Máis de 24 graos de diferenza entre Valdeorras e Viveiro en plena vaga de calor

A Mariña lucense é a única zona de Galicia onde se rexistraron valores inferiores aos 20 graos durante a xornada do martes

Toda Galicia en alerta amarela por calor. Pero cando unha olla o mapa, pode comprobar facilmente que as diferenzas de temperatura son considerables. Mentres que Vilamartín de Valdeorras, en aviso vermello, bateu récords e acadou o valor máximo rexistrado este martes, con 42,9 graos, a zona da Mariña lucense escapou amplamente deste valor. Segundo os datos recollidos por Meteogalicia, o Penedo do Galo, en Viveiro, rexistrou 18,8 graos nunha xornada de calor intenso en todo o país. Este valor está a 24,1 graos da temperatura máxima rexistrada no interior de Ourense, con temperaturas que superaron amplamente os 40 graos na capital da provincia, na montaña e en Verín.

A cuarta onda de calor do ano está a azoutar Galicia con forza. De feito, este mércores espéranse temperaturas igual ou máis elevadas que as rexistradas durante a xornada de onte. Ourense volverá a rexistrar as máximas, cun prognóstico de temperaturas superiores aos 40 graos. En Vigo espéranse 35 graos, seguidos dos 34 de Ferrol e Lugo, e dos 33 de Pontevedra e Santiago. A Coruña será a única cidade galega que baixe dos 30 graos, segundo a previsión inicial. Tal e como explican dende Meteogalicia, este calor intenso que está a abafar Galicia na segunda quincena de agosto débese a unha masa de áire cálido de orixe norteafricana.

Publicidade

As temperaturas están moi por enriba do habitual, incluso para esta época do ano. Por iso, a Xunta puxo en alerta amarela toda Galicia por un forte episodio de calor. Porén, segundo as zonas, o nivel varía. Por exemplo, seis concellos de Valdeorras están en aviso vermello. O nivel 2, correspondente ao laranxa, afecta a toda a provincia de Lugo e de Ourense, así como a 33 concellos do interior da Coruña. As zonas do litoral, tanto de Pontevedra como de Coruña, descenden a nivel amarelo —estiveron en alerta laranxa durante este martes— pola redución das temperaturas nocturnas.

De todos modos, hai boas noticias para os galegos porque a vaga de calor está preto do seu fin. “O xoves as temperaturas irán en descenso, sobre todo as máximas, soamente superándose os 36 graos en puntos da provincia de Ourense, finalizando a semana cun progresivo descenso”, informa a Xunta nun comunicado emitido este martes. Dende Meteogalicia explican que esta diminución das temperaturas deberase á retirada progresiva da masa de aire cálido que nos afectou durante a primeira metade da semana. De cara ao venres, os valores experimentarán un descenso acusado, con valores que xa se consideran baixos para a época do ano. E agás Ourense, con 28 graos estimados, o resto de cidades galegas non superarán os 24 graos de máxima. Unha tendencia que continuará durante a fin de semana, cun aumento da probabilidade de treboadas en toda Galicia.

Publicidade

Cales son os concellos afectados?

  • Alerta vermella:
    • Valdeorras (6 concellos): O Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá y Vilamartín de Valdeorras.
  • Alerta laranxa:
    • Toda a provincia de Lugo
    • Toda a provincia de Ourense
    • Interior da Coruña (33 concellos): Ames, Aranga, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, A Capela, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, As Pontes de García Rodríguez, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra y Vilasantar.
  • Alerta amarela: o resto de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual

A Xunta insta á empresa responsable da represa do río Umia a corrixir as deficiencias detectadas

As inspeccións detectaron filtracións que afectan o correcto funcionamento da infraestrutura e do paso previsto para os peixes migratorios

Activada a alerta vermella por calor no interior de Pontevedra durante o venres

A Xunta acende o aviso laranxa por altas temperaturas no noroeste da Coruña e na montaña de Ourense e o amarelo na montaña de Lugo e en Valdeorras

A seca xa afecta o 79% de ríos galegos e o 15% presenta niveis extremos

Un visor interactivo creado polo investigador do CSIC Dominic Royé alerta da situación de secura no norte da Coruña, no paso do Ulla entre Pontevedra e Lugo e no sur de Pontevedra