Un proxecto da UVigo avanza nunha tecnoloxía máis intelixente para protexer a saúde humana

Un equipo atlanTTic desenvolve unha nova xeración de dispositivos máis sensorizados que poidan adaptarse mellor ás persoas para unha relación "máis natural"

Medio cento de entidades de sete países traballando de maneira coordinada para conseguir, a través das tecnoloxías máis intelixentes, mellorar a seguridade das persoas e protexer a súa saúde. Nisto consiste DistriMuSe, Distributed multi-sensor systems for human safety and health, un ‘megaproxecto’ europeo no que participa o atlanTTIic da Universidade de Vigo, baixo a dirección de Felipe Gil e Pablo Fondo, do Grupo de Tecnoloxías da Información.

O proxecto, cun orzamento de 34,7 millóns e coordinado polo Centro de Investigación Técnica VTT de Finlandia, busca incrementar a seguridade humana mellorando a detección da presenza e o comportamento humano mediante sistemas multisensor e de aprendizaxe automática. Partindo do feito de que as actividades cotiás de calquera persoa están asistidas por unha variedade de dispositivos tecnolóxicos intelixentes —desde teléfonos móbiles, ata sensores de saúde pasando por aspiradores autónomos— os socios do consorcio DistriMuSe destacan que a importancia de que a interacción con estes dispositivos sexa cada vez máis fluída. “Un aspecto que ofrece un gran potencial, pero que tamén expón a desafíos tecnolóxicos e trae consigo certos riscos”, destacan. 

Publicidade

Os usuarios agardan que os servizos que prestan estes dispositivos estean sempre dispoñibles, pero tamén queren que desaparezan discretamente cando non se precisan. Para conseguilo, a tecnoloxía precisa dispor de sensores que capten a presenza humana, o seu estado mental e físico, as súas actividades e intencións e, para iso, deben estar equipados con sensores e intelixencia dirixidos a comprender realmente ao seu homólogo humano, o que inclúe monitorizar estados físicos e mentais e recoñecer actividades ou intencións sen descoidar a privacidade ou a protección de datos.

Potenciar os sistemas de sensorización

“Buscamos potenciar os sistemas de sensorización presentes e futuros cunha arquitectura distribuída que permita que os sistemas que se lles ofrecen aos usuarios finais sexan máis transparentes, ubicuos e satisfactorios”, apunta o catedrático Felipe Gil, ao tempo que explica que para lograr este obxectivo participan no deseño dunha arquitectura distribuída que implementa novos servizos apoiados pola intelixencia artificial, de forma automática e autónoma.

Publicidade

Co obxectivo de que a “monitorización” sexa discreta e continua, utilízanse tecnoloxías de detección como o radar, o lidar, as cámaras e os dispositivos portátiles. Ao despregar múltiples sensores, as solucións permitirán unha mellor cobertura, tanto no tempo como no espazo, ademais de mellorar a precisión. A gran cantidade de datos xerados por estes múltiples sensores procesarase de forma eficiente, distribuíndo os cálculos necesarios entre os recursos dispoñibles.

Tres casos de uso: saúde, seguridade viaria e robótica industrial

DistriMuSe considera tres casos de uso: aproveitar o diagnóstico baseado en medicións na casa para resolver problemas de saúde, protexer peóns e ciclistas con solucións de tráfico automatizadas e facilitar a interacción segura entre humanos e robots na contorna dunha fábrica. “Son casos de uso amplos que buscan resolver problemas comúns, especialmente os dous primeiros. O terceiro é máis particular, pero segue afectando a un número elevado de situacións”, explica o responsable na UVigo do proxecto. O experto tamén fai fincapé en que, “en calquera caso”, os tres pretenden ser exemplos das aplicacións “universais” dos resultados tecnolóxicos do proxecto. 

É especialmente relevante o caso de uso na saúde, xa que nel tamén participa o grupo de Tecnoloxías multimedia  dirixido por Carmen García Mateo. Nel trátase de achegar a tecnoloxía para utilizar o son como unha fonte de información que contribúa á monitorización das actividades diarias de persoas cunha deterioración cognitiva leve e/ou persoas maiores.

A UVigo como experta en 5G

DistriMuSe arrancou o pasado 1 de maio e durará 36 meses. A reunión de lanzamento tivo lugar en Helsinki e en novembro tivo lugar un novo plenario na zona de Stuttgart, en Alemaña. Trátase da continuación do proxecto NextPerception, outro megaconsorcio europeo no que tamén participou a Universidade de Vigo e no que se buscaba crear unha nova xeración de tecnoloxías de detección intelixentes. “Convidáronnos a participar polo noso traballo nas redes 5G e nos servizos de cómputo sobre elas”, explica Gil, quen lembra que nese proxecto tamén participaron máis de 40 socios de sete países.

Nesta ocasión o consorcio DistriMuSe está formado por 50 entidades de sete países (Finlandia, Italia, Alemaña, República Checa, Bélxica e Países Baixos) entre os que se atopan universidades, centros de investigación e numerosas empresas. A representación española inclúe as empresas Acorde Technologies, Safran Electronics and Defense, Evotel Informática e HI Iberia Ingeniería y Proyectos.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona