Venres 6 Decembro 2024

Os mariscos cultivados polo home son máis resistentes á extinción

Os moluscos bivalvos como as ostras, as vieiras e os mexillóns filtraron auga e alimentaron os humanos durante milenios

As diferentes especies de marisco consumidas polo home viven nunha ampla variedade de climas e están distribuídas polo mundo nunha extensa gama de ecosistemas. A súa adaptabilidade promoveu a súa resiliencia contra a extinción, segundo un estudo publicado en Nature Communications. De feito, moitos dos trazos que fan que estas especies de bivalvos sexan atractivas para os humanos, tamén fixeron que o seu risco de extinción sexa menor.

“O rexistro fósil móstranos que as especies máis propensas a desaparecer son as que teñen áreas de distribución xeográfica máis pequenas, ocupan augas con rangos de temperatura estreitos e proceden de grupos biolóxicos dos que xa se sabe que teñen altas taxas de extinción ‘natural’”, explica a SINC Stewart Edie do Instituto Smithsoniano (EE UU).

Publicidade

O estudo atopou que os humanos tenden a cultivar bivalvos con tamaño grande, de augas pouco profundas, que ocupan unha ampla área xeográfica e sobreviven a diferentes temperaturas. Eses dous trazos finais tamén fan que a maioría das especies de bivalvos explotadas sexan menos susceptibles aos tipos de presións e perigos que eliminaron a outras especies do rexistro fósil.

“As especies máis propensas a desaparecer son as que teñen áreas de distribución xeográfica máis pequenas e ocupan augas con rangos de temperatura estreitos”

STEWART EDIE, investigador do Instituto Smithsoniano

“É algo irónico que algúns dos trazos que fan que as especies de bivalvos sexan menos vulnerables á extinción tamén as fan moito máis atractivas como fonte de alimento, sendo máis grandes e atopadas en augas menos profundas”, apunta Shan Huang, da Universidade de Birmingham.

Publicidade

Ao mesmo tempo, os autores deste traballo advirten que a demanda humana pode poñelas a elas, e aos ecosistemas dos que forman parte, en perigo. “Os humanos poden transformar o medio ambiente nun abrir e pechar de ollos xeolóxico. Temos que xestionar de maneira sostible estas especies para que estean dispoñibles para as xeracións que virán despois de nós”, subliña Edie.

Os investigadores identificaron tamén certas rexións oceánicas como de especial preocupación para a xestión e a conservación. Na actualidade, as especies explotadas con eses trazos concéntranse nos trópicos do Atlántico oriental e nas costas tépedas do Pacífico nororiental e sudoriental.

“É algo irónico que algúns dos trazos que fan que as especies de bivalvos sexan menos vulnerables tamén as fan moito máis atractivas como alimento”

SHAN HUANG, investigador da Universidade de Birmingham

“En comparación con todas as especies de Europa, ao redor do 40% das 120 especies explotadas nestas zonas presentan unha vulnerabilidade intrínseca á extinción superior á media. Por suposto, esta medida intrínseca non ten en conta o impacto combinado dos factores de estrés provocados polo home sobre poboacións concretas; só a capacidade xeral dunha especie para resistir perturbacións e presións, un enfoque que consideramos útil como marco básico”, resalta.

801 especies explotadas en todo o mundo

Despois de estudar a literatura científica e decatarse de que non había unha lista completa de todas estas especies, Edie e o seu equipo propuxéronse documentar a variedade utilizada polos humanos.

Desta forma, aumentaron drasticamente a lista de bivalvos, como ameixas, ostras, mexillóns ou vieiras que se sabe que se cultivan. En total, existen 801 especies deste tipo, unha cifra que supón un aumento significativo respecto a o que estimaba a base de datos da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO, polas súas siglas en inglés), que recollía 720.

“A pesca responsable pode diversificar as que se colleitan e evitar que as ostras se convertan nos dodos do mar”

SHAN HUANG, investigador da Universidade de Birmingham

“O efecto humano, por tanto, pode eliminar desproporcionadamente as especies máis fortes. Ao identificalas e lograr que sexan recoñecidas en todo o mundo, a pesca responsable pode diversificar as que se colleitan e evitar que as ostras se convertan nos dodos do mar”, apunta Edie.

