O científico do CiQUS Manuel Souto, premiado pola Real Sociedade Española de Química

A institución valora a súa destacada traxectoria profesional e o seu traballo á fronte do grupo de investigación ElectroMolMat

O investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago (USC) Manuel Souto acaba de ser recoñecido co Premio Novo Investigador na modalidade Líder de Grupo que outorga cada ano a Real Sociedade Española de Química (RSEQ). Con esta concesión, a RSEQ valora a destacada traxectoria profesional de Souto e o seu traballo á fronte de ElectroMolMat, o grupo de investigación que dirixe desde o CiQUS.

“Síntome moi honrado e agradecido á RSEQ por ter recibido este premio”, sinala Souto, quen tamén ten palabras de agradecemento cara a todos os membros do seu grupo, “pasados e actuais”, polo seu entusiasmo e dedicación. “Gustaríame ter unha mención especial para o CiQUS e o programa Oportunius da Xunta que me permitiron regresar a España para continuar investigando cunhas condicións e unha infraestrutura excelentes.”

Publicidade

Souto incorporouse ao CiQUS en 2023 como profesor de investigación Oportunius, procedente do Instituto de Materiais de Aveiro – CICECO (Portugal). A súa investigación céntrase no deseño de materiais moleculares electroactivos, cun enfoque particular na síntese de novos polímeros porosos que teñen aplicacións en electrónica e almacenamento de enerxía. Actualmente conta cunha das prestixiosas axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC, polas súas siglas en inglés) para levar a cabo un proxecto cuxo obxectivo é deseñar unha nova familia de COFs, uns materiais porosos baseados en elementos abundantes con propiedades excepcionais, para o seu uso como eléctrodos en baterías que se poden recargar.

Outros recoñecementos

Este recente recoñecemento da RSEQ súmase a outros premios obtidos por Souto, como o de doutoramento NanoMatMol (2017), o extraordinario de doutoramento (2018) e o Premio Europeo de Teses Doutorais sobre Magnetismo Molecular (2020). Ademais, Souto é membro da Academia Nova de Europa, unha iniciativa paneuropea que recoñece científicos emerxentes e promove o intercambio científico e as achegas á política científica comunitaria.

Publicidade

Desde 2017, son xa cinco os investigadores do CiQUS distinguidos co Premio Novo Investigador da RSEQ: Moisés Gulías, Martín Fañanás, Javier Montenegro, Beatriz Pelaz e, agora, Manuel Souto. O centro conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e está co financiado pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos