Gael e Prior: as candorcas que entraron na ría de Arousa nunca interaccionaron con barcos

Son dous exemplares irmáns de dez e seis anos de idade que, segundo os expertos, teñen "un carácter tranquilo e pacífico"

As dúas candorcas que entraron na ría de Arousa o pasado domingo teñen nome propio. Segundo confirmou o Grupo de Traballo Orca Atlántica (GTOA) nun comunicado difundido en redes sociais, os exemplares son irmáns e chámanse Gael e Prior. O primeiro deles é un adolescente de 10 anos mentres que o segundo ten seis, pero non se coñece con seguridade se é macho ou femia. Amais disto, o GTOA, a través da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma), corrobora que “nunca se observou a Gael e a Prior interactuando con barcos e veleiros”. É dicir, non son Gladis, tal e como se coñece o grupo de candorcas que si entran en contacto coas embarcacións.

“O seu carácter é moi tranquilo e pacífico, como puideron comprobar os afortunados observadores que tiveron o enorme pracer de velos. Foron observados en augas do Estreito de Xibraltar este ano e Gael entrou nas augas marroquís a principios de ano cun fío de pescar e un anzol cravado no costado”, explica o GTOA no comunicado. Desta maneira, os expertos despexan gran parte das dúbidas dun feito inédito: a entrada de candorcas na ría, algo que non ocorrera, cando menos, nos últimos anos. O seu avistamento fíxose dende a embarcación Chasula o pasado domingo arredor das 10 da mañá. O autor das fotos e membro do Cemma, Pablo Covelo, tamén ía a bordo do barco.

Publicidade

Finalmente, dende o GTOA informan que tanto Gael como Prior pertencen á Comunidade E, designada polo propio grupo de traballo. Segundo trasladan no seu comunicado, está composta por catro exemplares que se adoitan observar xuntos. De momento, non hai constancia da súa interacción coas embarcacións, dado que o GTOA leva rexistrando encontros con candorcas dende o 2020, entrevistando a navegantes e facendo pública a información. De feito, son varias as ferramentas das que dispoñen as embarcacións para comprobar se as augas polas que navegan tamén as comparten con cadorcas. É o caso dun mapa de riscos, o catálogo Foto ID e as aplicacións Orcinus e GT Orcas.

Por que interaccionan cos barcos?

Nos últimos anos, as candorcas manteñen unha presenza constante nos medios polos danos que causan durante as súas interaccións coas embarcacións. O motivo polo que interactuan, sobre todo cos veleiros, non está de todo claro pero existe unha teoría que colle forza. “Este comportamento pódese explicar dende unha perspectiva etolóxica e partindo dos datos que dispoñemos. Hai unha serie de exemplares novos que se estudan dende que naceron hai máis de 20 anos. Non son sexualmente maduros e pénsase que interaccionan coas embarcacións como unha parte do seu complexo proceso de aprendizaxe“, argumenta Bruno Díaz, do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con sede no Grove.

Publicidade

Segundo continúa explicando, estes cetáceos empregan técnicas de caza moi sofisticadas para capturar, por exemplo, atún vermello. Para iso, precísase de moita coordinación e traballo en equipo, así como o desenvolvemento dunhas técnicas que non son innatas. Ademais, Díaz recalca que as candorcas teñen un desenvolvemento cognitivo moi alto e son moi intelixentes. Polo tanto, a principal teoría defende que estes animais mariños “xogan” coas embarcacións como parte do seu adestramento de caza e conversión en exemplares adultos. “Neste proceso de aprendizaxe descubriron que os timóns das embarcacións de vela son ideais e, desafortunadamente, divírtense moito”, detalla o investigador do BDRI.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Inflamación e fibrose: así evoluciona a candorca Toñi tras sufrir disparos con perdigóns de chumbo

O exemplar presenta nove orificios de entrada no lado esquerdo da súa aleta e cinco de saída na parte contraria

Benvida ás candorcas

Hai dúas normas principais: non atacar e conservar a estes cetáceos son medidas fundamentais para mellorar a súa supervivencia. Por Andrea Veiga

As claves do regreso das candorcas: por que volven a avoa Toñi e a súa manda ás Rías Baixas?

O grupo, de entre oito e dez exemplares, regresa por terceiro ano consecutivo a Galicia seguindo o rastro do atún vermello e xeran interaccións coas embarcacións