O mes de xuño rematou entre nubes e claros, temperaturas frescas para esta época do ano, treboadas no interior de Galicia e precipitacións xeneralizadas o pasado domingo. Despois dun inestable comezo do verán, parece que o ambiente propio da estación máis longa do ano chega a Galicia. A semana arrinca coa influencia das altas presións situadas nos Azores e, por tanto, con tempo solleiro e caloroso. De feito, unha dorsal subtropical será a responsable dun acusado ascenso térmico ao longo da semana e, especialmente, no sur de Galicia. A previsión é que as cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra acaden os 33 graos o xoves. Porén, a metade norte de Galicia quedará por debaixo dos 25.
Dende o luns ata o xoves non se producirán cambios significativos. Os ceos estarán despexados na meirande parte do territorio, con algunhas néboas matinais nos vales do interior. A influencia das altas presións, que entrarán forma de cuña polo noroeste da península, manteñen o tempo estable pero cun importante contraste térmico. Por exemplo, a cidade da Coruña non superará os 22 graos en toda a semana; unha situación moi diferente ao sur, que estarán folgadamente por enriba dos 30. Outro dos elementos que marcarán a configuración atmosférica da semana será a cirulación do vento do nordés, con intervalos moderados entre luns e martes e frouxos de cara á segunda metade da semana.
Prognóstico incerto para a fin de semana
De cara á fin de semana, o prognóstico aínda é incerto. Dende Meteogalicia prevén que as altas presións e o vento do nordés continúen exercendo a súa influencia sobre Galicia, deixando tempo solleiro, pouca probabilidade de chuvia e temperaturas en ascenso. Porén, outros servizos de meteoroloxía prognostican un paranorama máis adverso. Por exemplo, Samuel Biener indica nunha peza publicada no portal Meteored que, a longo prazo, pode entrar un “chorro polar débil”, que podería traer novos cambios de tempo. Mario Picazo, en eltiempo.es, prognostica que na parte final da semana podería entrar unha fronte fría que deixaría precipitacións en Galicia.













