Os experimentos caseiros e o bo facer das súas mestras de física e de química foron todo o que necesitou Manuel Souto Salom para interesarse por esta última rama. Na súa traxectoria acumula estancias en Estrasburgo (Francia), Bahía Blanca (Arxentina), Lisboa e Aveiro (Portugal). Nestas experiencias consolidou o seu interese pola investigación, que é a súa principal dedicación actualmente en Galicia grazas ao programa Oportunius, impulsado pola Axencia Galega de Innovación coa fin de ofrecer condicións favorables para atraer e reter talento investigador.
“De pequeno sempre me gustou facer os meus propios experimentos na casa. Tamén lía moitos libros de divulgación, de autores como Stephen Hawking, e xogaba moito con pezas de construción. Isto é moi similar ao que fago agora: unir pezas, que serían as moléculas, para crear megaconstrucións”, explica o químico sobre a súa vocación.
Se ben esta creatividade sempre foi un punto fundamental, o que determinou o inicio da súa carreira investigadora foron os dous anos que pasou en Estrasburgo durante os seus estudos de Química na Universidade de Valencia.
De Valencia…
O principal obxectivo á hora de ir a Estrasburgo era obter unha dobre titulación en Química e en Enxeñaría Química, mais tamén tivo a oportunidade de acceder a dous períodos de prácticas de investigación: o primeiro, en Bahía Blanca; e o segundo, en Lisboa. “Foi nesas prácticas cando me din de conta de que me gustaba o que estaba facendo. Gustábame experimentar, facer novas reaccións químicas e crear novos materiais. Ademais, tamén me gustaba moito escribir artigos, polo que decidín continuar cun máster en Francia e un doutoramento”, relata.
En 2012 chegou ao Instituto de Ciencia de Materiais de Barcelona para facer a súa tese arredor dos materiais orgánicos para aplicación electrónica: “Desfrutei moito dos catro anos da tese. Estaba nun ambiente moi dinámico e puiden coñecer a outros grupos de investigación. Para min foi moi enriquecedor, non só a nivel científico, senón tamén a nivel persoal por todas as habilidades que vas desenvolvendo ao longo do tempo que estás facendo a tese”. Ao rematar esta en 2016, continuou a súa carreira cun posdoutoramento na Universidade de Valencia.
A Aveiro
Cando fixo os 30 anos tamén comezou a súa carreira co seu propio grupo de investigación como profesor asistente na Universidade de Aveiro. “O Instituto de Materiais CICECO é un dos máis importantes da península ibérica, ofrecíanme un contrato indefinido e valoraban a perspectiva que eu podía achegar”. Alí puido traballar con persoas de países moi diferentes, posto que, como el di, “é unha universidade moi aberta”.
Ao longo destes anos de investigación, nunca se separou da electrónica orgánica posto que é un eido que lle permite “combinar aspectos que me gustan e desenvolver moitas habilidades”. Por unha banda, combinando a química orgánica e a química física pode ·estudar en profundidade as propiedades das moléculas” que sintetizan. Por outra banda, ao utilizar estas moléculas orgánicas para dispositivos electrónicos e aplicacións similares “abranguemos practicamente todo o proceso, desde o comezo ata o final”.
Chegada a Galicia
De pai galego emigrado a Valencia; Souto, valencián de nacemento, leva dous anos residindo en Galicia. En 2021 concedéronlle a bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) para o seu proxecto ELECTROCOFS, cuxo obxectivo é substituír os cátodos das baterías convencionais (habitualmente feitos de óxido de litio ou cobalto) por materiais orgánicos, máis sostibles. Grazas a esta concesión “abríronse moitas portas, unha delas no programa Oportunius. Pareceume algo único polas condicións que dan tanto a nivel de salario como de apoio á investigación”, afirma.
Outro factor importante que tivo en conta foi o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o centro no que traballa actualmente. “Salienta a gran cantidade de proxectos europeos cos que contan, así como a capacidade de captar talento. É un centro que promove moito a colaboración interna entre os distintos grupos, sempre de relevancia a nivel europeo ou de transferencia de coñecemento“.
