O equipo da asociación científica Sputnik Labrego descubriu os restos dunha aldea de época altomedieval e o seu cemiterio nun xacemento situado na parroquia de Santa María de Casaio, en Carballeda de Valdeorras. A escavación fíxose en setembro na zona de Penedo Xudío, nunca investigada ata o de agora. Malia a falta de literatura científica, era ben coñecida pola comunidade local. “Sabíase da súa importancia pola presenza de numerosas casas moi antigas e polo material que aparecía alí, así como polas prospeccións que fixo o arqueólogo Santiago Ferrer nos anos 90″, di o director do proxecto, Carlos Tejerizo.
Durante as catas atoparon a zona de vivendas e o espazo de enterramento da comunidade altomedieval. A partir das datacións por radiocarbono, fixaron a ocupación do sitio entre os séculos VII e IX, hai máis de 1.000 anos. Segundo o equipo, este dato é “moi relevante”, xa que achegaría este enclave ao momento no que tamén existiu Cassavio, unha ceca visigoga coñecida por unha moeda de ouro feita nese sitio e que os expertos vencellan coa actual parroquia de Casaio.
“Non temos a certeza de que o sitio de Penedo Xudío sexa esa antiga Cassavio onde se fixo a moeda, mais temos informacións de que xa se atoparan outras pezas nesta contorna e non descartamos a hipótese de que realmente esteamos perante a antiga ceca”, di Carlos Tejerizo.
Unha ducia de enterramentos en Penedo Xudío
Sputnik Labrego tamén puido documentar media ducia de enterramentos situados a menos de 500 metros da zona de vivendas. “Isto permite vencellar o mundo dos vivos ao mundo dos mortos deste momento histórico tan pouco coñecido. Un auténtico achado no contexto do noroeste peninsular”, remata o director. Este e outros resultados serán presentados nunha palestra a final de xaneiro en Casaio, durante unha nova campaña de traballos da asociación científica.














