As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

A costa galega foi e segue a ser unha franxa amplamente estudada dende o punto de vista paleontolóxico, non só na procura de vestixios de antigas ocupacións humanas, senón tamén de restos de fauna. Neste contexto, unha das cuestións que espertou interese é a presenza histórica de focas en Galicia, unha realidade cuxa explicación non depende unicamente do estudo dos xacementos arqueolóxicos. Un estudo realizado polos investigadores Juan Jiménez e Rafael Romero, publicado na revista Galentys da Sociedade Ibérica para a Conservación e o Estudo dos Mamíferos (SECEM), trata de reconstruír a distribución e uso do hábitat das focas na costa galega a partir dos talasónimos relacionados con estes animais; é dicir, dos topónimos mariños que inclúen a palabra “lobo” e outras derivadas da mesma raíz etimolóxica.

Os autores identificaron un total de 43 talasónimos vinculados ás focas en Galicia. Entre eles figuran denominacións masculinas como lobo, lobos, lobato e lobatos, así como formas femininas como loba, lobeira, lobas, lobás ou lobeiras. Para evitar confusións co lobo terrestre (Canis lupus), a investigación limitouse aos accidentes xeográficos do litoral, como praias, cabos, illas e covas mariñas.

Publicidade

Os resultados revelaron que a maior concentración destes talasónimos se localiza nas Rías Baixas, “unha das zonas de maior produtividade das augas costeiras de Galicia”, tal e como sinalan no artigo, e especialmente na ría de Arousa. Ademais, comprobaron que a maioría das referencias corresponden a rochas situadas no mar (67,4%), moitas delas cubertas ou descubertas polas mareas e cunha superficie inferior aos 200 metros cadrados.

Quen vive aí?

A maioría dos talasónimos atópanse nas augas interiores das rías, o que ofrece pistas sobre os lugares que as focas puideron empregar como zonas de descanso. Neste contexto, a foca común —ou lomo mariño común— (Phoca vitulina) é a especie que mellor parece encaixar coas nomenclaturas recollidas na costa galega, aínda que os autores do estudo non descartan a presenza ocasional ou estacional doutras especies.

Publicidade

Unha das hipóteses que manexan é que a foca común chegou a reproducirse nesta franxa costeira no pasado. Para iso, escollería espazos expostos, como praias e rochas, pero situados a certa distancia da costa para reducir o risco derivado dos depredadores terrestres e a presenza humana. De feito, a persecución por parte das persoas podería ser a principal causa da súa desaparición das costas galegas. Existen rexistros de exemplares capturados e conservados en museos desde o século XIX.

Segundo Jiménez e Romero, a configuración sinuosa e pouco profunda desta franxa litoral favorece a aparición de pequenas formacións rochosas intermareais. Estes espazos constitúen áreas de alimentación especialmente favorables para as focas, reforzando así a hipótese dunha presenza histórica estable destes mamíferos mariños nas costas de Galicia.

Citas do pasado

A metodoloxía da investigación susténtase en tres eixos principais. En primeiro lugar, os autores revisaron a bibliografía paleontolóxica para recompilar datos sobre a presenza de focas en xacementos dende o Paleolítico. En segundo lugar, analizaron as noticias publicadas sobre avistamentos destes mamíferos mariños ata 1950. Finalmente, estudaron a distribución dos talasónimos relacionados coas focas e verificaron sobre o terreo a existencia dos accidentes xeográficos asociados, un labor que levou a un dos investigadores a percorrer boa parte da costa galega para confirmar as localizacións.

A partir desta combinación de fontes, os autores recompilaron diversas referencias históricas, entre elas a dunha femia de foca atopada no illote de Guidoiro Areoso, na ría de Arousa. Con todo, aínda que existen mencións esporádicas á presenza de focas no litoral galego anteriores a 1900, non hai constancia de que ningún destes exemplares fose examinado ou descrito por naturalistas da época, o que limita o valor científico destas observacións.

Presenza en Galicia

Este traballo relaciona a abundante talasonimia vinculada ás focas en Galicia coa presenza histórica destes mamíferos mariños, que os autores consideran unha especie “ben coñecida nas súas costas e, quizais, residente“, tal e como recollen no artigo. Con todo, os datos dispoñibles suxiren que as focas foron erradicadas das costas atlánticas da Península Ibérica antes de desapareceren das mediterráneas. Máis aló da súa achega ao coñecemento da fauna mariña do pasado, a investigación constitúe un exemplo do valor que pode ter a toponimia para reconstruír a distribución histórica das especies. Moitos destes lugares recibiron o seu nome por seren espazos utilizados polas focas para descansar, alimentarse ou reproducirse, polo que a súa conservación na memoria colectiva permite rastrexar a presenza destes animais ao longo do tempo e comprender mellor a súa antiga relación co litoral galego.


Referencia: Aproximación al conocimiento de la presencia histórica de focas en las costas atlánticas de la península ibérica (Publicado en Galemys)

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño