Animais mortos por captura accidental, con microplásticos no seu corpo e con cifras que alertan do “risco de perder unha especie de cetáceos” se non se actúa. Así se podería resumir a situación dos exemplares que cada ano varan nas costas de Galicia. A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) vén de publicar o seu informe anual que, unha vez máis, alcanza “cifras moi altas”. Concretamente, en 2024 rexistráronse 689 varamentos nas praias galegas, un dato moi semellante ao documentado o ano anterior.
O CEMMA recolle a través da Rede de Varamentos de Galicia os animais acuáticos que ao longo do ano chegan ás costas da comunidade. A maioría deles, o 90%, trátase de exemplares mortos por diversas circunstancias, pero o outro 10% son animais vivos que se despistan ou que atopan nas augas dos areais un lugar máis tranquilo para tratar de recuperarse dalgunha doenza.
Durante o 2024 o CEMMA rexistrou un total de 689 varamentos en Galicia, “pero estes datos poderían ter unha lixeira variación ao longo destes días”, advirte o biólogo da coordinadora, Alfredo López. A meirande parte, un total de 614, son cetáceos —golfiños, arroaces, toniñas e baleas—, mais tamén tartarugas, quenllas, lontras e lobos mariños.

Dentro dos cetáceos, os golfiños comúns (Delphinus delphis) son os que teñen unha maior taxa de varamentos nas costas galegas, documentándose un total de 455 casos en 2024. Séguenos os arroaces (Tursiops truncatus) con 46 exemplares; os golfiños riscados (Stenella coeruleoalba) con 18; as toniñas (Phocoena phocoena) con 14; e as baleas de varias especies con 6. “Son cifras moi preocupantes. Dende hai catro anos non deixa de medrar o número de varamentos en Galicia”, advirte o biólogo.
Incremento exponencial dende 2020

A media de varamentos totais que se rexistraban nas costas galegas entre o 2000 e 2009 era de 268, pero esta cifra case se duplicou nos últimos anos. No período entre 2020 e 2023 o dato medio ascende a 415 exemplares, segundo a Análise de desenvolvemento da rede de varamentos de Galicia realizada polo CEMMA o pasado ano.
Existen diversos motivos polos que se poden dar estes datos, “mais é algo que aínda estamos tratando de aclarar”, relata López. Malia isto, o biólogo apunta a un cambio na estacionalidade dos varamentos en Galicia. “Antes dábanse máis casos entre finais do inverno e en primavera, e durante o verán diminuían ou desaparecían. Pero na actualidade xa non existe esa diferenza e o número mantense alto durante todo o ano. O motivo sería saber por qué durante o verán existe esa presenza tan grande de cetáceos que provoca eses varamentos”, apunta.
Capturas accidentais
Ademais, o biólogo resalta que, con respecto aos anos anteriores, os animais están moito máis preto das costas. “Isto non quere dicir que aumente a poboación de golfiños no Atlántico, senón que cambian de lugar para alimentarse, chegando incluso a estar moi achegados ás rías porque é nestas áreas onde atopan as súas presas”, indica.
Así, os mamíferos mariños conviven con zonas de pesca humana e, en consecuencia, dáse moita captura accidental. Concretamente, durante o 2024, o 42% dos varamentos analizados mostraban indicios, “pero sospéitase que podería chegar ao 80% dos casos”, asegura López. A situación de descomposición na que chegan moitos dos cadáveres dos animais non permite unha demostración clara destes feitos.
Alén da captura accidental, a mortalidade nos varamentos de Galicia tamén está asociada a diversas doenzas, “desfalecementos tras unha longa viaxe polo océano” e mesmo a envelenamentos por plásticos.

A crítica situación da toniña
Dentro dos cetáceos varados en Galicia rexistrados ao longo destes anos, López advirte do perigo que supoñen estes datos para especies como os arroaces e as toniñas. “Malia que existen unhas grandes cifras de varamentos de golfiños —estimamos a mortalidade real podería ser ata catro veces máis alta do que se documenta— pensamos que a especie pode resistir esta mortalidade. Pero non é así co arroaz nin coa toniña”, apunta.
A mortalidade do arroaz está a medrar, sobre todo nos exemplares máis novos, segundo destaca o biólogo. “En pouco tempo podería ser que poidamos ver as consecuencias na súa poboación”, advirte. Unha situación preocupante, mais non tanto como a da toniña.
Esta especie de cetáceo, que “xa está en perigo de extinción”, está a rexistrar nos últimos anos un alto número de varamentos e mortalidade, a maior parte debido a capturas accidentais. “Estamos abocados á súa extinción en menos de 20 anos se non se fai nada ao respecto”, asegura López. Segundo a análise realizada polo CEMMA o ano pasado, dos exemplares varados en Galicia o 52% eran machos e o 48%, femias.

Tartarugas e plásticos
Outro dos datos que resaltan dende o CEMMA con respecto a estes últimos anos é o incremento dos varamentos de tartarugas. Durante o pasado ano recolléronse 32 exemplares nas costas galegas que tiveron que pasar un proceso de recuperación nos centros asociados á institución. “As tartarugas tragan todo o que hai no mar e cando aparece un exemplar, aínda que non teña ningún problema, queda en observación porque poden pasar ata 15 días expulsando macroplásticos”, explica o biólogo.
A presenza dos plásticos nos animais mariños non é algo puntual. “Todos os animais varados teñen microplásticos no seu corpo, pero preocupan especialmente os macroplásticos que se veñen atopando, sobre todo nos grandes mergulladores”. Segundo detalla López, no 70% dos exemplares de zifios e cachalotes varados, que se alimentan a 1.000 ou 3.000 metros de profundidade, atopáronse doses letais de plásticos nos seus corpos.
