicia?
—Os humanos, tanto no presente como no pasado, vivimos nun mundo que nos rodea. Iso ten moita importancia á hora de saber as decisións que podían tomar a nivel económico, cultural, etcétera. O mundo ten forma e seres vivos, e isto afecta moito o desenvolvemento destes humanos. Coñecer o clima, e sobre todo o medio no que viviron, dános moita información sobre estes grupos.
—Cal é a relevancia de Cova Eirós? Cal foi o seu papel na supervivencia dos neandertais?
—Sempre é difícil de matizar. Traballamos cun volume de información mínimo. Só de pensar todos os xacementos que se perderon nos últimosd 40.000 anos… O importante de Cova Eirós é que en Galicia apenas temos contextos nos que poidamos estudar os neandertais e menos aínda nos que poder investigar a súa explotación no medio. Por que? Porque para que se conserven restos faunísticos téñense que dar unhas condicións moi particulares de solo, humidade e conservación que non se dan na maioría do territorio galego, só nas covas das Serras Orientais.
Noutras zonas da península, como no Cantábrico e no Mediterráneo, hai moitas covas e xacementos, así como unha tradición de estudos moi prolongada no tempo. En Galicia estamos nun nivel científico avanzado pero, por desgraza, fáltannos xacementos. Para o estudo deste período só podemos contar coa información que achega Cova Eirós; A Valiña, en Castroverde, que é o máis recente; e o de Valdavara en Becerreá.
—Imaxino que a falta de xacementos se debe ás características do solo galego, que é moi ácido e non permite a conservación de restos óseos.
—Si, exacto. Iso é o que acontece en xacementos ao aire libre. Actuouse en numerosas ocasións na depresión de Monforte e nas Serras Setentrionais, onde hai moitos xacementos paleolíticos. O problema é que non conservan restos óseos porque o solo é tan ácido que en menos de 2.000 anos desaparece todo tipo de rastro.
—Iso dificulta moito o traballo… Non obstante, coa información extraída de Cova Eirós concluíron que as Serras Orientais funcionaron como un “auténtico refuxio climático”. Que papel exerceron para a supervivencia dos neandertais?
—Hai que ter en conta o contexto xeral da península ibérica. Estamos inmersos na última Idade de Xeo, cando o clima era predominantemente moi frío e moi seco. O medio que se podía ver na meirande parte do que hoxe son España e Portugal era a estepa, como a que podemos ver en Asia Central, con espazos moi abertos, sen unha soa árbore, e todo pradaría. Si que quedan zonas no norte e leste peninsular que foron vales de montaña e, por tanto, puideron funcionar como bosques-refuxio. O que vemos en Cova Eirós é unha mantenza de condicións de humidade relativamente altas para o momento en que viviron os derradeiros neandertais, o que permitiu o desenvolvemento de bosques na zona.
—Pódese considerar que as Serras Orientais foron o último reduto dos neandertais na península?
—Na península non. Hai evidencias no sur, sobre todo na zona do Campo de Xibraltar e no propio penedo, que indican que alí viviron os últimos neandertais a nivel global, con datas de menos de 40.000 anos, e no norte peninsular a súa extinción prodúcese antes. É raro atopar xacementos arredor dos 45.000 anos, pero neste nivel de Cova Eirós temos datado arredor de 41.000. Iso é certo. Pero non é o único xacemento, hai outros en Asturias e Cantabria, pero son extremadamente raros.
Por iso nos chama atención que apareza, xustamente en Galicia, porque estamos vendo que a nivel climático e do medio puido haber diferenzas co resto da península. Isto non quere dicir que esteamos a determinar que estes grupos se estiveron desprazando cara ao oeste para sobrevivir, pero si nos dá pistas de que algo pasa. Algo lles interesa a estes últimos neandertais.
O solo galego é tan ácido que en menos de 2.000 anos desaparece todo tipo de rastro
—Como conseguiron reconstruír o clima de hai 40.000 anos? As conclusións apuntan a unha Galicia máis fría e cun réxime de precipitacións semellante ao actual.
—Falamos dun período moi antigo en que viviron rinocerontes laúdos, hienas e leopardos que en absoluto vemos hoxe nas Serras Orientais de Galicia. Non obstante, a maioría destes taxóns ou seguen vivos na actualidade ou teñen parentes moi próximos taxonomicamente. Isto permítenos estudar as condicións nas que triunfan estas especies no presente e ver que parámetros climáticos e ambientais caracterizan a cada taxón. Convertendo todo en números e facendo cálculos estatísticos podemos coñecer o medio en que viviron este conxunto de especies, que é moi amplo, na contorna de Cova Eirós.
—Traballades con moitos restos faunísticos, como o mamut laúdo e o cervo. Con cales máis?
—O animal máis común neste nivel e en toda a cova en xeral é o oso das cavernas. Iso é unha constante en cada período que estudamos do xacemento. A fin de contas é unha cova, nós estamos escavando na entrada pero ten centros de metros de galerías cara ao interior, e iso encántalle aos osos. En calquera caso, o oso das cavernas ten un carácter intrusivo na ocupación antrópica. En principio non coexisten, senón que son distintos episodios moi seguidos no tempo e que, por tanto, se conservan xuntos, pero non habería unha correlación.
Porén, neste caso si puidemos identificar unhas poucas pezas do oso das cavernas que teñen marcas de corte, o que nos está a falar de que eses últimos neandertais atoparon un oso, non sabemos se o cazaron ou o atoparon morto. O máis probable é o segundo, e explotaron o que quedaba, seguramente a pel ou os ósos para facer ferramentas.