Existen exemplos como Estero Bay, Florida, onde a tribo indíxena dos calusa cultivou de maneira sostible uns 18,6 mil millóns de ostras e construíu unha illa enteira e montículos de nove metros de altura coas súas cunchas.

“Calcúlase que, ao longo de moitos anos, a tribo Calusa colleitou de forma sostible estes millóns de ostras, o que demostra que as poboacións naturais poden adaptarse á recolección cando o medio ambiente está san, unha consideración clave tendo en cuenta situación actual dos océanos”, expón.

A sobreexplotación pode producir un colapso

Pero a historia dos humanos que cultivan bivalvos tamén está infestada de mostras de sobreexplotación, en gran parte orixinadas polos colonizadores europeos e pesqueiras comerciais mecanizadas, que levaron a colapsos de poboacións de ostras en lugares como a Baía de Chesapeaken (EE UU), a Baía de San Francisco (EE UU) e a Baía de Botany preto de Sídney (Australia).

“É case seguro que a destrución do hábitat afectou aos bivalvos explotados”

STEWART EDIE, investigador do Instituto Smithsoniano

“É case seguro que a destrución do hábitat afectou aos bivalvos explotados. O importante declive dos arrecifes de ostras, debido á deterioración da calidade da auga costeira, é un exemplo rechamante. A dragaxe do fondo mariño pode demoler os hábitats de moitas máis especies que viven nas plataformas continentais”, indica o científico.

A sustentabilidade das capturas depende do mantemento de poboacións viables, é dicir, que non se esgoten máis rápido do que poden reproducirse de forma natural. “Trasladar gran parte das capturas a poboacións de piscifactoría pode ser unha forma de satisfacer a demanda á vez que se reduce o impacto da explotación sobre as poboacións naturais e os seus hábitats”, argumenta o científico do Smithsonian.

Datos para mellorar a súa conservación

Despois de recompilar todas as especies que atoparon mencionadas en máis de 100 estudos previos, os investigadores comezaron a explorar posibles similitudes e patróns. Con estes datos esperan que se melloren as decisións de conservación e a súa xestión no futuro. Especificamente, a súa lista identifica rexións e especies como particularmente propensas á extinción. Nunha liña similar, a lista pode axudar a identificar especies que requiren máis estudos para avaliar o seu risco actual de extinción.

“Queremos usar o que aprendemos deste estudo para identificar calquera bivalvo que se estea cultivando que aínda non coñezamos. Para manexar as poboacións de maneira efectiva, necesitamos ter unha imaxe completa”, conclúe.

A investigación apoia a iniciativa Life on a Sustainable Planet do Smithsonian, un gran esforzo para recompilar novos datos sobre o planeta cambiante, implementar enfoques holísticos e multiescala para a conservación do medio ambiente e educar ao mundo sobre por que e como as solucións sostibles ao cambio climático poden beneficiar as persoas e a natureza.


Referencia: Diversity, distribution and intrinsic extinction vulnerability of exploited marine bivalves (Publicado en Nature Communications)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Electrocardiograma a un mexillón: o curioso método para avaliar a saúde do bivalvo

Un sensor deseñado en Galicia analiza o comportamento das valvas para coñecer o estrés térmico do molusco en tempo real

Un novo adhesivo inspirado nos mexillóns ten potenciais aplicacións sanitarias

O obxectivo dun equipo do CSIC é poder empregalo como pegamento cirúrxico, en substitución de procedementos de sutura máis invasivos

Revolucionario estudo en bivalvos: achada unha expansión masiva de xenes do sistema inmune

Un artigo do IIM-CSIC pon de manifesto que a evolución dotou os mexillóns e outros animais mariños semellantes dunha capacidade única para adaptarse ás contornas hostís

O sofisticado (e sorprendente) sistema inmune do mexillón

Algúns bivalvos teñen o maior e máis diverso número de sensores para detectar patóxenos de todo o reino animal