Sábado 27 Abril 2024

Récord de varamentos en Galicia: máis de 80 cetáceos só no mes de xullo

Os expertos non atopan unha explicación clara pero cren que se pode deber á maior presenza de golfiños comúns preto da costa

“Está sendo un verán moi raro”, sostén o biólogo Pablo Covelo, membro da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma). Sen ir máis lonxe, xullo foi un mes de actividade frenética. Os membros da organización atenderon sen cesar os numerosos varamentos de cetáceos que se rexistraron nas costas galegas en cuestión de semanas. A cifra chama a atención, sobre todo en comparación coa de anos anteriores. Mentres que a media da última década roldaba os 20 varamentos en xullo, 2023 bate unha cifra récord e rexistra 82. “Non temos claro que é o que está pasando. A veces pódese observar a simple vista a causa da morte pero outras veces precísanse estudos fitopatolóxicos que levan o seu tempo”, detalla o membro do Cemma, á espera de resultados máis concluíntes.

Malia que o biólogo galego non ten unha explicación clara dos últimos acontecementos, si baralla algunha hipótese. No último ano detectouse unha maior presenza de golfiño común (Delphinus delphis) dentro ou preto das rías, cando o normal é que estean en augas máis profundas e afastadas. Segundo a información recompilada polo Cemma a través de entrevistas con mariñeiros, detectouse unha gran abundancia de peixe pequeno. Polo tanto, barállase que este aumento dos varamentos de cetáceos se deba, precisamente, a que se achegan máis do habitual á costa en busca de comida. “Atopamos 22 delfíns comúns en Ferrol e varios casos de femia e cachorro varando vivos”, apunta o experto.

Publicidade

A elevada cifra de varamentos pode deberse a que algúns cetáceos se achegan máis a costa en busca de comida

De todos modos, o Delphinus delphis non é a única especie de cetáceo que varou na costa galega. No norte, por exemplo, chegaron exemplares de golfiño riscado (Stenella coeruleoalba). Tamén se detectou unha mortalidade moi alta de arroaces (Tursiops truncatus), máis comúns e frecuentes nas rías: “En tan só 10 días atopamos catro cachorros que acababan de nacer”. No que respecta aos varamentos derivados da interacción coa pesca, as cifras non aumentaron, senón que se manteñen entre o 30% e o 40%, segundo os datos do Cemma. Polo tanto, o que máis sorprende aos expertos —e onde pode estar a explicación do fenómeno— é no frecuente avistamento de golfiños comúns dentro da ría. “É tremendo. O mércores detectouse unha manda de delfíns no fondo da ría de Ares”, engade Covelo.

Un exemplar de balea xibarte (Megaptera novaeangliae) varado en Ferrol. Foto: Pablo Covelo / Cemma

O número de varamentos tamén se pode estar incrementando pola presenza nas rías de especies impropias dela. Os arroaces son máis comúns e, polo tanto, están acostumados ao hábitat, aos humanos, teñen unha maior interacción coa pesca e un gran coñecemento das mareas. Porén, segundo continúa explicando o biólogo do Cemma, esta non é a mesma situación na que se atopan os golfiños comúns cando chegan ás augas interiores. “Un golfiño que vive en mar aberto non está acostumado aos metros de variación que se producen durante as mareas. Nas grandes baixadas do mar, os que quedan no fondo son os golfiños comúns, non os arroaces”, indica Covelo, explicando que os varamentos masivos nunca se producen nesta especie, precisamente, porque está acostumada ás mareas.

Aínda que este mes de xullo se acadaron cifras récord, polo menos ollando a última década, non é a primeira vez que se producen este tipo de episodios. O biólogo lembra un mes de agosto de hai catro ou cinco anos no que tamén se rexistrou un número moi elevado de varamentos. Normalmente, isto prodúcese en relación á comida e non tanto ao cambio climático. Polo menos, non de maneira directa. Segundo explica Covelo, a capa de graxa que teñen os cetáceos consegue illalos das variacións de temperatura. “Hai baleas que están no Ártico pero tamén poden nadar preto de nós”, reforza o membro do Cemma. En todo caso, o cambio climático pode afectalos indirectamente, dado que ten repercusións na distribución das súas presas. Polo tanto, os cetáceos acaban adaptándose e mudando de espazos para poder cazar.

Maior concienciación coas candorcas

Mención aparte requiren as candorcas (Orcinus orca), que dende o 2020 están a experimentar un boom mediático. A atención informativa comezou a dirixirse á especie ibérica despois dos primeiros rexistros de interacción con barcos, que ás veces quedaban nun mero susto e outras provocaban danos na nave. Porén, Covelo detecta que a excesiva alarma creada arredor das candorcas está prexudicando unha especie en perigo vulnerable en España, en perigo de extinción en Portugal e en perigo crítico pola Unión Internacional pola Conservación da Natureza (UICN). “Quedan entre 35 e 40 candorcas ibéricas, non máis. Só 15 delas son Gladis, é dicir, interaccionan coas embarcacións”, apunta o biólogo do Cemma.

“Só quedan entre 35 e 40 candorcas ibéricas e só 15 delas interaccionan coas embarcacións”

PABLO COVELO, biólogo do Cemma

Porén, ao longo deste verán déronse múltiples avisos de avistamento de candorcas. Demasiados. Tantos foron que a meirande parte deles eran falsas alarmas. Segundos os cálculos da organización, o 84% dos avistamentos de candorcas en 2020 correspondíanse a outros cetáceos, como pode ser o arroaz boto (Grampus griseus), que non é facilmente visible dende a costa. Como ten unha aleta dorsal bastante alta, adoita confundirse con candorcas, segundo explica Covelo. “O problema non é a xente, que debe seguir comunicando os avistamentos e os varamentos. O problema está en quen reproduce esa información sen estar validada por expertos ou en quen usa unha aplicación que non está acompañada de fotos”, critica o biólogo. De feito, Covelo insiste en que se alguén ve un cetáceo varado, vivo ou morto, ou en perigo de varar, que chame ao 112 para comunicalo.

