Unha fronte fría deixará chuvia e un brusco descenso de temperaturas na fin de semana

O sábado agárdanse precipitacións febles e intermitentes na metade norte e no litoral atlántico

Galicia arrincou o mes de xullo con tempo solleiro e caloroso, con temperaturas que superaron os 30 graos no interior de Ourense e nas Rías Baixas. Con todo, os servizo de meteoroloxía prognostican un brusco cambio de tempo para os vindeiros días. A responsable será unha fronte atlántica que entrará por Galicia o venres pola noite e deixará chuvias febles e intermitentes na metade norte e nalgúns puntos do litoral atlántico o sábado pola mañá. A fronte, ademais, abrirá a porta do Atlántico a unha masa de aire frío que causará un brusco descenso das temperaturas, de ata 10 graos, especialmente na metade sur.

Máis polo miúdo, este xoves continuará a influencia anticiclónica sobre Galicia e agárdanse ceos despexados e temperaturas máximas que roldarán os 25 graos no norte e subirán ata os 32 nas cidades do sur. A xornada do venres prevese estable ata as últimas horas da tarde, cando entre unha fronte fría que provoque o brusco cambio de tempo que se agarda de cara á fin de semana. De feito, está previsto que conforme avance a tarde tamén entren nubes de tipo medio e alto que cubran os ceos. Aínda que as máximas poderán ascender lixeraimente no leste, cos 35 graos que poderá acadar Ourense, no leste xa comeza un descenso progresivo que se materializará nos próximos días. En canto ás mínimas, estarán entre os 16 e os 18 graos.

Publicidade

Influencia das baixas presións

O sábado será un día marcado pola inestabilidade, dado que Galicia quedará baixo a influencia dun centro de baixas presións. A fronte atlántica provocará ceos moi nubrados durante a mañá e algunhas chuvias febles, sobre todo na metade norte e nalgúns puntos do litoral atlántico. O máis salientable da xornada será o forte descenso das temperaturas, especialmente nos valores máximos. Agás as cidades do sur, que estarán arredor dos 24 graos, as os do norte quedarán nos 20 e Lugo, concretamente, non superará os 19. É dicir, valores baixos para esta época do ano. As mínimas tamén diminuirán, manténdose entre os 10 e os 14 graos.

No que respecta ao domingo, Galicia estará nunha zona intermedia entre as altas e as baixas presións. Segundo Meteogalicia, os ceos estarán xeralmente despexados e as máximas experimentarán un lixeiro ascenso, pero sen chegar aos valores de principios de semana. Ourense rexistrará 27, Vigo e Pontevedra quedarán arredor dos 25, mentres que Ferrol, A Coruña, Santiago e Lugo roldarán os 22. En relación á vindeira semana, continuará a inestabilidade, polo menos ata o mércores. Agárdanse valores que non superen os 23 graos e probabilidades de chuvia en toda Galicia que poden acadar o 60%.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea