Otilia Mó é a nova académica da Real Academia Galega da Ciencias. A ponteareá falou no seu acto de ingreso cun discurso en defensa da educación pública. Mó é unha das pioneiras da química cuántica no país e está moi implicada no fomento da incorporación das mulleres á investigación.
“Foi un sistema de educación pública o que me levou a min, unha nena dunha recóndita aldea galega, a recibir en París unha distinción como muller investigadora en Química”, asegurou a nova académica. Para a científica, isto é un “milagre” consecuente da formación que recibiu. “Defendámolo”, advertiu.
Desde a Academia déronlle a benvida e salientan que foi unha das poucas mulleres con máis de 50 traballos publicados no Journal of Chemical Physics. Ademais, a Unión Internacional de Química Pura e Aplicada outorgou en 2019 en París o recoñecemento de Muller Distinguida en Química pola súa excelencia e liderado.
A importancia da química na astronomía
En relación ao papel da química cuántica, Mó salientou que “foi decisiva para explorar ámbitos onde a información era escasa”. Sobre este aspecto, na súa intervención asegurou que o comportamento cuántico de átomos e moléculas constitúe a clave fundamental e a única vía para comprender os fenómenos máis diversos do noso universo. Así, no transcurso da súa dilatada carreira, a catedrática investigou unha serie de procesos que ocorren no espazo interestelar.
Por outro lado, destacou a capacidade da mecánica cuántica para desentrañar os mecanismos dos procesos químicos, unha información que resulta difícil de obter mediante métodos experimentais. Nesta liña, a nova académica puxo de relevo que “grazas ao desenvolvemento de técnicas cuánticas avanzadas, hoxe é posible ‘observar’ procesos que ocorren en escalas temporais da orde dos 10⁻¹⁵ segundos”. Isto abriu a porta ao estudo de reaccións químicas en tempo real.
“A cuántica tamén nos permite deseñar dispositivos fotovoltaicos como o caso das pilas moleculares”, destacou Mó. Tamén desempeña un papel crucial en diversos campos como o dos nanomateriais, as máquinas moleculares ou o deseño de fármacos, segundo afirmou a catedrática.
Unha pioneira da Química Teórica
O académico Miguel Ángel Ríos, catedrático emérito de Química Física da Universidade de Santiago, realizou a laudatio da nova integrante da RAGC. Destacou que xa en 1970, cando a Química Teórica aínda comezaba a ser obxecto de estudo en Galicia, a doutora Mó foi capaz de decatarse de que os múltiples aspectos do comportamento químico estaban determinados polas interaccións entre partículas subatómicas, átomos, moléculas e ións. “Optou por dedicar a súa vocación científica á Química Teórica e Computacional”, relatou Ríos.
O catedrático manifestou que a carreira científica da doutora Mó medrou de modo continuo e espectacular “ata alcanzar o alto grao de excelencia e o recoñecemento internacional que actualmente ten”. Concluíu apuntando que a súa presenza será de grande utilidade para a vida da Academia e para o desenvolvemento da ciencia en Galicia.