Sábado 12 Outubro 2024

Galicia duplica o promedio anual de varamentos: “Non temos explicación”

Unha toniña no Grove eleva a máis de 520 os exemplares atopados. Os científicos están investigando os motivos deste aumento de casos

Decembro comeza cunha toniña (Phocoena phocoena) varada na costa do Grove (Pontevedra), unha especie similar ao golfiño pero de menor tamaño. Con este exemplar xa son máis de 520 varamentos no que vai de ano, o dobre da media anual, que se atopa en 240. Dende a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) todavía non poden dar resposta a este fenómeno. Non ven evidencias das que poidan sacar conclusións a primeira vista, senón que terán que esperar mínimo un ano a que cheguen os resultados das analíticas realizadas ás especies atopadas. A maioría dos casos son animais sós que veñen arrastrados polas correntes, aínda que tamén se teñen dado casos de varios exemplares dunha mesma especie xuntos ou, máis común todavía, casos dunha nai coa súa cría.

Este ano duplicouse o número de especies varadas. “Estamos sen palabras, todavía non podemos dar unha explicación concreta” explica Pablo Covelo, biólogo da Cemma. Este ano o número de especies atopadas elévase a máis de 520, sendo o maior número de individuos rexistrados nun ano ate o momento. “Si que poden existir diversas causas, como pode ser o alimento ou as condicións meteorolóxicas, pero ate que teñamos os resultados das analíticas non poderemos dar unha resposta concreta”, señala o biólogo. Aínda que todavía é pronto para sacar conclusións si que hai datos salientables. “Este ano atopamos 40 arroaces varados nas costas galegas, cando normalmente non atopamos máis de 30 en todo o ano”. Ademáis sete deles eran cachorros nados este ano, engade Covelo.

Publicidade

Cando cheguen os resultados das analíticas poderán facer estudos para este número masivo de varamentos, pero polo momento só poden facer hipóteses. O investigador sinala que “este curso observáronse diferenzas con respecto a anos anteriores. No verán houbo un gran número de varamentos, cando normalmente a época de máis afluencia é o inverno debido ás condicións metereolóxicas”. Nesta período, coa chegada dos ventos do suroeste, é cando adoitan ver maior número de varamentos, xa que as especies morren no océano e son arrastradas cara á costa polas fortes borrascas. Con todo, o biólogo apunta que este ano houbo “moitísmos casos” no verán. “Algunhas das explicacións que podemos dar polo momento é que as especies se movan de forma distinta ou que teña que ver co alimento”. Por exemplo, apenas viron exemplares de caldeirón común (Globicephala melas) e, non obstante, houbo moitos casos de golfiño común no verán. O que si que poden afirmar é que “algo pasa a nivel global co ecosistema mariño“, sinala.

Casos particulares

Cando aparece unha especie varada a forma de actuar é sempre moi similar, con todo, depende moito de se aparece un exemplar vivo, morto dende hai poucos días ou semanas. E tamén dependerá moito do estado no que se atope. “Nós traballamos baixo demanda, cando aparece unha especie morta no propio día aproveitamos para sacar todas as mostras posibles, dende órganos, pel ou pezas óseas”. Con todo, iso non sempre é posible, xa que ás veces chegan animais que levan varias semanas mortos vagando polo mar e os biólogos só poden extrar mostras de pel para a análise xenética. Este ano apareceu unha especie moi pouco habitual en Galicia: un golfiño de flancos brancos (Lagenorhynchus acutus), unha especie do Atlántico norte que aparecera por última vez en 2004. “Cando chegan especies divagantes do norte, pode que sexa porque son arrastradas por temporais ou borrascas”, confirma Covelo. Neste caso este golfiño xa levaba moito tempo morto.

Publicidade

Aparece en Fisterra un golfiño de flancos brancos (Lagenorhynchus acutus). Foto: CEMMA.
Aparece en Fisterra un golfiño de flancos brancos (Lagenorhynchus acutus). Foto: Cemma.

“Cando son especies particularmente grandes o traballo complícase”, apunta o biólogo. Este ano apareceron seis exemplares de balea alibranca, a última, unha adulta de oito metros atopada en Oia (Pontevedra). Cando aparecen individuos de menos de tres metros os encargados de retiralos son os concellos, con todo, cando miden máis, poden pedir axuda á Xunta. Ademais, o labor de retirada é todavía máis complicado cando as especies están en zonas de rocha, “xa que non podemos usar nada de maquinaria e temos que facer todo o traballo a man” explican dende a Cemma.

Aínda que a metodoloxía sempre é a mesma, cando aparecen especies particulares si que tratan de sacar mostras das que adoitan estar escasos. “É o caso das baleas, das que adoitamos extraer mostras das barbas para analizar o alimento”, explica o biólogo. Tamén extraeron noutras ocasións esqueletos enteiros para diferentes museos. Como por exemplo, o cachalote que se atopa no Museo do Mar en Vigo ou o esqueleto de balea que hai no museo de Historia Natural en Ferrol.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Corridas de arroaces en Pontevedra: a histórica persecución dos cetáceos en Galicia

A recomendación de cazar a especie Tursiops truncatus remóntase séculos atrás e xa no XVIII o ilustrado Frei Martín Sarmiento defendía esta práctica

As candorcas entran por primeira vez na ría de Pontevedra

O biólogo Alfredo López confirma o avistamento de oito exemplares da especie 'Orcinus orca' na parte interior das illas de Ons

As candorcas volven a Galicia con menor interacción: mudou o seu comportamento?

O Grupo de Traballo Orca-Mariña e a CEMMA observa un descenso no reporte de incidencias entre o animal mariño e as embarcacións da península

As 11 recomendacións que debes pór en práctica se te atopas cun cetáceo

A causa dos actos negativos fronte á presenza do arroaz Confi na Enseada de Corcubión, a CEMMA lanza aos bañistas unha serie de recomendacións para mellorar o benestar destes animais