Esta filosofía permítelle colaborar con outros grupos centrados na biomedicina ou no desenvolvemento de novos tipos de materiais, o cal encaixa perfectamente coa maneira que ten el de entender o labor científico: “Cando se mesturan diferentes campos ou disciplinas é cando xorden as grandes ideas“.
Captación de talento
Este tamén é un dos motivos polos cales o químico considera o programa Oportunius como algo tan positivo: “Está traendo e captando novos grupos moi potentes en investigación, permíteche colaborar dentro de Galicia con grupos emerxentes en diferentes ámbitos e tamén está dando lugar a spin-offs. A nivel persoal, permitiume regresar a Galicia, onde vive a miña parella, e crear un grupo con boas condicións no que traballo con investigadores de países moi diferentes (China, India, Hungría, Italia e Portugal), o cal tamén fai que teñan antecedentes e formacións diferentes”.
Actualmente, ademais de liderar o seu propio grupo de investigación, mantén a relación coa Universidade de Aveiro como profesor convidado supervisando a algúns estudantes de doutoramento que se atopan rematando a súa tese.
Unha enerxía máis sostible
Tal e como explica Souto, o problema actual das baterías convencionais é que “utilizan como cátodos, óxidos de metal de transición. Isto implica un problema de recursos e de dispoñibilidade, posto que o cobalto está localizado principalmente na República Democrática do Congo e a súa extracción ademais ten problemas éticos“. Así, a idea da investigación é ser quen de substituír estes materiais por outros orgánicos, máis sostibles e baseados en elementos máis abundantes: carbono, hidróxeno, osíxeno, xofre ou nitróxeno. “Traballamos con materiais puramente orgánicos ou metalorgánicos, híbridos cunha parte orgánica e outra inorgánica, para diferentes aplicacións, principalmente enerxía e electrónica. Con todo, temos unha gama moi ampla de materiais e de aplicacións para poder utilizalos, polo que temos moita versatilidade”, aclara.
Ademais, ao utilizar estes novos materiais para constituír polímeros, o grupo de investigación tamén é quen de modular as súas propiedades a distintos niveis (eléctricas, ópticas, magnéticas, estabilidade…). “Unha parte moi importante destes materiais é a versatilidade química e estrutural. Dependendo de como se conecten estas moléculas, con enlaces covalentes determinados, podemos modular a súa porosidade. Esta é unha característica moi importante porque fai que sexan como esponxas. Ademais, se despregamos cada átomo, un só gramo destes materiais tería unha área superficial comparable a un campo de fútbol. Isto permite que poidamos encapsular diferentes moléculas no seu interior”, explica.
O seu maior reto
Esta capacidade para almacenar diferentes moléculas é o motivo polo cal tamén se utilizan para a separación de gases, especialmente no que respecta ao CO2. Este é un gas cun papel moi relevante na situación actual de cambio climático, polo que unha das liñas que mantén o grupo céntrase en “estudar en detalle os mecanismos de absorción de CO2 destes materiais”.
Con todo, a enerxía segue a ser a súa liña principal de estudo, polo que o traballo de Manuel Souto consiste no “deseño de materiais, sintetización destes no laboratorio e desenvolvemento dos mesmos para os dispositivos”. O seu maior reto actualmente é a condutividade eléctrica, posto que “son materiais que tenden a ser illantes”.
A pesar de que o seu traballo na investigación de novos materiais moleculares electroactivos está centrada principalmente nas baterías de litio, tamén teñen traballado con outras, como as multivalentes. “Estas son a próxima xeración de baterías, que se espera que cheguen dentro duns anos”, manifesta Souto. Outras baterías coas que traballan actualmente son as que están baseadas en elementos como o calcio ou o aluminio.
Despois deste tempo dentro do programa Oportunius e traballando no seu proxecto ERC, Souto só ten palabras de agradecemento: “Dáche a seguridade de poder investigar no que che gusta e o que te motiva. No meu caso foron este tipo de materiais, mais tes a liberdade de propoñer un proxecto que ti crear que é relevante para a sociedade“.