Os dous fungos que axudaron a derrotar os exércitos de Napoleón e Hitler en Rusia (e hai en Galicia)

*Un artigo de

Napoleón Bonaparte e Adolf Hitler tiveron traxectorias militares paralelas: ambos sufriron derrotas catastróficas en Rusia sen lograr capturar a súa capital. Esta similitude non é só un dato curioso da historia, senón unha profunda lección sobre os límites do poder militar e as consecuencias de subestimar a resistencia e as condicións adversas, intoxicacións alimentarias incluídas.

Publicidade

Dúas campañas paralelas

En xuño de 1812, Napoleón emprendeu a súa soada campaña contra Rusia coa Grande Armée, ata ese momento considerada invencible. Buscaba forzar ao tsar Alejandro I a reincorporarse ao Bloqueo Continental, cuxo propósito era asfixiar economicamente a Gran Bretaña.

Con todo, a táctica de terra queimada empregada polos rusos, a inmensidade do seu territorio, as condicións climáticas extremas e a sólida resistencia dos defensores minguaron as forzas de Napoleón, obrigándooo a realizar unha retirada catastrófica. Foi o principio da fin do seu imperio.

Publicidade

A retirada de Napoleón de Moscova segundo o pintor Adolph Northen (1828-1876). Foto: Wikimedia Commons

Case 130 anos despois, Hitler cometeu un erro sorprendentemente similar. En xuño de 1941, confiado nunha rápida vitoria, lanzou a invasión da Unión Soviética —a Operación Barbarroja— , que se converteu na fronte máis grande e sanguenta da Segunda Guerra Mundial.

Do mesmo xeito que Napoleón, Hitler subestimó a dureza do inverno ruso, así como a capacidade de resistencia do exército e o pobo soviético. A pesar das vitorias iniciais, o exército alemán non logrou tomar Moscova e finalmente foi derrotado, o que tamén marcou un punto de inflexión na II Guerra Mundial.

Os factores xa citados —o clima extremo e a resistencia dos defensores rusos— foron sen dúbida decisivos nas campañas militares. Con todo, hai algúns anos descubriuse un novo e inesperado aliado dos rusos: os fungos contaminantes dos alimentos.

En concreto, foron dúas especies de fungos as que pareceron desempeñar un papel crucial: o caruncho do centeo (Claviceps purpurea) e unha especie do xénero Fusarium —ambas presentes en Galicia—. As substancias tóxicas que xeran transmítense a través dos alimentos contaminados.

Gangrena, convulsións e outros estragos do caruncho

Empecemos polo primeiro deles: Claviceps purpurea. Este fungo parasito infecta os cereais —e, en especial, o centeo— xerando unhas estruturas duras e escuras denominadas esclerocios que substitúen os grans do vexetal afectado. Dentro dos esclerocios atópanse os alcaloides, un grupo de potentes micotoxinas que poden causar graves problemas de saúde cando son consumidas.

Estes compostos son responsables dunha enfermidade que apareceu con forza na Idade Media: o ergotismo. Tamén se coñece como “lume de San Antonio” ou “mal dos ardentes”, debido aos intensos ardores que provoca.

O ergotismo pode ser gangrenoso ou convulsivo. A primeira modalidade ataca o sistema circulatorio, provocando unha vasoconstrición severa capaz de provocar unha gangrena nalgunha das extremidades. No segundo tipo de ergotismo vese afectado o sistema nervioso central, orixinando síntomas como convulsións, alucinacións, dores de cabeza e espasmos.

‘As tentacións de San Antonio’, do Bosco. Dentro do círculo vermello pode verse un afectado por ergotismo.

Ao longo da historia, as epidemias de ergotismo causaron a morte e sufrimento de miles de persoas, especialmente cando o centeo contaminado era unha parte importante da dieta.

