Activada a alerta en Galicia por temperaturas que superarán os 41 graos

Meteogalicia confirma que os valores acadarán os 35 graos no litoral e os 40 graos no interior, con Valdeorras en aviso vermello

A Xunta de Galicia declarou este luns a alerta en Galicia por un intenso episodio de calor. De feito, espérase que se superen os 41 graos en Ourense e que o resto de cidades galegas estean por enriba dos 35 durante as xornadas deste martes e de mañá mércores. Por iso, toda Galicia está en alerta amarela, mentres que algunhas zonas do interior (Sur de Lugo e Miño de Ourense), da costa da Coruña (Suroeste da Coruña) e Pontevedra (Rías Baixas e Miño de Pontevedra) escalarán a nivel laranxa. A máxima alerta rexistrarase en Valdeorras, que escalará ata a alerta vermella.

Masa de aire cálido

Este ascenso das temperaturas débese á chegada dunha masa de aire cálido que deixará temperaturas moi elevadas en Galicia ata o xoves. A partir de aí, os valores comezarán a descender lixeiramente, sobre todo no litoral, onde empezarán as brisas e isto achegará algunha nube baixa ou néboa, aínda que as temperaturas manteranse altas. No interior seguirá a calor, pero xa con temperaturas por baixo dos 40 graos. Entre venres e sábado agárdase unha caída notable das temperaturas que previsiblemente fará que remate este episodio de calor en todo o país.

Publicidade

https://twitter.com/MeteoGalicia/status/1693529736520094154

Efectos sobre a saúde

A exposición a temperaturas excesivas pode provocar problemas de saúde como mareo, cansazo, debilidade, fatiga e cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpe de calor. A maioría das enfermidades asociadas á calor son consecuencia máis ou menos grave dun fallo no sistema de termorregulación.

A calor excesiva pode alterar as nosas funcións vitais se o corpo humano non é capaz de compensar as súas variacións de temperatura. Unha temperatura moi elevada produce perda de líquidos e de electrólitos que son necesarios para o funcionamento normal dos distintos órganos. Ademais, os mecanismos de termorregulación poden verse descompensados nalgunhas persoas con determinadas enfermidades crónicas, sometidas a certos tratamentos médicos e con discapacidades que limitan a súa autonomía. As persoas maiores e os nenos moi pequenos son máis sensibles a estes cambios de temperatura.

Publicidade

Recomendacións

Ante as altas temperaturas que se van rexistrar e que se van manter ao longo da semana, a Consellería de Sanidade quere facer chegar á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor. Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.

Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

Beber moitos líquidos, usar protector solar e roupa clara son algunhas das recomendacións de Sanidade para afrontar esta vaga de calor

No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.

Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a quince.

Recorde que, se ten parentes ou veciños que vivan sós, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Unha dina acende a alerta laranxa en Galicia por fortes treboadas: estes son os concellos afectados

O interior da Coruña e o centro de Lugo estarán en aviso por tormentas que poden vir acompañadas de aparello eléctrico e sarabia

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual