Un grupo de amigos cheo de inquedanzas e cunha dilatada bagaxe tecnolóxica montou en 2012 unha empresa que hoxe ilumina a maioría de concellos galegos. Todos eles traballaban no sector da electrónica profesional e durante dous anos investigaron diferentes tecnoloxías e liñas de negocio co obxectivo de emprender. Durante o traxecto decatáronse dun cambio revolucionario no sector: a iluminación tradicional estaba sendo substituída pola iluminación led. “Os compoñentes led teñen unha parte de electrónica moi importante, na que os fundadores de Moonoff eran especialistas. Isto foi o caldo de cultivo perfecto para iniciar a súa andaina dende cero”, explica o director comercial da empresa, Alberto Picón.
Nesta última década, Moonoff experimentou grandes cambios. Comezou sendo un fabricante de iluminación co obxectivo de asentarse no mercado como marca comercial. Segundo relata Picón, nos primeiros anos de vida, a empresa estaba moi enfocada á iluminación interior. É dicir, á restauración, ás tendas de consumo e aos aparcamentos, entre outros tipos de instalacións. Porén, a partir de 2014 Moonoff comeza a experimentar o seu primeiro gran cambio. “Convertémonos nunha referencia tanto nacional como internacional de fabricante de alumeado exterior”, sostén o director comercial. Tal e como detalla, isto significa que Moonoff deixa a súa pegada tanto no alumeado público como no deportivo —por exemplo, nos campos de fútbol— e industrial.
De feito, o crecemento que experimentou a empresa nos últimos anos levounos a abrir unha filial en Miami. Malia que os procesos de I+D se seguen desenvolvendo en Santiago, onde Moonoff está asentada dende os seus inicios, a parte loxística e comercial do mercado americano xestiónase dende o outro lado do charco. Así o explica Picón que, pese a recoñecer o crecemento internacional de Moonoff, insiste en que non perderon o foco do local. “Somos de Santiago e esta evolución foi perimetral, con moita presenza técnica e comercial en Galicia. De feito, a maioría de concellos teñen luminarias Moonoff”, argumenta o director comercial. Este xeito de manterse fiel ás súas raíces non lles impide seguir innovando e respondendo ás necesidades do mercado, pero traballando na confianza que xa xera a marca: “Gústame pensar que seguimos sendo os mesmos rapaces de hai 11 anos”.
Futuros proxectos
Malia que a esencia da empresa se mantén, Moonoff prefire mirar ao futuro e non ao pasado. Neste camiño cara a adiante, renovaron todo o seu alumeado público con produtos actualizados tanto estética como funcionalmente. “Isto completa o noso catálogo dándonos a fortaleza para acometer proxectos dende a parte ornamental, pero que tamén sexan o máis eficientes e verdes posible”, destaca Picón, salientando os novos obxectivos da empresa. De igual maneira, están deseñando solucións para cargadores de vechículos eléctricos e sensores para o sector primario. “Todas estas liñas de negocio baseánse na electrónica, na que somos especialistas. Aínda que son camiños diferentes, poden confluír facilmente no concepto de smart rural que tanto se emprega hoxe e cara ao que imos encamiñados”, argumenta o director comercial de Moonoff.
“Sen dúbida”, di Picón, cando se lle pregunta se o futuro está, precisamente, en cidades máis intelixentes. “O obxectivo é que todos os elementos inmóbiles estean conectados para que a tecnoloxía sexa perceptible polo cidadán”, engade. Tal e como continúa explicando, a idea non é só que a luminaria acenda ou apague soa, senón que poida captar e entender as necesidades dos espazos. Por exemplo, que ilumine con maior ou menos intensidade dependendo do tráfico ou dos escenarios: non é o mesmo un día de semana que as festas patronais dunha vila. En definitiva, Moonoff confía no concepto das smart rurais, precisamente, porque achegan a tecnoloxía ao cidadán.
Un compromiso verde
Outro dos grandes compromisos de Moonoff é o seu respecto cara ao medio ambiente. Por iso dende os inicios, os fundadores da empresa orientaron os seus coñecementos en electrónica cara á fabricación e venda de luminarias led. “Nos nosos proxectos estamos rexistrando entre un 65% e un 70% de aforro eléctrico coa substitución de iluminación tradicional por iluminación led”, apunta Picón. Tal e como enfatiza o directivo, esta cuestión xa non só se debe valorar dende o punto de vista económico, senón sobre todo ambiental: “Isto permítinos participar na descarbonización do noso propio ámbito”.
Así mesmo, Picón tamén deposita a súa confianza nun cambio de paradigma que nos conduza a unha economía circular. “Agora mesmo se se estraga unha neveira ou unha televisión, cómpranse outras. Hoxe en día hai poucas cousas que se reparen”, critica o directivo de Moonoff. Por iso, dende a súa empresa pretenden rachar coa tendencia. Na última renovación de luminarias apostaron, precisamente, por produtos estándar e reparables. “Aínda que teñamos un mínimo impacto, dende Moonoff fomentamos este tipo de estratexias europeas”, conclúe o responsable de empresa compostelá.