Así actúa a toxina T2

O outro axente microscópico presente nas campañas de Hitler e Napoleón foi T2, unha potente micotoxina producida por varias especies de fungos do xénero Fusarium, como Fusarium sporotrichioides. É parte dun grupo de compostos coñecidos como tricotecenos, tóxicos tanto en humanos como en animais.

Ademais, ao ser un patóxeno de plantas, pode contaminar unha ampla gama de cultivos agrícolas, incluíndo cereais como o centeo. A inxestión de alimentos contaminados coa toxina T2 pode producir inmunosupresión, danos na pel e membranas mucosas, vómitos, diarrea e, en casos severos, a morte.

Axentes microscópicos combatendo en primeira liña

Durante anos, a contaminación do pan con alcaloides ergóticos, en Europa Occidental e Central, e da toxina T2, en Rusia e en Europa do Leste, foi algo bastante común.

No seu libro Poisons of the Past: Molds, Epidemics, and History, a historiadora estadounidense Mary Kilbourne Matossian suxire que, durante a chamada Pequena Idade de Xeo (aproximadamente entre 1300 e 1850) e nos meses da Operación Barbarroja, o ambiente inusualmente frío creou as condicións ideais para a proliferación de fungos como Claviceps purpurea e Fusarium. Este fenómeno agravaría as dificultades loxísticas e sanitarias que enfrontaron as tropas de Napoleón en 1812 e os soldados alemáns en 1941.

Efectivamente, durante a Pequena Idade de Xeo, as temperaturas baixas en abril favorecían a produción da toxina T2 por fungos Fusarium, mentres que en xaneiro promovían a formación de alcaloides tóxicos por caruncho do centeo.

No caso do Claviceps purpurea, hai que engadir que a contaminación se producía por unha gran diversidade de toxinas. Un estudo dirixido pola investigadora rusa M. Sarkisova, citado por Matossian, atopou que o 44% de 529 cepas analizadas producían alcaloides cunha ampla variedade destes compostos.

“O mal que retorce”

En Rusia, o ergotismo —que se coñecía como “o mal que retorce”— identificouse por primeira vez entre 1785 e 1786 no río Desná, sendo oficialmente recoñecido en 1797 por un médico que vinculou esta enfermidade coa descrita anteriormente polo médico francosuizo Simon André Tissot.

Con todo, ata 1840 o goberno ruso non aceptou esta conexión, debido a que a confundían con escarlatina, difteria, pelagra ou escorbuto. Por fin, en 1943, as autoridades dese país clasificárona como leucopenia tóxica alimentaria.

En definitiva, dous diminutos fungos poderían axudar a cambiar as tornas en dous episodios clave da historia.


*José Miguel Soriano del Castillo é catedrático de Nutrición e Bromatoloxía do departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universitat de València.

Cláusula de divulgación: Jose Miguel Soriano del Castillo non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis aló do cargo académico citado.

José Miguel Soriano del Castillo
José Miguel Soriano del Castillo
Catedrático de Nutrición e Bromatoloxía do Departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universitat de València.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Mira o que comes e como o envolves: “Hai interaccións de sustancias entre os envases e a comida”

Un investigador do CITIC presenta unha proposta para identificar biomarcadores de enfermidades gastrointestinais e analizar a influencia de determinadas substancias na microbiota

Unha defensa da nosa contorna: así é o traballo campión galego de vídeo submarino

Xaime Beiro e Lara González gañan por terceira vez consecutiva o campionato cunha peza que amosa a biodiversidade das nosas costas

A UDC detecta a presenza dunha alga invasora nas rías da Coruña e Vigo

O persoal investigador de BioCost e BioAplic identificou en Galicia á 'Rugulopteryx okamurae', unha especie que xa está a causar problemas no sur da península

A astrofísica galega Minia Manteiga presidirá a Sociedade Española de Astronomía

A investigadora, que lidera en Galicia o proxecto Gaia para a creación do maior mapa da Vía Láctea, asume o reto de estar á fronte desta lnstitución que agrupa a mil profesionais da astronomía