A pegada ambiental do turismo galego: as termas son a actividade máis contaminante

Un estudo nas Rías Baixas no que participan investigadores de Vigo e Santiago conclúe que os festivais e as visitas a xardíns son opcións máis sostibles

Unha parella madrileña decide pasar as súas vacacións de verán en Galicia. Tan só dispoñen de catro días nos que visitarán museos e asistirán a un festival de música. Para iso, fan máis de 600 quilómetros en coche ata chegar ao seu destino. Isto non é un caso real, senón un suposto para estudar o impacto medioambiental do turismo nas Rías Baixas. Desta hipótese parte un estudo publicado na revista Science of The Total Environment no que participan dous investigadores galegos. O seu obxectivo: buscar alternativas a un turismo máis sostible. Na investigación non só analizan a pegada medioambiental do turismo de museos e de festivais, senón que contemplan outras alternativas, como o turismo termal e de xardíns. De todas as actividades turísticas analizadas, o estudo é concluínte: “Os baños termais e os museos teñen os peores impactos ambientais”.

María Gallego e Pedro Villanueva son os dous científicos galegos que participan na investigación. Os dous están asociados ao grupo EnergyLab da Universidade de Vigo (UVigo) e Villanueva tamén está vinculado coa Fundación Centro Galego de Investigacións da Auga (Cetaqua), un centro impulsado por Viaqua, a Universidade de Santiago (USC) e o CSIC. Xunto coa colaboración de investigadores de Portugal, Barcelona e Cantabria, asevérase que as termas son “unha das peores actividades dende o punto de vista medioambiental”. Tal e como recollen no estudo, esta afirmación derívase do “alto consumo de electricidade empregado nas súas instalacións”. Con todo, os investigadores non só se centran en analizar o impacto sobre o medio ambiente, senón que tamén ofrecen alternativas para converter esta popular actividade turística nunha opción máis sostible.

Os investigadores propoñen que as instalacións adicadas aos baños termais incorporen dispositivos termoestáticos, é dicir, uns aparellos que permitan axustar o consumo enerxético á demanda real. Tamén suxiren que se instalen temporizadores, que poden resultar efectivos para evitar actos vandálicos. E, finalmente, a posta en marcha de medidas que axuden a reducir o consumo, como o uso de filtros percoladores e os redutores volumétricos, entre outras opcións. A posta en marcha destas medidas reduciría considerablemente o “alto consumo” de electricidade que empregan as termas e convertiríaa nunha actividade turística máis amable co medio ambiente. Os investigadores deixan constancia no estudo que para promover os baños termais como unha opción sostible “é necesario” que se leven a cabo melloras que axusten e reduzan o seu consumo enerxético.

Máis natureza, menor impacto

Das catro actividades turísticas analizadas no artigo, e excluíndo as termas por ser a de maior impacto ambiental, os investigadores conclúen que a máis sostible é a visita a xardíns. A fin de contas, a espazos abertos e rodeados de natureza. “Os xardíns poderían ser unha boa opción que podería reemprazar o museo ou o festival reducindo o impacto en máis dun 70%”, sinalan os autores. A segunda actividade máis sostible son os festivais de música, nos que se celebran concertos e se ofrece comida e bebida aos asistentes. En terceiro lugar estaría a visita a museos, cun maior impacto ambiental que as dúas anteriores pero que segue a ser significativamente menor que ir ás termas. O uso de gas natural e de aire acondicionado, é dicir, as fontes de enerxía que empregan os espazos museísticos, é o que contribúe ao aumentar o seu impacto ambiental en comparación cos festivais e os xardíns.

O transporte a o aloxamento

Máis alá das actividades turísticas que se leven a cabo no destino —neste caso as Rías Baixas—, o impacto medioambiental dunha viaxe ten que analizarse dende outros primas. Por exemplo, cal é o medio de transporte e escollido para chegar ao lugar onde se desfrutará das vacacións. Os investigadores do artigo presupoñen que a parella madrileña usará o coche, co que percorrerá máis de 600 quilómetros. Sen dúbida, esta é unha das opcións máis contaminantes: “O impacto no subsistema de transporte débese principalmente ao consumo de diésel e as súas emisións asociadas dende a orixe ata o destino, e viceversa”. Unha das opcións alternativas, pero que tamén descartan os investigadores polo seu elevado potencial contaminante, é o avión. Polo tanto, a máis amable e favorable co medio ambiente é o tren.

No estudo ofrécense consellos para que a viaxe sexa o máis sostible posible. En primeiro lugar, propoñen promover o turismo local para optar polo transporte público, coñecer os lugares máis próximos e reducir na medida do posible os longos desprazamentos. De non ser así, os investigadores apostan polo uso de “tecnoloxías máis eficientes” e que contribúen a reducir as emisións, como son os coches eléctricos e o emprego de biocombustibles na aviación. De todos modos, fronte a estas opcións, os investigadores insisten en apostar polo tren. “O modo de transporte seleccionado é clave para reducir o impacto ambiental xeral. A alternativa de transporte público, como o tren, é a opción máis amable co medio ambiente”, apuntan no estudo.

Pero non só é preciso falar dos medios de transporte e das opcións máis medioambientalmente sostibles, senón que o aloxamento tamén xoga un papel clave no que respecta á contaminación do ambiente. Dentro desta análise, os investigadores conclúen que as actividades de máis impacto son o consumo de alimentos e bebidas. “O principal responsable é o consumo de carne e friames, sendo a carne de vacún a que representa maior impacto”, sinalan no artigo. Dada a súa pegada ambiental, os autores do estudo propoñen levar a cabo campañas contra o desperdicio alimentario, mellorar a eficiencia enerxética e apostar polas ecoetiquetas co obxectivo de reducir o impacto medioambiental do consumo de alimentos e bebidas durante as actividades turísticas.

Moito que mellorar

O turismo é a quinta actividade máis contaminante do mundo e Galicia non escapa a unha realidade global. Os investigadores do estudo publicado en Science of The Total Environment recoñecen que hai moito que mellorar pero cren que a súa investigación pode sentar as bases para implementar estratexias máis medioambientalmente sostibles. De cara aos establecementos turísticos propoñen incrementar o uso de enerxías renovables, tecnoloxías de aforro de enerxía e auga e xerar consciencia para un consumo máis responsable dos alimentos. Deste modo, talvez se consiga promocionar os destinos dende o punto de vista da sostibilidade, integrando á poboación local como parte dun turismo máis amable co medio ambiente.


Referencia: Life cycle assessment to address the environmental impacts of tourism in a Spanish tourist destination: The case of Rias Baixas (Galicia) holidays (Publicado en Science of the Total Environment)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo modelo conceptual revela a elevada complexidade da dinámica do fitoplancto nas Rías Baixas

Un equipo do IEO-CSIC e da UVigo propón un enfoque por capas que evidencia a influencia dos afloramentos na organización das comunidades microscópicas

Criaturas que habitan augas termais: da mitoloxía galega á vida extraterrestre

Galicia é a rexión con máis riqueza termal da península ibérica, e unha das maiores de Europa, con máis de 300 fontes quentes
00:00:36

Científicos de Vigo empregan drons para estudar a saúde do rorcual nas Rías Baixas

A campaña RorquGAL pretende caracterizar xenéticamente á poboación galega destes cetáceos

Dende as dunas ata os castros: estes son os espazos sensibles ao turismo masivo en Galicia

A chegada multitudinaria de veraneantes ao territorio galego, unha tendencia cada ano máis habitual, leva a limitar as visitas diarias de certos espazos naturais como medida de conservación