Sábado 27 Abril 2024

Por que as candorcas entraron na ría de Arousa?

Os expertos non se sorprenden pero recoñecen que non hai constancia de que se producise un feito semellante, cando menos nos últimos anos

O domingo saltaron as alarmas: un grupo de candorcas (Orcinus orca) entrou na ría de Arousa, un feito tan inusual que non hai constancia de que se producise nos últimos anos. Ata o de agora, estes cetáceos que percorren o litoral galego todos os veráns tan só se avistaran en augas exteriores. Así o confirma o científico Bruno Díaz, do centro de investigación Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) con sede no Grove. De todos modos, o experto asegura que non se trata dun feito que sorprenda á comunidade científica. Segundo traslada, existe documentación histórica, probablemente datada no século XIX, onde se rexistra a entrada de candorcas no interior das rías. “Que non se viran antes non significa que non o fixeran. Se entrasen ás cinco da mañá probablemente ninguén se dese conta”, engade o experto en cetáceos.

A rareza do fenómeno parece confirmar que a introdución de candorcas na ría foi un feito casual. Díaz asegura que é novidoso e recente, pero que non causa sorpresa entre os expertos. “A entrada da ría de Arousa é moi profunda e as especies peláxicas, como o golfiño común (Delphinus delphis), entran todos os anos polo canal. Fano ocasionalmente ao final do verán, que é cando entra máis peixe peláxico”, explica o investigador do BDRI. Polo tanto, as candorcas poderían seguir un patrón semellante de comportamento, servindo como explicación á súa entrada recente na ría, onde interaccionaron cun veleiro. De todos modos, a súa permanencia nas augas interiores foi breve e no mediodía deste luns, malia que seguían nas inmediacións das Rías Baixas, xa saíran da ría.

Publicidade

“A entrada da ría de Arousa é moi profunda e as especies peláxicas, como o golfiño común, entran todos os anos”

BRUNO DÍAZ, investigador do BDRI do Grove

De todos modos, o grupo de candorcas que interaccionou cunha embarcación na Arousa produciu un novo incidencente este luns no exterior da ría de Muros e Noia, segundo confirmou Díaz. Estes datos están en aberto e pódense consultar facilmente a través da aplicación Orcinus, creada precisamente para alertar os navegantes da presenza de candorcas e advertilos de non cruzar as augas nas que nadan estes cetáceos. “Tratamos de mantelos informados para que sexan prudentes. Hoxe mesmo evitaría navegar para non ter problemas. E, dende logo, non sairía pola noite, porque se están no sur das Rías Baixas non sería unha decisión responsable”, sostén o experto do BDRI.

Por que interaccionan coas embarcacións?

Nos últimos anos, as candorcas manteñen unha presenza constante nos medios polos danos que causan durante as súas interaccións coas embarcacións. O motivo polo que interactuan, sobre todo cos veleiros, non está de todo claro pero existe unha teoría que colle forza. “Este comportamento pódese explicar dende unha perspectiva etolóxica e partindo dos datos que dispoñemos. Hai unha serie de exemplares novos que se estudan dende que naceron hai máis de 20 anos. Non son sexualmente maduros e pénsase que interaccionan coas embarcacións como unha parte do seu complexo proceso de aprendizaxe“, argumenta Díaz.

Segundo continúa explicando, estes cetáceos empregan técnicas de caza moi sofisticadas para capturar, por exemplo, atún vermello. Para iso, precísase de moita coordinación e traballo en equipo, así como o desenvolvemento dunhas técnicas que non son innatas. Ademais, Díaz recalca que as candorcas teñen un desenvolvemento cognitivo moi alto e son moi intelixentes. Polo tanto, a principal teoría defende que estes animais mariños “xogan” coas embarcacións como parte do seu adestramento de caza e conversión en exemplares adultos. “Neste proceso de aprendizaxe descubriron que os timóns das embarcacións de vela son ideais e, desafortunadamente, divírtense moito”, detalla o investigador do BDRI.

