Unha parada no camiño na Costa da Morte. Iso semella que está a facer Canaílla, o ibis eremita liberado en Andalucía e que decidiu, tras percorrer todo Portugal, instalarse no Val Miñor para pasar os meses de inverno. Agora, vén de ser visto polos veciños do concello coruñés de Cee na rotonda de acceso ao hospital Virxe da Xunqueira, no que parece un alto no seu periplo cara ao norte de regreso a Alemaña, o seu lugar de nacemento.
“Está totalmente acostumado á xente. De feito, o perigo pode ser que o atropele un coche ou que poida ser atacado por un can“, sinala o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, que se achegou en varias ocasións a contemplar este exemplar de Geronticus eremita na súa parada na Ramallosa, en Gondomar.
O Val Miñor foi o lugar escollido para pasar os meses de inverno por Canaílla, como foi bautizado no aviario de San Ambrosio, la localidade xerezana de Vejer. Alí chegou no ano 2023 xunto a outros 35 ibis como parte dun proxecto de reinstalación desta especie en Alemaña, onde se extinguiu a súa presenza hai 400. O obxectivo final: restablecer a ruta migratoria destas aves que, durante séculos, cambiaban as frías terras de Centroeuropa polas cálidas do sur da Península e norte de África nos meses de inverno.
O ibis eremita era un ser sagrado na mitoloxía do antigo Exipto, considerada como a reencarnación do deus Thot. A súa imaxe perdurou nos xeroglíficos e na arte fúnebre como símbolo do saber, o coñecemento e a escritura, así como da morte. Os xélidos invernos no centro de Europa entre o século XIII e o XIX e, sobre todo, a man do home, levouno á práctica desaparición, só salvada por poboacións en Marrocos e Siria.
A Cádiz guiada por un ultralixeiro
Canaílla naceu no zoo alemán de Halle, na Alta Saxonia, dentro dunha iniciativa para recuperar o ibis eremita en Alemaña. De alí foi guiado a terras gaditanas, onde hai máis dunha década conseguiuse desenvolver unha poboación en catividade que hoxe conta con máis de 300 exemplares. A súa foi unha viaxe de película, case de forma literal, porque o método seguido para facer que Canaílla e o resto de ibis cruzase milleiros de quilómetros para chegar a Andalucía foi inspirado por unha historia da gran pantalla.

En 1999, o biólogo austríaco Johannes Fritz viu a película Flay Away Home, que conta a historia dun pai e unha filla para guiar cunha avioneta unha bandada de gansos que nacera no patio da súa casa desde Canadá ata os Estados Unidos. De alí tirou a idea a solución para o proxecto de conservación de reintrodución do ibis eremita: empregar un ultralixeiro para guiar ás aves na súa viaxe a terras máis cálidas.
“Estas aves recoñecen como nais aos primeiros seres vivos que ven cando saen da casca, o que se coñece como o proceso de impronta. Están improntados a seguir a unhas nais humanas que, neste caso, ían de amarelo, acompañándoas no ultralixeiro, formando parte da bandada”, apunta Serafín González, que engade que, aínda que o habitual é que emprendan a migración en grupo, algúns exemplares tamén se aventuran en solitario.
Este sería o caso de Canaílla. Está por ver se, logo de percorrer todo Portugal en dirección norte cara ás nosas terras e pasar o inverno no sur da provincia de Pontevedra, a Costa da Morte é unha nova parada na súa viaxe de volta e consegue chegar con éxito a Alemaña, de volta á terra que o veu nacer.