Isto deriva, por tanto, en que as masivas falsas alarmas provocan un gasto de recursos, sobre todo por parte de Salvamento Marítimo, que é quen desprega os seus medios para garantir a seguridade das augas. Porén, a meirande parte das veces que se avistan candorcas son arroaces botos ou incluso golfiños, como aconteceu en Ares. E no caso de que fosen candorcas ibéricas, non necesariamente teñen que interaccionar coas embarcacións. Sucedeu hai uns días con dous exemplares irmáns que se internaron na ría de Arousa. “Entrarían polo peixe e inspeccionárona a fondo”, indica Covelo. De todos modos, o experto puntualiza que se tratou dun feito puntual e que os dous exemplares foron identificados grazas ao catálogo do Grupo de Traballo Orca Ibérica. “Van sempre sós, nunca se meten en líos e son orfos. De feito, non consta que interaccionaran con barcos”, sentencia o biólogo.

Varamento masivo de golfiños comúns en Ferrol. Os exemplares estaban vivos. Foto: Protección Civil de Ferrol

Unha trintena de científicos en defensa das candorcas

A situación descrita por Covelo está a sacudir a comunidade científica. De feito, este venres fíxose público un comunicado asinado por 35 expertos en bioloxía e comportamento de cetáceos denunciando o tratamento mediático que están a recibir as candorcas. De feito, critican que se empregue e palabra “ataque” en referencia ás interaccións entre estes cetáceos e os barcos. Argumentan que os estudos feitos ata o momento indican que este contacto se pode tratar máis dunha táctica lúdica, de xogo e de socialización, que dunha intención de facer dano ou dunha vinganza por un ataque pasado. Ademais, recalcan que hai pouco tempo que se comezaron a rexistrar as interaccións entre animais e barcos, que comezaron en 2020. “A partir da primavera de 2021, polo menos cinco buques danados afundiron. Os danos graves só se produciron no 20% das interaccións“, recollen no comunicado.

No informe, tamén asinado polo biólogo galego Alfredo López, integrante do Cemma, explican que as candorcas adoitan embestir as embarcacións coa cabeza e co corpo. Polo tanto, non é habitual que algunhas partes dos barcos presenten marcas de dentes. “Non destrozan os timóns, como si farían se se tratara dun comportamento de caza. Aínda que este comportamento pode resultar aterrador (e custoso) dende o punto de vista humano, dende a perspectiva das candorcas parece ser, dalgunha maneira, gratificante”, apuntan no comunicado.

“As interaccións poden resultar aterradoras dende o punto de vista humano, pero as candorcas parecen consideralas gratificantes”

Os 35 científicos apuntan, tamén, que as candorcas, así como algunhas especies de golfiños, desenvolven comportamentos novidosos, que se estenden á súa poboación, e que teñen unha duración determinada no tempo. Por exemplo, levar peixes mortos na cabeza. Dende o comunicado compárano coas tendencias de moda que poden ter as persoas. “Aínda que as interaccións cos buques poden ser un fenómeno similar, persisten durante máis tempo que o típico comportamento de moda, expándense na poboación e aumentan o seu impacto. Non obstante, é posible que este comportamento, ao igual que outras modas pasaxeiras, desapareza tan repentinamente como apareceu“, engaden no informe.

Insisten, tamén, en que este comportamento nunca antes visto aínda non pode ser explicado pola ciencia. Pero iso non é motivo, segundo sosteñen no comunicado, para difundir a idea de que o fan por sede de vinganza. En todo caso, lembran que a candorca ibérica é unha especie en perigo crítico de extinción e que non hai máis de 40 exemplares rexistrados. Ademais, ata a data, tan só se identificaron 15 exemplares (11 xuvenís e catro femias adultas) como participantes ou observadores das interaccións. E nin sequera hai evidencia de que exista un líder. De todos modos, as frases finais do comunicado invitan a reflexionar: “Non debemos castigar á fauna salvaxe por ser salvaxe”. Pero, de cando en cando, aparece algún exemplar ferido. Ou quen, alleo por completo á natureza, decide tomar a xustiza da súa man e dispara ás candorcas, como aconteceu recentemente no Estreito de Xibraltar. A cuestión é: quen está atacando realmente a quen?


A rede de varamentos de Galicia conta co apoio da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para la Transición Ecológica, mediante o proxecto Revargal que é financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), e co apoio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As candorcas volven a Galicia e non se sabe o porqué: “Deberían chegar a finais do verán”

Os expertos detectan un cambio no comportamento destes cetáceos, que en primavera adoitan concentrarse no Estreito de Xibraltar
00:00:22

Ibai, Luceira e Lula: as tres tartarugas que vararan en Galicia volven ao mar

Despois de pasar por un centro de recuperación e expulsar todos os plásticos do tracto dixestivo poden regresar ao océano

“As toxicidades atraídas polos ‘pellets’ son unha ameaza para os animais mariños”

Dende a Cemma apuntan que o máis preocupante é o risco de afección que sofren os mamíferos acuáticos
00:00:25

Un lobo mariño na Coruña: "A chegada dunha femia adulta ás costas é inusual"

A Cemma segue a ruta deste exemplar dende o 30 de decembro, cando foi avistada en Burela