—Alimentábanse deles?
—Non é probable pero seguro que o explotaron. Cando cortas un animal e marcas o óso, estás gastando unha ferramenta que ten un custo de produción moi elevado. Non son marcas aleatoria. Se están presentes nun óso é porque tiñan unha intención clara de explotalo. O problema é que non podemos saber a ciencia exacta que fixeron co oso e para que. O máis probable é que atoparon morto e usaran a pel e os ósos.
—De feito Cova Eirós foi un refuxio para os osos cavernarios, que tardaron máis en extinguirse no que hoxe é Galicia.
—Si, pero a día de hoxe non está moi clara a extinción dos osos da cavernas. Fálase de que se produciu hai uns 24.000 anos, que é un período en que se extinguen moitos taxóns de grandes mamíferos en Europa. Para sabelo precísase un grupo amplo de xacementos, máis evidencias e menos feitos illados. Si que é certo que Galicia, se non foi un dos últimos, foi un dos bastións nos que conseguiron aguantar máis tempo. Talvez porque había unha menor presión antrópica.
—Trasladando ás circunstancias ao caso dos neandertais, semella que a actual Galicia foi un bastión para as dúas especies.
—Si, iso convida moito a reflexionar. Converxen dous factores: por un lado temos unha das últimas evidencias de neandertais en Cova Eirós; e por outro, no conxunto das Serras Orientais, hai indicios relativamente tardíos de oso das cavernas. Isto lévanos a pensar nun medio tan rico como parece ou ben que non había moita presión antrópica nin de grandes depredadores. En calquera caso, son cuestións que se terían que corroborar coas evidendias recabadas en moitos xacementos.
Galicia foi un bastión dos osos das cavernas
—En que punto está a investigación en Cova Eirós? Sabemos que se documenta a presenza de neandertais en 2008 e descóbrense as primeiras pinturas rupestres en 2011. É dicir, a investigación é relativamente recente.
—Si, en Galicia o estudo do Paleolítico comezou tarde. No Cantábrico, igual hai 200 anos que xa había un erudito local que facía investigacións. Aquí, a nivel científico, a primeira cova non se escava ata os anos 80.
—Moi tarde...
—Si, moi tarde, pero os poucos traballos que se teñen feito son moi importantes e dende o punto de vista científico están ao máis alto nivel.
—Por que se tardou tanto? Pola falta de restos ou por outras circunstancias?
—Hai moitas. Por un lado, Galicia é un territorio con moi poucas covas porque hai moi pouco terreo calizo. Por outro, están nas Serras Orientais. En Triacastela pódese acceder sen problema pero os traballos que se fixeron nos oitenta no Courel demostraban as dificultades e a escasa estrutura para realizar as escavacións. Non é dado. En Asturias e Cantabria, por exemplo, as covas están practicamente ao nivel do mar.

—Habería algunha posibilidade de atopar outra Cova Eirós que sexa unha xoia para o estudo dos neandertais e do Paleolítico en Galicia?
—Sempre dicimos que temos Cova Eirós como a emblemática pero quedan moitas por descubrir. En Paleolítico, cando te metes a buscar en covas, normalmente atopas algo.
—Están buscando novos xacementos?
—Ademais dos traballos en Cova Eirós, estamos nun proceso de reescavación dunha cova que se escavou nos oitenta. Tamén realizamos traballos na prospección e escavación doutras cavidades na contorna de Cova Eirós. Ata o de agora non atopamos outra evidencia de Paleolítico na montaña, pero escavamos un xacemento que nos deu unha secuencia medieval. Agora estamos investigando outro que parece indicar ocupacións do pasado aínda non determinadas. O bo que teñen as covas é que se manteñen intactas co paso do tempo.
O obxectivo final é reconstruír o clima das Serras Orientais de Galicia nos últimos 50.000 anos
—O estudo sobre o clima dos derradeiros neandertais vai ter continuidade? Cales son os pasos a seguir?
—Este estudo foi a punta de lanza. Forma parte da miña tese de doutoramento e un dos eixes principais é precisamente o enfoque da reconstrución paleoambiental e paleoecolóxica. A idea é publicar os resultados dos demais niveis da cova. Por exemplo, o nivel 4 rexistra unha ocupación neandertal máis antiga, duns 47.000 anos. Tamén contemplo estudar A Valiña e Valdavara, que son do Paleolítico Superior. O obxectivo é reconstruír o clima das Serras Orientais de Galicia nos últimos 50.000 anos. O bo é que temos bastantes restos faunísticos.
—Con toda a información extraída de Cova Eirós, que sabemos dos derradeiros neandertais do que hoxe é Galicia?
—Nin eran tan brutos nin tan parvos, eran humanos, practicamente como somos nós hoxe en día. Tiñan un coñecemento do seu medio que nós nin poderiamos imaxinar e triunfaban por onde se desprazaban. Sabían moi ben onde tiñan que ir cazar, onde tiñan que ir para facer as súas ferramentas… Non obstante, o estudo que publicamos sobre o nivel 3 apunta a unhas ocupacións de carácter esporádico. É dicir, Cova Eirós non era o seu campamento principal, senón que alí só desenvolvían actividades concretas. É un contexto que se repite moito nos neandertais do norte peninsular, que seguramente xa tiñan problemas xenéticos ou de formación de grupos. Desenvolvían unha explotación moi diversificada dos recursos e non perseguían unha fin concreta.