Identificados 68 exemplares de mosquito tigre en Galicia

A aplicación Mosquito Alert confirma que se detectaron 61 exemplares en Moaña e sete en Vigo

En tan só dúas semanas, Galicia pasou de ser un territorio libre de mosquito tigre (Aedes albopictus) a identificar 68 exemplares. De momento, todos se concentran entre Moaña e Vigo. Nos arredores do concello Morrazo, o primeiro no que se detectou a presenza desta especie invasora, xa se rexistraron 61 exemplares. No respecta á cidade olívica, hai sete mosquitos identificados entre as parroquias de Lavadores e Teis. Todos estes datos aparecen recollidos en Mosquito Alert, unha aplicación baseada na ciencia cidadá e coordinada por catro centros de investigación públicos que ten por obxectivo estudar, vixiar e loitar contra a expansión de mosquitos invasores que transmiten enfermidades como o dengue, o Zika ou a febre do Nilo Occidental. O Aedes albopictus é, precisamente, unha destas especies.

Este mosquito chegou a España en 2004 a través do mercado de produtos co sudeste asiático. Nestes últimos 20 anos, esta especie foi gañando terreo pero aínda non chegara a Galicia. Polo menos, segundo os rexistros oficiais. Tal e como declarou Elvira Íñiguez, técnica do Servizo de Sanidade Ambiental da Xunta de Galicia a GCiencia: “Nalgún momento tiñan que chegar. Temos o mosquito instaurado en moitas zonas de España, a nosa situación era moi privilexiada”. Deste modo, a experta confirma que a chegada do Aedes albopictus á zona de Moaña e Vigo non é, en absoluto, unha sorpresa. De feito, a comunidade científica galega asegura que que non se identificara antes non significa, en ningún caso, que o mosquito tigre non estivera xa con nós. Oficialmente, a súa primeira detección en Galicia produciuse o 9 de agosto.

Publicidade

O Aedes albopictus chegou a España en 2004 a través do mercado de produtos co sudeste asiático

A chegada desta nova especie fixo saltar as alarmas e obrigar a que Galicia pasase de risco 0 ao escenario 1. Xa non só pola entrada dunha especie invasora nunca antes rexistrada no noso territorio, senón polo seu potencial para transmitir enfermidades como o dengue, o chikungunya e o Zika. De momento, os expertos instan á calma e lembran que ningún destes patóxenos está presente en Galicia, polo que as probabilidades de infección son moi baixas. Porén, non sería a primeira vez que se detectan este tipo de enfermidades. Sen ir máis lonxe, en 2018 e 2019 a Xunta comunicou dous casos illados de dengue. En España, a transmisión destas doenzas tamén é mínima e, en xeral, relaciónase con persoas que as contraeron no estranxeiro, e non a unha transmisión local da enfermidade.

De momento, os expertos non saben se o mosquito chegou para quedar en Galicia pero, dende logo, a poboación deberá aprender a convivir con el. O obxectivo da Rede de Vixilancia de Vectores (Regavivec) da Xunta é, precisamente, limitar o máximo posible a súa expansión. Por iso, colocan trampas nas zonas nas que se detectaron os mosquitos tigre e fan unha vixilancia activa destes exemplares. De todos modos, convén recordar que a poboación xeral tamén pode tomar unha serie de medidas que diminúan o risco de proliferación desta especie. Por exemplo, evitar augas estancadas, os lugares nos que cría o Aedes albopictus. De todos modos, os expertos insisten en manter a calma e que a chegada desta especie non sorprende, dado que os patróns climáticos están cambiando e afectando, por tanto, a toda a biodiversidade.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é o Virus do Nilo, a enfermidade que activa as alarmas en España e suma máis de 50 mortes en Italia

A maioría dos pacientes son asintomáticos, pero existe unha variante neuroinvasiva que inflama o cerebro e causa encefalite ou meninxite

Sinais de cambio

Novos achados de especies exóticas invasoras en Galicia. Por Laura Filloy

O mosquito tigre expándese por Galicia: detectado por primeira vez na Coruña

A Rede Galega de Vixilancia de Vectores sinala que é o único rexistro na zona norte da comunidade e súmase aos doce concellos do sur

A carracha que transmite Crimea-Congo duplícase nun ano e conquista novas zonas en Galicia

O grupo COPAR da USC identifica o parasito en 27 concellos de Lugo e Ourense e detecta anticorpos fronte ao virus en 14 animais de granxa das catro provincias