Elena Ojea: “O cambio climático aumentará os eventos extremos en Galicia”

A investigadora, que participou na elaboración do IPCC, fala das consecuencias do fenómeno, os acordos pesqueiros e a adaptación

A publicación do Sexto Informe de Avaliación do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) despois de cinco anos de investigacións arredor deste fenómeno revelou as consecuencias máis duras dun problema global: incremento das vagas de calor, secas e inundacións, mortalidades masivas de especies animais e vexetais, inseguridade alimentaria, etc.

Elena Ojea, docente e coordinadora do grupo de investigación Futures Ocan Labs da Universidade de Vigo (UVigo) participou na elaboración do informe denominado Cambio climático 2022: impactos, adaptación e vulnerabilidade. Precisamente, Ojea é a autora principal do terceiro capítulo, Os ecosistemas oceánicos e costeiros e os seus servizos, onde conclúe que “as vagas de calor no mar son unha realidade e poden durar dende semanas a meses, levando as especies mariñas a rebasar os seus límites de tolerancia“.

Publicidade

“O cambio climático empeora os impactos que veñen doutras causas como a contaminación, a sobrepesca ou as especies invasoras”

Ademais da gravidade destas consecuencias do cambio climático, a evidencia científica máis recente sobre os océanos e os ecosistemas mariños deixa claro que esta situación de emerxencia “empeora os impactos que veñen doutras causas, como a degradación dos hábitats, a contaminación, a sobrepesca ou as especies invasoras. Estes, e outros impactos como a subida do nivel do mar e dos eventos extremos ou a acidificación, están causando estragos nos servizos ecosistémicos mariños e limitan a capacidade que temos de respostar“, explica a investigadora.

A costa galega

A situación xeográfica de Galicia coloca a comunidade nunha situación de especial vulnerabilidade, deixando a costa “exposta ao aumento dos eventos extremos mariños. Con bastante seguridade, veremos episodios de tormentas e inundacións costeiras de forma máis frecuente e intensa que anteriormente”, di Ojea. Os efectos disto xa se deixan notar na economía, posto que o aumento da temperatura afecta ás especies mariñas, incluídas as tradicionalmente comerciais.

Publicidade

O sector pesqueiro é outro dos temas tratados pola investigadora, quen se remite á evidencia existente para afirmar que se espera que a pesca diminúa un 5% por cada grao máis que acade a temperatura media global: “Se ben se trata dunha media, rexionalmente pode haber perdas de máis do 50%. En Galicia os maiores impactos virán do aumento de eventos extremos que impedirán faenar, da mortalidade de especies mariñas por temperaturas extremas, por especies invasoras ou polo acceso a novos caladoiros onde se desplazan as especies comerciais”.

“Os hábitats ben conservados e restaurados son capaces de respostar mellor aos impactos do cambio climatico”

Aínda así, a investigadora non perde a esperanza e deixa claros os puntos necesarios para reverter esta situación: “A curto e medio plazo é fundamental manter un bo nivel de conservación e unha alta biodiversidade nas nosas costas. Os hábitats ben conservados e restaurados son capaces de respostar mellor aos impactos do cambio climatico e ademais así manter os servizos ecosistémicos como pesca, marisqueo, deportes mariños, etc. En Galicia aínda se pode facer moito neste eido, mellorando a biodiversidade mariña con ferramentas de xestión espacial baseadas nos ecosistemas e sempre con procesos participativos, inclusivos e xustos que eviten dar lugar a novas vulnerabilidades”.

Precisamente as illas son unha contorna especialmente exposta aos fenómenos extremos mariños que refire Ojea, aínda que no informe non se chegan a analizar os impactos a unha escala local. Non obstante, tendo en conta os estudos realizados por investigadores da contorna galega, a investigadora mantén o mesmo consello: “Con bos estados de conservación, a capacidade destes ecosistemas para facer fronte ao cambio climático será moito máis grande, polo que cómpre reducir ao máximo outros impactos nestas contornas e facer unha conservación efectiva“.

Adaptación transformativa

Unha das conclusións as que chega este informe sobre o cambio climático é que, en moitos casos, a resposta a este non é suficiente, senón que se requiren outro tipo de accións que transformen o paradigma. Para Ojea, isto require “repensar o modelo social, institucional e económico para emprender un camiño resiliente ao clima. En concreto, as medidas de transformación tradúcense na relocalización de poboación costeira cando é preciso, transformación de industrias mariñas, transformación da gobernanza mariña internacional para facela equitativa e adaptativa, xestión baseada nos ecosistemas, etc.”.

“Os acordos pesqueiros internacionais practicamente ignoran os impactos do cambio climático”

Por exemplo, no caso da pesca galega, esta está baseada nun sistema artesanal e industrial ao que podería implementar unha adaptación transformativa baseada na sustentabilidade, o que permitiría a continuación do sector. Neste sentido, a investigadora apunta á gobernanza internacional: “Polo de agora, os acordos pesqueiros internacionais practicamente ignoran os impactos do cambio climático, e non son revisados tendo en conta os cambios que están acontecendo ou que se esperan no futuro. As especies mariñas están sendo desprazadas por mor do cambio climático unha media de 60 quilómetros por década, e non entenden de xurisdicións. Evitar a sobreexplotación é fundamental. Non obstante, aínda seguen a poñerse límites ás capturas que superan a recomendación científica”.

Neste sentido, Ojea fai fincapé na necesidade de obter coñecemento contando cos expertos de cada rexión para poder predicir os impactos no medio mariño a un nivel máis local. No caso galego, por exemplo, existe o fenómeno do afloramento, que “trae á superficie augas frías e ricas en nutrientes das profundidades. É un fenómeno que se pode estudiar mellor a escala rexional e por iso non está sempre incluído nos modelos globais mariños”.

A temperatura

O aumento das temperaturas globais é un tema central no debate arredor do cambio climático, especialmente ao falar de ecosistemas mariños, onde estas elevacións poden levar á morte de numerosas especies. No caso do aumento de 1,5º marcado como o mellor escenario nestes momentos, xa implicaría a chegada a puntos de non retorno de hábitats como os arrecifes de coral, os bosques de macroalgas (kelp) ou as pradeiras mariñas.

“O que tardemos en chegar ao 1,5º de aumento global da temperatura depende do camiño que tomemos agora”

Por isto, a investigadora insiste: “O que tardemos en chegar ao 1,5º de aumento  global da temperatura depende do camiño que tomemos agora en canto a emisións de gases de efecto invernadoiro. Se seguimos por un escenario de emisións en aumento, chegaremos a ese quecemento en só un par de décadas como moito. Pero se cambiamos o modelo de desenvolvemento e reducimos as emisións, podemos pospoñer ata finais de século este aumento. Isto suporía acadar os obxectivos do acordo de París”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha tecnoloxía feita por galegas producirá bioplásticos a partir de aceites usados

O proxecto Pretenacc, financiado polo programa Ignicia, procura a posta en marcha dun método pioneiro para fabricar plásticos de orixe vexetal

Investigadores galegos estudan cal é a dose efectiva e segura dos medicamentos

O obxectivo é mellorar a absorción de antifúnxicos orais para poder reducir a cantidade administrada

O marisqueo a pé, un paradigma da sostibilidade

As pegadas de carbono e hídrica desta actividade son moi baixas a causa da súa natureza puramente artesanal

Ata 707 mortes atribuídas á calor en Galicia este verán: as causas dunha tendencia en aumento

Os datos publicados pola Fundación para a Investigación do Clima amosan un ascenso pronunciado na cifra de falecidos debido á exposición prolongada ás altas temperaturas