Pese a todo, ás veces son os exemplares adultos, e non os novos, os que danan as embarcacións. “Esa xa sería unha transmisión vertical, na que o maior lle ensina ao máis novo”, apunta. É dicir, estariamos ante un proceso de copia e imitación do comportamento dun adulto por parte dun individuo de menor idade. De todos modos, Díaz advirte que non é tan doado entender o comportamento das candorcas, dado que é “moi complexo”. “Hainas que varan na praia, outras cazan as focas nas rocas… Se as candorcas ibéricas están nun ambiente cheo de barcos, como é o Estreito e a costa peninsular, para eles o obxecto do adestramento non é un iceberg, senón o timón dunha embarcación”, engade o experto. E, tratando de lanzar unha mensaxe de calma, confirma que non todas as candorcas teñen este tipo de comportamento, dado que tan só hai identificados exemplares de un ou dous grupos que interaccionan coas embarcacións.

Da mala fama á irresponsabilidade

Do que non cabe dúbida é da imaxe denostada que se ten, en termos xerais, das candorcas. A cobertura mediática das súas frecuentes interaccións cos veleiros, sobre todo nos últimos anos, máis que axudar empeora o escenario. “É unha especie moi potente a nivel mediático”, asegura Díaz. E cre que existe unha combinación perfecta para que cope portadas e páxinas de xornais: interacciona directamente cos humanos, causando danos, e estamos no verán, a época do ano na que máis se frecuenta o mar e a praia, sobre todo para actividades de lecer. De todos modos, o investigador do BDRI lembra que non é a única especie que interacciona con humanos: “Os lobos, os osos, os elefantes… Hai moitísimos animais que no momento no que interaccionan co home convértense no centro de toda as polémicas”.

A mala prensa das candorcas, e a perpetuación de estereotipos cara a este animal, é un dos motivos que propician comportamentos incívicos. O máis recente foi protagonizado por uns navegantes que dispararon a unha candorca que nadaba no Estreito de Xibraltar, fronte á costa de Tarifa. “Hai que entender que o mar non nos pertence e temos que compartilo con moitas outras especies animais”, reprocha Díaz. O investigador comprende o “pánico” que xera nos navegantes a presenza de candorcas preto das embarcacións, pero o mellor remedio, segundo o investigador, é ser prudentes. “Eu paso máis de 100 días ao ano no mar e sei o que é pasar medo. Pero de igual modo que acontece coas candorcas, cando hai vento de forza 8 ou ondas de 6 metros non se me ocorre facelo”, recalca o investigador. E cualifica o acontecido no Estreito como un “feito deplorable” que pon de manifesto a violencia e o maltrato que exercen os que cren que o mar é seu e non noso.

    • É moi pouco probable que fose unha candorca. Polo lugar e, sobre todo, pola data, na que non están en Galicia. Moi probablemente fose un arroaz, pero non era unha candorca.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os parques eólicos mariños ameazan a toniña en Galicia: “Xa está en perigo de extinción”

Un estudo de ecólogos do Grove pide medidas para a conservación dunha especie moi afectada polas capturas accidentais da pesca

As candorcas volven a Galicia e non se sabe o porqué: “Deberían chegar a finais do verán”

Os expertos detectan un cambio no comportamento destes cetáceos, que en primavera adoitan concentrarse no Estreito de Xibraltar

A rede ambiental máis grande do mundo declara as rías galegas como área importante de mamíferos mariños

A IUCN destaca o valor da poboación dos cetáceos que viven nas costas de Galicia, especialmente dos golfiños

A pegada ambiental do turismo galego: as termas son a actividade máis contaminante

Un estudo nas Rías Baixas no que participan investigadores de Vigo e Santiago conclúe que os festivais e as visitas a xardíns son opcións máis sostibles