Como afectan as chuvias extremas á contaminación na ría de Arousa?

Un modelo da UDC simula a viaxe dos refugallos ata o mar e estuda como as precipitacións intensas axudan no proceso

O crecemento das cidades das últimas décadas aumentou significativamente a dispersión de contaminantes nas zonas urbanas, dende metais pesados e residuos orgánicos ata produtos químicos industriais. Por outra banda, os eventos extremos de precipitacións, cada vez máis frecuentes e intensos a causa do cambio climático, agravan este problema, ocasionando inundacións e correntes de auga que arrastran estes contaminantes cara ao mar e afectando tanto á calidade da auga como á saúde dos ecosistemas. A ría de Arousa non é unha excepción a esta realidade e, de feito, Greenpeace convocou este martes unha manifestación mariña contra a contaminación na ría, e mostrou a súa oposición á instalación da fábrica de Altri.

Ronnie Araneda Cabrera, investigador e membro do Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da Universidade da Coruña (UDC), e o seu equipo utilizan modelos de caudal e de contaminantes para tratar de cuantificar os riscos reais que existen, así como as zonas da ría de Arousa especialmente afectadas por esta situación. Nesta investigación, presentada na IV Asemblea do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, “podemos simular o contaminante e a carga que queiramos para determinar que ocorrería en cada caso. Así, podemos saber como se movería dita carga a través da ría cando chegue a chuvia para poder tomar mellores decisións“, di Araneda.

Publicidade

As chuvias torrenciais e outros eventos extremos de precipitacións adoitan provocar inundacións rápidas e extensas, superando a capacidade de drenaxe das infraestruturas existentes e sendo especialmente problemáticas nos contextos urbanos: “Nestas zonas é onde adoitan concentrarse as fontes de contaminación, ben orgánicas —restos animais ou vexetais— ou ben inorgánicas —rodas de coches e bicicletas, utensilios de cociña, restos das fábricas…—. Cando se acumula a auga e os sistemas de saneamento se saturan, a auga contaminada acaba chegando ao mar en vez de ser depurada, como ocorrería noutras condicións. Isto pode ocorrer porque o sistema non dá para máis, porque a tubaxe estea danada nalgún punto ou simplemente porque a infraestrutura non está deseñada para admitir tanta auga”, explica o investigador.

Principais riscos

Unha das consecuencias máis coñecidas do cambio climático é o aumento da temperatura global. Este quecemento altera os patróns climáticos, aumentando fenómenos extremos como as vagas de calor, as secas e as precipitacións intensas. Non obstante, este aumento da temperatura tamén altera a degradación de certos contaminantes. “Por exemplo, en bacterias como Escherichia coli é diferente en condicións normais que cando a temperatura do mar está elevada. Isto podería alterar tamén os ciclos habituais de certos peixes que son moi sensibles ao aumento da temperatura, os cambios na salinidade ou nas concentracións de contaminantes. Se estes momentos coinciden con épocas de apareamento ou de crecemento, o ciclo pode alterarse e isto provocaría un descenso directo do número de individuos“, manifesta Araneda. Alén disto, o cambio climático tamén sería responsable de cambios nas correntes ou nos ventos, de maneira que “cambiaría o desprazamento dos contaminantes, chegando a diferentes puntos”.

Publicidade

A isto habería que engadir a posibilidade de que aparezan novos contaminantes para os cales sería necesario estudar e contemplar novas relacións co aumento da temperatura ou o seu impacto sobre a vida mariña. Por este motivo, Araneda tamén sinala a relevancia doutros estudos dentro deste ámbito que, en lugar de realizar modelos e simulacións, analizan a calidade da auga para determinar os contaminantes concretos que deben ser estudados. “Actualmente é certo que hai bastante control e non hai riscos moi altos, mais debemos estar pendentes. Outra das vías que estudamos no meu grupo é o impacto que estes contaminantes poderían ter nas actividades sociais, ben lúdicas como o turismo ou ben económicas como a pesca e o marisqueo”.

A ría de Arousa

Unha das zonas máis ricas de Galicia, tanto pola súa biodiversidade como pola súa importancia económica é a ría de Arousa. Non obstante, o cambio climático e as consecuencias asociadas a este supoñen un crecente desafío para o estuario. “Ao ser un espazo máis pechado non se verá tan afectada polos cambios nas correntes como outras zonas, mais si polo aumento das temperaturas. Unha das características máis importantes é que se ben a ría ten 290.000 habitantes de maneira permanente, a poboación chega a duplicarse nas temporadas máis altas do turismo. Estamos, polo tanto, ante unha zona que durante dous ou tres meses ao ano tamén ten unha maior concentración de contaminantes ao existir, entre outras, unha maior presenza de persoas e vehículos circulando”, sinala Araneda.

Se ben as precipitacións intensas son máis comúns durante o inverno, non é estraño que se produzan tamén durante o verán, dando lugar a un evento intenso que pode afectar aos ecosistemas locais e arrastrar estes contaminantes urbanos cara ao mar.

Por outra banda, a distribución característica do rural galego tamén supón todo un reto para a modelización levada a cabo polo equipo: “Atopámonos con pequenas aldeas, ou ás veces incluso só con dúas ou tres casas afastadas. Estes núcleos poden ter certas verteduras que é complicado ter en conta. No momento no que se produce a chuvia non sabes se estes veñen da rúa ou dunha casa. Con todo, tamén é certo que un grupo pequeno de vivendas non debería provocar unha contaminación importante, posto que o impacto é proporcional”.

Ademais, o investigador tamén recoñece os esforzos realizados para evitar danos maiores ocasionados pola contaminación urbana: “Para realizar os nosos modelos precisamos moitos datos da estrutura da tubaxe dos núcleos urbanos. Nos últimos anos percibimos un avance nas intervencións para que os contaminantes cheguen a unha planta de tratamento en lugar de ir a parar ao mar. É dicir, actualmente hai un risco menor de que os contaminantes vaian directamente ao mar. O que ocorre é que son investimentos que a xente non ve porque está baixo terra, non é como facer un parque bonito, mais están aí”.

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O verán galego é 1,8 graos máis cálido que hai 60 anos

O investigador do CSIC Dominic Royé explica que aumentou a temperatura media e cada vez hai máis eventos meteorolóxicos extremos como ondas de calor, secas ou alteracións nos patróns de choiva

Catro claves para crear bosques urbanos e combater a crise climática dende as cidades

Unha urbe sen árbores posúe unha menor infiltración de auga, temperaturas máis altas e unha poboación con máis enfermidades

Galicia rompe o tópico: en 2025 rexistráronse máis horas de sol do habitual

O documento confirma o aceleramento do quentamento global ao recoller unha temperatura media de 1,1 graos por enriba do promedio anual normal

Aire acondicionado fronte ao cambio climático: indispensable ou incompatible?

A OMS presenta unha nova guía de plan de acción sobre saúde e calor na que recoñece os seus efectos negativos á vez que insiste na necesidade de acceso